Semana chave para o conflito de Sargadelos, co xuízo por vulneración de dereitos

A vista celebrarase o xoves en Lugo e o venres haberá en Viveiro dúas conciliacións, pola impugnación da asemblea e pola demanda de conflito colectivo

Complexo industrial de Sargadelos en Cervo. RTVE

O conflito laboral que comezou na planta cervense de Sargadelos o pasado 17 de agosto entra nunha semana chave. Este xoves celebrarase en Lugo, ás 11.00 horas, o xuízo por vulneración de dereitos fundamentais demandada pola UXT.

No pasado mes de setembro, nun contexto de reunións entre o sindicato e a empresa,  o Xulgado do Social nº 2 rexeitou intervir cautelarmente en Sargadelos para parar os despedimentos executados pola firma, tal e como pedía a UXT.

24 DESPEDIDAS

Un total de 24 obreiras foron despedidas por Sargadelos. O conselleiro delegado, Segismundo García, executou os cesamentos tras ameazar co peche da fábrica de Cervo se non minguaba “a presión sindical” sobre a directiva.

Das traballadoras despedidas, alomenos oito foron readmitidas. O sindicato confía agora en que o xuíz recoñeza que se vulneraron dereitos das empregadas e se as indemnice por danos e prexuízos.

ASEMBLEA

Para o venres 26 está previsto en Viveiro un acto de conciliación pola impugnación da asemblea de traballadoras que revocou a Rogelia Mariña, a delegada da UXT sinalada polo conselleiro delegado.

Segundo fontes do sindicato, as 61 obreiras que votaron na asemblea están citadas como demandadas, por necesidades procesais.

O sindicato pide a restitución de Mariña, ao entender que o resultado estivo condicionado pola ameaza de peche da fábrica. De non producirse un acordo na reunión convocada polo Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC), a demanda resolverase por vía xudicial.

CONFLITO COLECTIVO

Ese mesmo día tamén se celebrará en Viveiro outro acto de conciliación, relativo á demanda de conflito colectivo, coa mesma folla de ruta: de non haber acordo, a demanda resolverase no Xulgado do Social.

XUÍZOS PARTICULARES

Os xuízos pendentes entre Sargadelos e as cinco traballadoras despedidas que acudiron ao acto de conciliación no SMAC o pasado 28 de setembro celebraranse en novembro e decembro, segundo apuntaron fontes da UXT, aínda que por agora non hai datas para todos os casos.

A SINDICALISTA DA UXT SEGUE DE BAIXA

Segundo as mesmas fontes, Mariña, a sindicalista da UXT revocada polas compañeiras tras ser sinalada polo máximo accionista de Sargadelos, continúa de baixa médica.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here