Conde di que “ninguén pide intervir pola forza” Alcoa, cuxo ERE ve “nulo de pleno dereito”

O conselleiro de Industria cre que Alcoa fixou os despedimentos en 524 para non ter que renunciar ás axudas estatais por CO2

Reunión telemática de Francisco Conde con AEGE. AXM

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, manifestou que “ninguén pide unha intervención pola forza” da factoría de Alcoa en San Cibrao, senón que o que o “obxectivo” é explorar os mecanismos legais que forcen á multinacional estadounidense a permitir “que se manteña” a actividade no complexo da Mariña Lucense.

Así se mostrou nunha entrevista na mañá deste domingo na Radio Galega, na que Conde sinalou que existen indicios para considerar “nulo de pleno dereito o despedimento colectivo exposto pola multinacional.

“Alcoa pretende despedir a 524 traballadores, que é o 85% que marca a normativa para garantir a recepción de fondos de CO2. Parece un cálculo normativo e non a realidade que ten a planta”, sinalou o vicepresidente autonómico, que, a continuación, engadiu que “se iso fose así”, ademais de ter que “devolver” ditas subvencións, sería “un elemento máis” para considerar o despedimento exposto como “nulo de pleno dereito”.

A XUNTA, ATENTA Á “SITUACIÓN AMBIENTAL” DA FÁBRICA

Así as cousas, Conde puxo en valor a fronte común que manteñen as Administracións estatal e autonómica xunto cos traballadores para forzar a que Alcoa “rectifique e se aveña a un acordo” que permita continuar coa actividade da planta de Cervo sen que paren as cubas, como expón a multinacional.

Para iso, destacou que exploran “todos os mecanismos legais” amparados pola lei. “Debemos actuar con toda a forza que nos dá o ordenamento xurídico”, incidiu Conde, que apuntou que o Goberno central estuda pola vía administrativa a posibilidade de reclamar as axudas concedidas a Alcoa por emisións mentres que a Xunta permanece vixiante sobre “cal é a situación ambiental da planta”.

Cuestionado sobre a posibilidade dunha intervención forzosa da factoría por parte do Estado, Conde sinalou que “ninguén” solicita esa acción. “Ninguén pide unha intervención pola forza, senón que se aplique a forza da lei para que Alcoa se aveña a que se manteña a actividade”, apostilou.

FONDOS COVID

Conde tamén se referiu durante a entrevista á cifra exposta polo BNG da cantidade que, como mínimo, debería recibir Galicia do fondo covid e que a formación frontista estima en 12.600 millóns de euros, o 9 por cento do total que xestionará España.

“É unha cifra arbitraria que non responde á realidade. Honestamente, se ese é a formulación que ten o BNG, non entenden nada do que pasa”, sinalou o vicepresidente autonómico, que pide a nacionalistas e socialistas que “se somen aos esforzos da Xunta” e realicen “propostas” fóra de “calquera tipo de confrontación”.

“Estamos nun momento de sumar, de identificar cales son as pancas que necesita activar o país”, subliñou Conde, que cre que a comisión de reactivación articulada no Parlamento de Galicia debe ser o foro para achegar ideas sobre a resconstrución do tecido produtivo galego.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here