O Goberno insiste en chamar a Alcoa a “negociar de boa fe” e deixar de ser “o can do hortelano”

O delegado do Executivo central lembra que a multinacional está "en débeda con España e Galicia" polos millóns recibidos en subvencións

Mesa de negociación polo futuro de Alcoa. AXM

O delgado do Goberno en Galicia, Javier Losada, instou a Alcoa a sentar a negociar “con boa fe” e a deixar de ser “o can do hortelano”, co fin de darlle unha solución ao conflito laboral na planta de aluminio que permita manter os postos de traballo na Mariña.

A sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) celebrará o vindeiro mércores 28 de outubro unha vista para substanciar a petición de medidas cautelares para paralizar o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola multinacional.

As centrais sindicais CIG, CC OO e UGT, xunto ao comité de empresa da factoría da Mariña, pretenden impedir con estas medidas cautelares que a multinacional inicie o proceso de parada das cubas de electrólise.

Respecto diso, Losada instou á empresa a facilitar que outros investidores poidan asumir a actividade trala súa decisión de non manter a fabricación de aluminio primario na planta de Cervo.

Así, lembrou que a compañía está “en débeda con Galicia e con España” polos “millóns e millóns de subvencións” que recibiu de ambos os Executivos para levar a cabo a súa actividade.

En todo caso, garantiu o compromiso do Goberno central para manter o emprego e facer “todo o posible” para buscar investidores. “Espero que recapacite, que deixe de ser o can do hortelano e cheguemos a bo fin”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here