InicioEconomíaReaccións á sentenza: Maroto cre que "faise xustiza con centos de obreiros...

Reaccións á sentenza: Maroto cre que “faise xustiza con centos de obreiros e cunha comarca”

A Xunta cre que o fallo do TSXG supón volver "ao día un" e insta a Alcoa "a retomar o diálogo"

Publicada o

- Advertisement -

A ministra de Industria, Reyes Maroto, valorou que co fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que decreta nulo o Expediente de regulación de emprego (ERE) de Alcoa na planta de San Cibrao “faise xustiza con 500 traballadores e toda unha comarca”.

“Felicidades”, di a ministra a través dun tuit, no que apunta que os traballadores e a comarca da Mariña lucense “hoxe poden estar máis tranquilos”.

 Tralo fallo da Sala do Social do TSXG que tomba o despedimento colectivo -que, segundo os sindicatos, afectaría tamén a outros 400 empregados da industria auxiliar- ao apreciar “mala fe” da empresa nas negociacións, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, dixo que espera que a nulidade do ERE “signifique outro paso cara ao mantemento do emprego e a actividade industrial“.

Nun comunicado, Losada celebrou que a decisión da Sala “certifica a tese defendida pola Avogacía do Estado, o persoal e a Xunta. “Esta decisión chega tras conseguir xudicialmente paralizar o apagado das cubas, clave para o futuro da factoría de San Cibrao”, lembra.

Así mesmo, fai un chamamento ao “traballo conxunto” para o mantemento do emprego, á vez que empraza a Alcoa a que “se aveña a continuar co iniciado proceso de venda”, no que a multinacional rexeitou tanto ofertas da siderúrxica británica Liberty House como da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).

CONDE REITERA QUE “HAI UN OPERADOR DISPOSTO A INVESTIR”

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, cualificou como unha “boa nova” a sentenza do TSXG que declara nulo o ERE de Alcoa e espera que a empresa “volva agora á senda do diálogo” para negociar a venda da planta.

“É unha boa nova para as 524 familias que durante todos estes meses levan traballando e loitando para conseguir este obxectivo de manter os postos de traballo e a actividade industrial”, asegurou.

Así, recoñeceu e agradeceu o “esforzo conxunto” realizado polo comité de empresa e as Administracións e incidiu en que Alcoa “debe rectificar e traballar na venda da planta, sobre todo sabendo que hai un operador disposto a investir e que quere manter a actividade”.

Desta forma, explicou que se podería dar unha solución tanto aos traballadores como á comarca, “tendo en conta, ademais, que se trata dun sector estratéxico para a economía galega que hai que defender”.

O vicepresidente tamén indicou que o fallo deste xoves supón “volver ao día un“, polo que é o primeiro paso, ao seu xuízo, para reactivar o diálogo, “atopar puntos de entendemento e pechar un acordo”.

PONTÓN (BNG) RESALTA “UNHA VITORIA DA MARIÑA E DOS TRABALLADORES” E RECLAMA A INTERVENCIÓN

O BNG valora a sentenza do TSXG como “unha vitoria da comarca da Mariña e moi especialmente dos traballadores, que estiveron sempre dispostos a dar a batalla política, social e legal en defensa do futuro desta factoría, da continuidade da produción e dun emprego vital. Sen esa batalla, a sentenza non sería unha realidade”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón.

A segunda lectura que fai o BNG é que a sentenza “deixa claro” que “o plan da multinacional é pechar a fábrica de aluminio en San Cibrao e que para iso está actuando de mala fe, corroborando o que denunciaba tanto o Bloque como os traballadores, advertindo que a dirección non tiña interese, nin plan algún de futuro para a planta mariñá, senón que o seu obxectivo era o simple peche”, alega a líder nacionalista.

E, finalmente, para o Bloque a sentenza é un paso na boa dirección “pero para o empurrón definitivo debe existir unha solución política que pasa por unha intervención pública e, neste sentido, volvemos pedirlle tanto ao Goberno do Estado como ao Goberno da Xunta que deixen de perder un tempo que é necesario para poder manter en pé a produción de aluminio e os postos de traballo”.

A líder nacionalista salienta que toda a comarca, e en particular as persoas que teñen os seus empregos ameazados, levan meses moi difíciles, “e agora o que precisan é determinación política para garantir o futuro da produción e dos postos de traballo de Alcoa e que os milleiros de familias que dependen de xeito directo ou indirecto desta factoría poidan respirar en paz”, conclúe Pontón.

CABALLERO: “TEMOS QUE METER TODA A PRESIÓN SOBRE ALCOA”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou hoxe a Alcoa a permitir a venta da súa planta de San Cibrao e facilitar así a súa viabilidade.

“Temos que manter toda a presión sobre Alcoa para que rectifique xa e permita a venta”, incidiu.

Caballero recordou que o Ministerio de Industria “atopou un investidor” para a factoría de Cervo, polo que esixiu a Alcoa que “deixe de entorpecer” o proceso. A liña de acción conxunta de todas as administracións cos representantes dos traballadores debe seguir para que Alcoa rectifique xa e mude a súa posición, xulgou.

“A planta é viable e hai unha empresa interesada nela, polo que temos que seguir traballando para garantir o emprego na Mariña”, defendeu o máximo dirixente do PSdeG.

GÓMEZ REINO (GeC): “PONSE FIN Á CHANTAXE”

O deputado de Unidas Podemos e portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, celebrou o fallo: “pon fin á chantaxe” de Alcoa, afirmou.

“O primeiro que toca é parabenizar aos traballadores de Alcoa en Lugo, e a representación sindical, por unha gran vitoria colectiva para A Mariña pero compartida por todas as galegas e que é froito dunha loita exemplar nas rúas, ante as institucións e tamén nos tribunais, sen darse por vencidos fronte a mala fe que quedou probada pola parte dunha multinacional tramposa que encheu os petos de subvencións públicas”.

O deputado galego reiterou que, toda vez que a Xustiza se pronunciou “con moita contundencia” en contra do despedimento dos traballadores e da parada das cubas, e o Consello de Ministros deste Goberno de coalición ven de dar luz verde ao estatuto electrointensivo, urxe unha intervención pública, conxunta e coordinada entre Administracións para trazar un plan industrial que garanta emprego e futuro para Alcoa na Mariña pero, tamén, para Alu Ibérica na Coruña.

“Nunca máis o futuro estratéxico da industria do país en mans dunha multinacional norteamericana. Nunca máis, riadas de cartos públicos sen control para empresas foráneas sen compromiso con emprego e con Galicia. Cómpre unha intervención sobre unhas liñas claras que marque o camiño do que ten que ser o futuro da industria galega”, finalizou.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...