InicioEconomíaO comité salienta que se garanten as cubas acesas mentres se aborda...

O comité salienta que se garanten as cubas acesas mentres se aborda un proceso de venda “fiscalizado”

O acordo implica que non haberá unha nova prórroga do período de consultas do ERE; de non haber traspaso, o 28-s Alcoa e sindicatos negociarán un Erte ou quedará a vía xudicial

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao asegurou este xoves que o acordo asinado coa multinacional para prorrogar o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) “cumpre con todos os requisitos” que incluíron os traballadores na última proposta formulada á compañía durante as conversas, que é “practicamente a mesma, variando unicamente as datas”.

A partir do luns que vén comezaría o prazo de seis semanas -ata o 27 de setembro inclusive- de prórroga do período de consultas para que a titular da planta de aluminio aborde de xeito exclusivo unha venda das instalacións a Liberty House, o potencial comprador. O día 28, de non concretarse un pacto para o traspaso, sindicatos e propietaria retomarían as conversas do despedimento colectivo cun único día de marxe.

TRES ESCENARIOS POSIBLES DE NON CONCRETARSE UNHA COMPRA

De non chegarse a un acordo, nese día 28 de setembro, segundo concretaron os sindicatos, poderían producirse as seguintes situacións: que as condicións do mercado e do marco enerxético cambiasen e se poidese desmontar a causa do ERE; que non houbese acordo entre obreiros e empresa, polo que esta última podería aplicar o despedimento colectivo unilateralmente e parar as cubas, o que deixaría aos sindicatos unicamente a vía xudicial para frear o apagado da maquinaria, que consideran “a morte” do complexo industrial; ou o acordo para un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte), sen que se concreten as condicións do mesmo.

OS SINDICATOS POÑEN OS OLLOS NA VENDA: “É O QUE TEN QUE FRUTIFICAR”

“É unha saída factible e boa para ambas partes. Cremos que o proceso de venda é o que ten que frutificar, e niso hai que traballar, tanto as Administracións como as empresas, a que compra e a que vende”, asegurou o presidente do comité, José Antonio Zan.

O sindicalista lembra que “o que propuña Alcoa era que de non haber venda tiña que aplicarse directamente o ERE -que suporía máis de 900 despedimentos entre a planta de aluminio e auxiliares ou o Erte-. Neste caso gardámonos un último día para negociar, por duro que sexa”, afirmou.

UNHA PROPOSTA “SEN APENAS VARIACIÓNS” SOBRE A REALIZADA O DÍA 4 PARA “DESENCALLAR” O PROCESO

Alcoa e comité coinciden en que non haberá unha nova ampliación do período de consultas, aínda que difiren á hora de interpretar o último día de negociacións do ERE. Mentres que a parte social fala dun escenario aberto, a multinacional asegurou a través dun comunicado que na xornada final do período de consultas celebrarase “para considerar, dentro dese mesmo día, un acordo dun Erte -sen especificar de novo que implicación tería sobre as cubas e o persoal- ou, de non ser así, a implementación dun despedimento colectivo”. A compañía descarta polo tanto calquera outra posibilidade alternativa.

Zan argumenta que “ao haber unha ampliación nós seguimos nese procedemento, que pode acabar con acordo ou desacordo, que é o que tiñamos agora. Alí poderemos falar de ERE, Erte ou igual Alcoa pode incluso levantar a medida porque o prezo do aluminio está moi alto. Volveriamos ao famoso 4 de agosto”, expuxo, en referencia a unha xornada de negociación maratoniana.

“O que tiñamos é un desacordo. Eles querían parar as cubas directamente, nós tentariamos frealo acudindo ao Xulgado; se os despedimentos se chegaran a efectuar serían con 20 días por ano cun máximo dunha anualidade”, expón o presidente do comité, que concreta que “a autoridade laboral (a Xunta de Galicia) falaba de retomar todo o proceso pero nós propuxemos isto para desencallar todo”.

OS SINDICATOS VEN “FUNDAMENTAL” PODER “VERIFICAR” O PROCESO, COMO NON ACONTECEU NA CORUÑA E AVILÉS

“Conseguimos que a negociación de venda sexa fiscalizada semanalmente, poder ir vendo como van avanzando eses acordos”, remarcou Zan. “É fundamental poder verificar ese proceso para que chegue a bo porto e non se cometan os erros que aconteceron coas plantas da Coruña e Avilés“, explica o sindicalista, en referencia a fábricas que Alcoa vendeu a proxectos especulativos e non produtivos e cuxo futuro está en entredito.

ENERXÍA E PLAN DE VIABILIDADE

“O que hai que traballar é coas Administracións nese plan industrial de viabilidade que ten Liberty House, que se detallen os prazos dos investimentos, da construción desa primeira planta de coxeración para darnos enerxía a nós. E que mentres se cumpra o que se asinou: que non se vai parar ningunha cuba. Eles queren mirar un transformador, certas cuñas, para avanzar ese proceso”, explicou o representante dos traballadores. “Iso é o primeiro, despois xa se verá se temos que ir ao Xulgado ou chegar a un acordo”, concretou.

Sobre a cuestión da electricidade -que supón o 40% dos gastos produtivos da planta de alumino- e o comprometido estatuto das electrointensivas, Zan indicou que “o Goberno dixo que estará aprobado en setembro”, pero matizou que “Liberty House ten coñecemento de como quedará o prezo da electricidade. É unha empresa que traballa tamén o sector enerxético, de xeito que eles apostan por darse enerxía e facer aluminio ‘verde‘, de cero pegada de carbono. A planta de coxeración que planea a nós daríanos moito porque suporía ter o noso propio subministro e ademais crearía moitos postos de traballo, xa que construíla levaría dous ou tres anos”, precisa.

“AS ADMINISTRACIÓNS DEBEN ARROUPAR A LIBERTY”, PIDE ZAN

“É importante visualizar onde estamos e onde estabamos: partimos dun desacordo, tendo que ir ao Xulgado cun peche e con Alcoa non querendo vender senón se asinaba un Erte a aplicar nada máis acabar o proceso. Agora conseguimos que non teñamos que asinar obrigatoriamente nin un Erte nin un ERE ao acabar, xa veremos o que pasa o 28. E ademais fiscalizar o proceso, cunha posible venda en boas condicións: non é normal que unha propietaria se sente a vender sabendo que pode pechar a planta. Conseguimos que as Administracións se involucrasen e así teñen que seguir, porque a empresa compradora tense que ver acompañada, arroupada. O problema é que a planta de alúmina non está no proceso, pero imos paso a paso”, resumiu.

ALÚMINA NON ENTRARÁ NO PROCESO

Con respecto á negativa de Alcoa á hora de vender a refinería, tal e como requería Liberty House, que en calquera caso comprometeuse a afrontar unha compra das dúas fábricas por separado, Zan manifestou que “nós desexariamos que se vendesen as dúas plantas, o complexo industrial enteiro, aínda que non podemos impedir iso. É unha decisión empresarial ante a cal non temos potestade”, apuntou.

DESCONVOCADA A FOLGA

Os traballadores desconvocaron xa a folga indefinida iniciada a mediados do pasado mes de xullo e aceptaron un compromiso para, a fin de non entorpecer unha posible venda, “respectar a paz social” durante as seis semanas de prórroga do período de consultas.

ASEMBLEA O VINDEIRO LUNS

Os obreiros celebrarán unha asemblea o vindeiro luns (15.00 horas), para a que solicitan a máxima asistencia, a fin de explicar o acordo asinado.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...