A ministra de Industria, a socialista Reyes Maroto, anunciou na súa comparecencia ante a Comisión de Industria, Comercio e Turismo do Congreso, que o Goberno central “aprobará antes de final de ano” o estatuto das electrointensivas, documento considerado fundamental para establecer un marco enerxético que permita a viabilidade a longo prazo da planta de aluminio de San Cibrao.
O Executivo estatal comprometera a aprobación deste documento en diversas ocasións, unha delas durante a visita da propia ministra de Industria a San Cibrao, en outubro do 2019, cando Maroto dixo que tería luz verde “en canto houbese Goberno”. O secretario xeral de Industria, Raül Blanco, falou primeiro dos pasados meses de xuño e outubro como horizontes temporais para a súa execución en distintas entrevistas realizadas.
Maroto concretou que o documento “vai beneficiar a máis de 600 empresas industriais e máis de 300.000 traballadores”. Aínda que non desvelou que medidas contén, asegurou que inclúe “instrumentos para mellorar a competitividade á vez que se impulsa a súa transición ecolóxica e dixital”, afirmou.
A MINISTRA RESALTA QUE O GOBERNO “GAÑOU TEMPO” E INSISTE EN QUE HAI “ALTERNATIVAS” A UN PECHE
Respecto ao conflito laboral en Alcoa San Cibrao, á espera dunha resolución por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en relación coa demanda do proceso de despedimento colectivo suscitado pola multinacional, Maroto defendeu a posición do Goberno central, “que se implicou desde o principio, gañando tempo á decisión da empresa de pechar a planta de aluminio”.
REMARCA O CARÁCTER “ESTRATÉXICO” DA PLANTA
“Como saben levamos tempo traballando, non é unha crise industrial que chegara coa pandemia, senón que vén de antes. Fixemos unha proposta que a empresa rexeitou, a cal consistía nunha venda triangular, e hoxe estamos nos tribunais. A Xustiza foi dando a razón aos traballadores, que son os primeiros que defenden que as cubas non se poden parar, pero tamén ás Administracións, Goberno de España e Xunta de Galicia, xunto con toda a comarca da Mariña, que se está envorcando. Está xudicializado este proceso e seguimos traballando, en contacto coa empresa, porque cremos que hai alternativas a este peche. Temos un compromiso de todos co mantemento da produción e dos postos dunha planta estratéxica, dado que é a única de aluminio primario que temos en España”, resumiu.