InicioEconomíaIndustria recibirá o martes ao comité, que ve o informe do ERE...

Industria recibirá o martes ao comité, que ve o informe do ERE presentado por Alcoa “cheo de falsidades”

Os sindicatos agardan que a reunión co secretario xeral do Ministerio, Raül Blanco, "concrete" o plan esbozado na mesa multilateral

Publicada o

- Advertisement -

Ramón González Rey/EFE. Representantes do comité de empresa mantiveron este xoves unha nova reunión coa dirección de Alcoa San Cibrao no marco do período formal de consultas para executar un despedimento colectivo na planta de aluminio primario que podería afectar a máis de 900 traballadores entre operarios directos e persoal das auxiliares, un encontro no que a multinacional presentou o “plan técnico” para levar adiante ese ERE.

Á saída desa reunión, que se celebrou en Lugo, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, comentou á prensa que os representantes dos traballadores non están “para nada de acordo co plan técnico” presentado pola empresa, porque ao seu xuízo “é moi sesgado”.

OS SINDICATOS QUEREN ELABORAR UN CONTRAINFORME

“Só fala da parte que lles interesa a eles, pero non fala nada do que ten que falar”, dixo Zan, quen tamén precisou que o comité non pode dar detalles do mesmo á opinión pública, porque se trata de información “confidencial“.

“Son informes que son sesgados e teñen datos confidenciais, pero esta é unha empresa mundial, cun nivel global de movemento de materias primas e de vendas de produtos, polo que non serve analizar só unha parte do negocio“, afondou o sindicalista, que salientou que “Alcoa segue empeñada en que negociemos con Garrigues” e non coa directiva.

En calquera caso, si comentou que o comité espera que a empresa envíe a “información a maiores” que solicitou para “presentar un contrainforme que poña en evidencia todas as falsidades” que contén o mencionado plan técnico.

“NON NOS QUEDA MÁIS REMEDIO QUE SEGUIR LOITANDO”, AFIRMA ZAN

Para o presidente do comité, está claro que a empresa segue o guión establecido para facer efectivo o seu plan, porque “desde o momento” no que a reunión “é dirixida” por un bufete de avogados contratado pola multinacional, “é evidente que non teñen ningunha intención de buscar unha solución“.

Zan concretou que o vindeiro martes “teremos unha reunión co secretario xeral de Industria, Raül Blanco. Agardamos que aí se concrete ese plan específico para poder solucionar a problemática nosa e ter algo sólido a partir do que falar”, salientou.

En canto á postura dos traballadores, recoñeceu que non lles queda máis remedio que “seguir igual”, porque “non queda outra que loitar” e continuar “presionando aos gobernos” para que busquen unha solución que permita salvar a produción de aluminio primario e o mantemento dos postos de traballo.

Zan subliñou que o comité seguirá coas mobilizacións para que “nin o Goberno de España nin a Xunta de Galicia se dobren ante unha multinacional” e defendan os propios “intereses do país” e dun sector, como o da produción de aluminio, que é “estratéxico” para o seu futuro.

AS VINDEIRAS REUNIÓNS DO ERE, OS DÍAS 9 E 12

A dirección de Alcoa deu o pasado 25 de xuño inicio ao proceso formal de consultas de despedimento colectivo, cunha duración de 30 días naturais.

Separadamente da reunión da mesa de negociación desta xornada, prevense, como mínimo, indicou a empresa, outras tres, os días 9 (xoves), 12 (martes) e 23 (xoves de novo) de xullo.

CRÍTICAS Á MULTINACIONAL POR DELEGAR A NEGOCIACIÓN NOS SEUS SERVIZOS XURÍDICOS

Alcoa non quixo desvelar as principais conclusións do informe, realizado por unha consultora “que analiza a situación insostible da planta de aluminio minuciosamente”. A multinacional segue atribuíndo o ERE a “dúas causas estruturais”, a “sobrecapacidade mundial” que “exerce unha presión á baixa do prezo” do metal e “o custo da enerxía eléctrica“. Estes factores provocaron “perdas recorrentes que se prevé que continúen”.

A multinacional, que pretende unha “restruturación” da planta de aluminio na que só continuaría operando “unha parte da fundición” -en realidade suporía o peche da electrólise e a cancelación da produción de ánodos e o metal líquido, así como a elaboración de tochoslingotes e de parte da factura de placas-, reitera que “non hai unha decisión tomada”, malia que os obreiros remarcan que delegou completamente a negociación nos seus servizos xurídicos. “Directivos da multinacional ao máis alto nivel están participando nas reunións”, escúdase Alcoa, que insiste en que a refinería de alúmina non se vería afectada.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...