Obreiros de Alcoa e familias levarán o venres as protestas á Praza do Obradoiro

O novo acto reivindicativo por unha solución ao ERE presentado pola multinacional na planta de aluminio será de noite e os asistentes iluminarán a contorna da catedral de Santiago

Traballadores de Alcoa, nun momento da marcha nocturna de San Cibrao. CARLOS CASTRO/EP/GC

Unha xuntanza familiar na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela, o vindeiro venres, 31 de xullo, será o seguinte acto reivindicativo convocado polo comité de empresa de Alcoa San Cibrao, a fin de reclamar unha solución para a planta de aluminio, onde a multinacional presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que suporía máis de 900 despedimentos entre empregados da factoría e da industria auxiliar.

A reunión será de noite, de 22.30 a 00.00 horas, e os sindicatos piden aos asistentes que leven algún elemento luminoso para iluminar a praza. Os traballadores deberán levar chaqueta de traballo ou chaleco e casco. O comité prega que se manteña a distancia interpersoal de dous metros e lembra o uso obrigatorio de máscara.

A convocatoria prodúcese a menos dunha semana da conclusión do período de consultas do ERE, sen que na reunión do pasado martes houbese avances. Alcoa non dá credibilidade ao comprador concretado polo Goberno na mesa multilateral e mantense na posición de condicionar calquera venda á parada de cubas, medida que os obreiros consideran “a morte” da fábrica de aluminio.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here