Xunta e Goberno emprazan a Alcoa a adiar o ERE ata o 28 de setembro e abordar unha venda a Liberty

As Administracións apoian a postura do comité e solicitan á multinacional que amplíe o período de consultas e negocie vender sen asinar previamente unha parada das cubas


A Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria formularon este martes unha proposta a Alcoa e aos sindicatos para ampliar o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado na planta de aluminio ata -como máximo- o 27 de setembro, co “obxectivo prioritario” de pechar un acordo de compra-venda das instalacións, negociando a operación “en exclusividade” con GFC Alliance/Liberty House mentres se mantén a actividade industrial na fábrica. De non haber acordo, segundo a proposición, multinacional e comité de empresa reuniríanse o día 28 dese mes co propósito de finalizar o proceso do despedimento colectivo.

A MULTINACIONAL SI ACUDIU Á REUNIÓN DESTE MARTES

Así o anunciaron a través dun comunicado conxunto os Gobernos estatal e autonómico, presentes xunto aos sindicatos –CC OO, UGT e CIG– na reunión celebrada este martes, 11 de agosto, xuntanza na que se deu “continuidade”, segundo a nota, “ao encontro celebrado o pasado mércores, día 5”, no que a multinacional rexeitou sentar á mesa de negociación. Desta volta Alcoa si accedeu a participar; está por ver se accede a prorrogar o período de consultas a fin de afrontar unha venda e sen parar mentres tanto as cubas de electrólise nin esixir aceptar previamente unha medida na que a multinacional insistía e que rexeitaban os obreiros, ao entender que suporía “a morte” da fábrica.

UNHA COMISIÓN PARA VIXILAR A VENDA

O obxectivo da ampliación do prazo de negociación do ERE, segundo as partes, é “lograr que se garanta o mantemento da actividade industrial na planta de Alcoa San Cibrao e dos postos de traballo vinculados á factoría”.
Segundo a proposta, Alcoa comprométese a “informar regularmente” á Xunta de Galicia, ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e aos órganos e representantes de cada organización sindical da evolución das negociacións. En concreto, no marco dunha mesa industrial, constituirase unha comisión formada por un representante da Xunta, un representante do Ministerio, un representante de cada unha das organizacións sindicais (CCOO, UGT e CIG) e un representante de cada un dos sindicatos que conforman o comité de Alcoa San Cibrao.

COMITÉ E MULTINACIONAL SENTARÁN NEGOCIAR DE NOVO A PARTIR DESTA PROPOSICIÓN

A proposta trasladada hoxe pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo será remitida ao comité de empresa e a Alcoa para a súa aceptación, que en calquera caso deberase ratificar no marco da comisión negociadora (Alcoa e comité de empresa), que terá de marxe para volverse a reunir ata o vindeiro xoves 13 de agosto.
Ademais do secretario xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, Raúl Blanco; o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde; o responsable de Política Industrial e Sectorial de CCOO de Industria, José Manuel Casado; o secretario xeral de UGT FICA, Pedro Hojas; e o secretario xeral da CIG, Paulo Carril; tamén asistiu á xuntanza o presidente de Alcoa en España, Álvaro Dorado.

OS GOBERNOS ESTATAL E AUTONÓMICO INSISTEN EN QUE TRABALLARÁN “CONXUNTAMENTE” POLA VENDA

Tanto a Xunta de Galicia como o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo queren “reiterar o seu compromiso para seguir traballando conxuntamente con todas as partes e lograr que o proceso de compra-venda da planta de Alcoa San Cibrao teña as certezas necesarias para que dita operación sexa efectiva e se alcance unha solución viable”. Deste xeito, as Administracións valoran “a boa fe do comité de empresa e da compañía para retomar a senda do diálogo e a negociación a partir desta proposta. Contar cun marco temporal máis amplo é demostrativo do esforzo de ambas as partes por alcanzar un acordo e buscar a mellor solución”, conclúe a nota.

O COMITÉ APARCA POLO MOMENTO AS PROTESTAS

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao non propuxo finalmente ao persoal na asemblea celebrada este martes novas mobilizacións nin tampouco un recrudecemento da folga indefinida iniciada no pasado mes de xullo, á espera de que a xuntanza entre sindicatos, Administracións e titular das instalacións poidese frutificar nun acordo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here