InicioEconomíaAlcoa estuda unha contraoferta de Liberty; os obreiros reuniranse coa potencial compradora...

Alcoa estuda unha contraoferta de Liberty; os obreiros reuniranse coa potencial compradora o mércores

Os obreiros apuntan que titular e compradora difiren na duración do contrato de subministro de alúmina; a Xunta pide ás dúas partes que "subsanen" os puntos de desencontro

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa de Alcoa anunciou este venres na asemblea de traballadores que a titular da planta de aluminio está a valorar unha contraoferta formulada a última hora do pasado xoves por parte da potencial compradora da fábrica, Liberty House, polo que na mesa multilateral celebrada esta mañá non trascenderon máis novas sobre o futuro das instalacións. Fontes da propietaria non se pronunciaron sobre este punto, nin os empregados tiveron acceso ao contido da proposta da siderúrxica británica.

“Estamos nunha negociación nas que se están comezando a achegar as posturas“, aseverou o presidente do comité, José Antonio Zan, “e malia que cada un conta a súa versión a única saída que hai é a venda”. O sindicalista concretou que Liberty House cedeu nas súas pretensións de negociar tamén pola planta de alúmina, tratando agora de asegurar un contrato de longo prazo deste subministro.

INSTAN Á PROPIETARIA A “DEIXAR DE POÑER TRABAS”

O presidente do comité de empresa reprochou que Alcoa pretende establecer compromisos a “cinco anos” en España para a subministración de alúmina, cando en Noruega comprou dúas plantas “cun contrato a dez anos e con melloras na subministración alúmina en relación co prezo de mercado”. O representante do comité de empresa subliñou que “Liberty (que procura un acordo a 20 anos vista) ofrece pagar a prezo de mercado”, polo que “non ten lóxica” que non se poida expor ese contrato para a subministración de materia prima a dez anos se a titular “non ten pensado nin vender nin pechar a planta de alúmina en San Cibrao”, salvo que desexe “boicotear” a súa venda.

Zan indicou que hai “avances” nas negociacións con dirixentes de Alcoa, e expresou a súa esperanza de que a discusión “avance máis rápido“. Con todo, advertiu aos directivos da titular que “deixen de poñer trabas” para a venda da fábrica a outros grupos interesados na súa explotación co compromiso de manter os postos de traballo.
Por outra banda, representantes dos traballadores da fábrica de aluminio de San Cibrao prevén reunirse a próxima semana con dirixentes de Liberty House, do grupo empresarial GFG Alliance. En concreto, está convocada unha reunión o vindeiro mércores, 9 de setembro, ás 16.30 horas en Madrid, para que os sindicatos poidan coñecer as ambicións da potencial compradora sobre a planta de fabricación de aluminio primario. Trátase dunha xuntanza “fundamental” para o persoal, a fin de ter “máis novas” e “coñecer a versión da outra parte, para con todo iso ter un maior coñecemento do que está pasando”.

O DOMINGO, XUNTANZA EN VIVEIRO

De non concretarse unha venda antes do 28 de setembro, o acordo entre Alcoa e comité de empresa para prorrogar o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado en aluminio -que suporía a perda de máis de 900 postos de traballo entre a fábrica e a industria auxiliar-, contempla que sindicatos e multinacional retomarían as negociacións do despedimento colectivo ese mesmo día.

Os traballadores convocaron unha xuntanza familiar o vindeiro domingo na Praza Maior de Viveiro, de 11.30 a 12.00 horas, na que amosarán o seu apoio a unha venda repartindo cascos de Liberty House.

A XUNTA PIDE ÁS DÚAS PARTES QUE SUBSANEN AS CUESTIÓNS QUE DIFICULTAN A VENDA

Finalmente, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reclamou a Alcoa –unha solicitude que fai extensiva a Liberty House– “que subsane as cuestións que dificultan o peche da operación de compra-venda da planta de San Cibrao”. Así o manifestou durante unha nova xuntanza da mesa multilateral onde apelou á necesidade de avanzar nas negociacións para acadar unha solución definitiva para a factoría da Mariña e os traballadores que dependen dela.

O conselleiro apelou ao diálogo e reiterou a importancia de que tanto Alcoa como a empresa Liberty House persistan na senda do acordo. Nesta liña, “é fundamental que o Goberno central non demore máis un prezo eléctrico que permita reducir os custos enerxéticos de factorías como a de Alcoa en San Cibrao”, afirmou. “A industria electrointensiva segue á espera do estatuto do consumidor electrointensivo; de que se autoricen as compensacións por custos indirectos de CO2 ata o máximo que permite a Unión Europea e de que se poña en marcha o novo mecanismo de xestión da demanda que substitúa a poxa por interrompibilidade“, insistiu.

Conde reiterou “todo o apoio” da Xunta de Galicia “para que a fábrica de San Cibrao poida contar cun plan de futuro que garanta a actividade e o emprego, a máxima prioridade da Administración autonómica”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...