InicioEconomíaAlcoa escúdase para rexeitar a oferta do Estado en que incluía un...

Alcoa escúdase para rexeitar a oferta do Estado en que incluía un dereito preferente sobre Alúmina

A multinacional estadounidense teima en atribuír a "demandas pouco razoables" e "fóra do mercado" de Liberty House o fracaso das negociacións

Publicada o

- Advertisement -

A multinacional Alcoa emitiu este luns un comunicado no que argumenta que “foi imposible chegar a un acordo” para vender a planta de aluminio de San Cibrao a GFG Alliance / Liberty House debido “ás demandas pouco razoables” da potencial compradora.

NEGOU A LIBERTY “UN DEREITO DE APROBACIÓN” SOBRE CALQUERA VENDA FUTURA DA REFINERÍA

A titular das instalacións non variou o discurso nas seis semanas que durou o proceso de venda: culpar á siderúrxica británica da falla de acordo. Alcoa asegura que fixo “unha oferta equilibrada para ambas partes” e “concesións” para alcanzar un pacto, mentres que Liberty House “non negociou dentro do prazo que se comprometeu a cumprir, negouse a proporcionar financiamento para apoiar o futuro da planta e insistiu en termos comerciais pouco razoables, incluído un dereito de aprobación de calquera venda futura da refinería, o cal está fóra do alcance do acordado cos representantes dos traballadores o 13 de agosto”.

Sindicatos e multinacional, advirte a compañía estadounidense, estableceran que a negociación “só consideraría a venda da planta de aluminio nunha transacción con termos comerciais razoables”.

“Non se pode esixir a Alcoa que ofreza máis recursos e financiamento dos que xa se comprometeu a realizar en cantidades importantes neste proceso de venda, nin que acepte condicións fóra de mercado, nin peticións fóra do ámbito do acordo cos representantes dos traballadores”, manifesta a empresa.

TAMPOUCO QUIXO FALAR CO ESTADO SOBRE ALÚMINA, Á QUE OS SINDICATOS AUGURAN UNHA VIDA CURTA SEN ALUMINIO

Respecto da oferta do Goberno central dunha “compra temporal” a través da SEPI  (Sociedade Estatal de Participacións Industriais), sinala que a proposta “inclúe unha serie de cuestións que impiden chegar a un acordo en condicións comerciais razoables; entre elas, aínda que non exclusivamente, a solicitude de dereitos preferenciais sobre a refinería”.

Unha planta de alúmina que a parte social ve en perigo. Os sindicatos coinciden en que a refinería, da que unha parte significativa da produción vai para a súa planta irmá, a de aluminio, non entra nos plans de Alcoa máis que a curto prazo, tendo a intención de pechala, afirman, dentro de como moito cinco anos.

MALIA QUE SE NEGA A VENDER, SALIENTA AS “PERDAS INSOSTIBLES” PARA XUSTIFICAR O PECHE

Alcoa insiste en que a planta de San Cibrao se atopa “nunha situación insostible” debido “en gran parte” á “falta dun marco enerxético competitivo en custos e certeza” para a produción de aluminio. A multinacional norteamericana cifra as perdasen máis de 110 millóns de euros nos dous últimos anos, 2018 e 2019, e na actualidade en aproximadamente un millón de euros á semana“.

PLANTEXARÁ AOS OBREIROS “UN ERTE OU UN ERE”

A empresa reunirase esta tarde -finalmente ás 13.00 horas- en Nigrán coa parte social “co tema único dun plan social para un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte) ou, a falta de acordo sobre un Erte, a aplicación dun despedimento colectivo permanente”.

Alcoa finaliza alegando que, “consciente do impacto humano e social do proceso”, fixo “grandes esforzos” para chegar “ao mellor acordo” coa representación dos traballadores. Así, pon como exemplo que “continuou operando a planta de aluminio durante o proceso de venda, malia seguir incurrindo en importantes perdas operativas” e conclúe afirmando que mantén “o compromiso” de traballar para atopar “a mellor solución” para os empregados, quenes lle pregaron con insistencia que vendese.

Uns traballadores que se enfrontan ao abismo do desemprego e que ven unha “premeditación absoluta” en Alcoa para pechar a planta. O Goberno central e a Xunta de Galicia coincidiron co comité de empresa e cos sindicatos en acusar a Alcoa de “mala fe” no proceso de venda. Ao mediodía retomarase a negociación do período de consultas do ERE, cos obreiros decididos a aceptar ningunha opción que pase pola parada de cubas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...