InicioEconomíaAlcoa anuncia a aplicación dun ERE en aluminio co despedimento de 524...

Alcoa anuncia a aplicación dun ERE en aluminio co despedimento de 524 traballadores e a parada das cubas

A compañía estadounidense asegura que prevé que o apagado das cubas conclúa no primeiro trimestre de 2021; o despedimento colectivo suporía a perda doutros 400 empregos en auxiliares

Publicada o

- Advertisement -

A multinacional Alcoa anunciou ao mediodía deste venres que aplicará un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que afectará a 524 empregados e suporá, afirma, a “hibernación ordenada” das cubas, na práctica a parada da maquinaria de electrólise, da planta de aluminio de San Cibrao. O despedimento colectivo terá un impacto no emprego tamén en varias empresas auxiliares, estimando os sindicatos que se perderán alomenos outros 400 postos de traballo.

No comunicado, Alcoa afirma que tomou a decisión “onte pola tarde, 8 de outubro, logo de analizar todas as opcións posibles” e de levar a cabo “un período de consultas de catro meses cos representantes dos traballadores e de negociacións para unha posible venda da planta de aluminio”.

O 28 de maio de 2020, Alcoa iniciou un proceso informal de consultas cos representantes dos traballadores. O 25 de xuño de 2020 comezou o procedemento formal. Multinacional e sindicatos chegaron a un acordo para ampliar o prazo ata o 28 de setembro de 2020, mentres negociaba a posible venda da planta de aluminio.

A venda finalmente non se produciu, e o período de consultas concluíu sen chegar a un acordo cos representantes dos traballadores. En ambos procesos, tanto o comité de empresa do complexo industrial de San Cibrao como os sindicatos a nivel estatal e as Administracións, Xunta de Galicia e Goberno central, acusaron á multinacional de “mala fe” ao rexeitar ofertas de compra tanto da siderúrxica británica Liberty House como da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) por ter a vontade de clausurar as instalacións desde un principio.

Alcoa tiña un prazo de 15 días, ata o 13 de outubro, para comunicar a súa decisión con respecto ao despedimento colectivo na planta de aluminio, cunha produción anual de 228.000 toneladas métricas.

MANTERÁ 99 EMPREGADOS EN FUNDICIÓN

A compañía estadounidense asegura que prevé que o apagado das cubas conclúa “no primeiro trimestre de 2021“. A multinacional manterá 99 empregados operando unha parte da fundición.

As medidas de Alcoa contemplan o peche da electrólise, cesando a produción de ánodos, de metal líquido e das actividades relacionadas, así como a elaboración de tochoslingotes e de parte da factura de placas de fundición.

INDEMNIZACIÓNS DE 30 DÍAS POR ANO TRABALLADO

As indemnizacións para os obreiros afectados serán, expón a empresa, de 30 días por ano traballado ata un máximo de doce mensualidades. Alcoa afirma que contratará plans de recolocación externa para os mesmos.

“A desafortunada realidade é que a planta de aluminio de San Cibrao non é competitiva e non prevemos que cambien os seus importantes problemas estruturais“, dixo o presidente e conselleiro delegado de Alcoa, Roy Harvey, que cualifica o peche da planta de aluminio de “reestruturación“.

Un despedimento colectivo que entende como “necesario” para “deter as continuas perdas económicas. Entendemos que este é un resultado difícil e estamos comprometidos en reducir o impacto nos nosos empregados”, manifestou.

FALA DE 45 MILLÓNS EN PERDAS NO QUE VAI DE ANO

Alcoa argumenta que a planta de aluminio de San Cibrao “non é viable debido a factores produtivos estruturais, como a ausencia dun marco enerxético competitivo en España, a sobrecapacidade mundial na produción de aluminio e caída do prezo do aluminio. Durante este ano e ata o 30 de setembro, a factoría rexistrou unhas perdas de aproximadamente 45 millóns de dólares. En 2018 e 2019, as súas perdas combinadas ascenderon a 126 millóns de dólares”, concreta.

A REFINERÍA DE ALÚMINA “CONTINUARÁ OPERANDO”

A refinería de alúmina de San Cibrao “non foi incluída no proceso de consultas e continuará operando”, finaliza Alcoa.

NON OFRECE UNHA DATA DE INICIO DO PROCESO

Preguntadas por cando se prevé que os empregados comecen a recibir os despedimentos, fontes de Alcoa aseguran que o proceso “será progresivo a medida que se vaia realizando o apagado das cubas”. Non concreta a multinacional unha data de inicio dese procedemento, só a final ou tope, o 31 de marzo de 2021.

ELUDE RESPONSABILIDADE SOBRE AS CONTRATISTAS

Con respecto ás empresas auxiliares, consultadas sobre cantos contratos, empresas e traballadores se poden ver afectados pola supresión das tarefas, Alcoa tampouco ofrece concreción, eludindo responsabilidade. “Alcoa contrata servizos, non persoas; axustaremos eses contratos ás nosas necesidades”, finaliza.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...