UGT avisa de que Alcoa quere “condenar tamén a planta de alúmina” ao rexeitar vender

O sindicato salienta que un pacto de subministro a longo prazo da materia prima ou a venda do complexo industrial ao completo son as "únicas solucións" ao conflito "xerado pola empresa"

Planta de alúmina de Alcoa en San Cibrao. AXM

A Federación de Industria, Construción e Agro (FICA) de UGT sumouse este luns á postura do comité de empresa de Alcoa San Cibrao e de sindicatos como CIG ou CC OO, para alertar da intención da multinacional de “entorpecer” o proceso de venda da planta de aluminio. O sindicato advertiu nun comunicado que a posición da titular de negarse a tratar unha opción preferente para Liberty House, potencial comprador das instalacións, sobre a refinería, “só está deseñada para entorpecer e condenar o futuro das dúas factorías, tamén de alúmina“.

“Como advertimos nas diferentes reunións celebradas para a venda de San Cibrao, a única solución ao conflito xerado por Alcoa, presentación dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE) para 534 traballadores e como consecuencia outro número igual de traballadores da industria auxiliar, é a venda do complexo industrial ao completo ou un acordo de fornezo a longo prazo, que dá estabilidade necesaria para o desenvolvemento do proxecto industrial do comprador”. Liberty House pide un pacto de subministro de alúmina por vinte anos para comprometerse a investir 1.000 millóns de euros na planta, unha solicitude á que se nega a multinacional estadounidense, alegando que tal reclamación “está fóra do mercado”.

“A dirección de Alcoa é quen xerou este conflito e quen debe buscar unha solución estable e de futuro, demostrando boa fe co futuro de San Cibrao; debe de deixar de poñer impedimentos, trabas e esixencias para que se realice a venda nos mellores términos para o futuro dos traballadores”, subliña.

UN “PROXECTO INDUSTRIAL” FRONTE Á “DESERTIFICACIÓN” DA MARIÑA

“Desde UGT-FICA seguiremos defendendo o único proxecto industrial e enerxético existente para o futuro do complexo de San Cibrao fronte ao único proxecto de Alcoa, o peche e a desertificación industrial da Mariña; volve demostrar o seu nulo interese polo futuro da comarca”, salienta a central sindical socialista, que fai fincapé na necesidade dun plan “baseado na sostibilidade industrial a longo prazo e cunha base enerxética que poida dar garantías de mantemento da produción por moitos anos”.

“Para lograr este fin manteremos reunións con todos os interlocutores políticos e empresariais que sexan necesarios, para lograr que as partes alcancen un acordo que garanta o futuro da actividade industrial e de todos os empregos na Mariña“, indica a nota.

PIDE A LIBERTY E ÁS ADMINISTRACIÓNS QUE “FAGAN POSIBLE” A VENDA

“Tamén queremos trasladar esta petición ao comprador GFG Alliance / Liberty House e ás Administracións públicas intervintes neste proceso; todos eles deben traballar para facer posible o futuro do aluminio en San Cibrao”, conclúe o comunicado.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here