InicioEconomíaAlcoa comunica a través da Consellería que non volve á reunión co...

Alcoa comunica a través da Consellería que non volve á reunión co comité

Os directivos da multinacional deron a volta tras ser recibidos por obreiros que tiraron ovos ás furgonetas; os sindicatos piden á Xunta que "arbitre" ante a actitude da empresa

Publicada o

- Advertisement -

A representación de Alcoa non se presentou polo de agora á última reunión do período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado na planta de aluminio de San Cibrao. Á hora de peche desta información, as 14.15 horas, o comité de empresa e delegados sindicais da comisión negociadora seguían no restaurante Los Robles de Lugo, á espera dos representantes da multinacional, que marcharon da sé das reunións nada máis chegar, ao ser recibidos por obreiros que lanzaron ovos ás furgonetas nas que se desprazaban. Segundo indicaron os sindicatos, a Consellería de Industria foi quen lles comunicou que a patroal non acudirá ao encontro e que se comunicará con eles ao longo do día.

O Xornal da Mariña quixo consultar a Alcoa a razón da súa ausencia, non podendo contactar con fontes da multinacional, que semella que se escuda neses incidentes para ausentarse do encontro.

“A XUNTA TEN QUE SENTAR Á MESA DE NEGOCIACIÓN E MEDIAR”, AFIRMA O COMITÉ

“Unha imaxe vale máis que mil palabras”, asegurou o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, referíndose ao recinto. “A entrada está libre e parece que queren facerse as vítimas despois de portarse connosco coma voitres. Non entendemos como se permite isto; esiximos que a autoridade laboral arbitre, que a Xunta de Galicia se sente á mesa a negociar tamén, porque é imposible chegar a un acordo con Alcoa”, afirmou o sindicalista.

“Levamos aquí desde pola mañá e non aparece ninguén, e ademais con mentiras”, criticou Zan. “Chamáronnos desde a Consellería para dicirnos que (Alcoa) non ía vir, que nos ía chamar”. O sindicalista censurou a actitude da multinacional e lembrou que onte non se presentou a unha reunión telemática convocada de urxencia polo Goberno central, coa participación da Xunta de Galicia, os tres grandes sindicatos a nivel galego –CIG, CC OO e UGT– e Liberty House, o posible comprador da planta de aluminio, na que a titular pretende aplicar un ERE que suporía máis de 900 despedimentos entre obreiros da factoría e persoal da industria auxiliar.

“Isto vai de castaño a escuro e é vergoñento como país; onte non se presentaron á reunión coas Administracións e sindicatos e hoxe non comparecen para asinar a acta de desacordo. Supoñemos que é porque o documento é dubidoso e non conta a verdade”, advertiu Zan, que advertiu de que o comité “vai seguir aquí e seguiremos aquí” ata que haxa unha comunicación oficial por parte de Alcoa.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...