A Audiencia Nacional investigará a Alcoa ao admitir unha querela pola venta das plantas da Coruña e Avilés

O sindicato querelante entende que hai indicios dos delitos de estafa agravada, insolvencia punible, apropiación indebida e contra a seguridade dos traballadores

Reunión entre a Xunta e a Industria electrointensiva. AXM

A xuíza da Audiencia Nacional María Tardón admitiu este martes a querela presentada pola Confederación de Cadros Profesionais contra un total de dez persoas físicas e nove xurídicas en relación co proceso de venda das plantas da empresa Alcoa en Avilés e A Coruña.

A querela preséntase por feitos que, a xuízo do sindicato, son constitutivos dos delitos de estafa agravada, insolvencia punible, apropiación indebida, contra a seguridade dos traballadores e pertenza a grupo criminal, e diríxese contra, entre outros, Víctor Rubén Domenech e as sociedades Alcoa Inespal SLU, Alu Ibérica LC SL, Alu Ibérica AVL SL ou Parter Capital Group.

No auto de admisión, a maxistrada oficia ademais á Unidade Central de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) para que realice “unha investigación integral respecto das persoas físicas e xurídicas contra as que se dirixe a querela”, para o esclarecemento dos feitos e de forma previa a resolver sobre as dilixencias pedidas polos querelantes.

Ademais, “tendo en conta a ausencia de claridade e concreción que se advirte na querela”, a xuíza pide á UDEF que lle informe sobre a titularidade real das dúas factorías ALU Ibérica LC SL e ALU Ibérica AVL SL, os seus socios, órganos de administración e representación, capital social, situación financieira e cantos elementos poidan resultar relevantes para determinar a súa posible solvencia, entre outros extremos.

A querela refire que Alcoa Inespal, compañía estadounidense, dedicábase á produción de aluminio e aglutinaba nos seus dous centros da Coruña e Avilés a 688 traballadores. Afirma que a referida mercantil enganou aos sindicatos representantes dos traballadores no marco da negociación da extinción colectiva da relación laboral, iniciado o 17 de outubro de 2018, “eludindo desta forma o abono das súas responsabilidades empresariais cos traballadores, abocando á insolvencia das unidades produtivas, para a súa transmisión lucrativa a terceiros”.

AS FÁBRICAS ACABARON “EN MANS DE EMPRESAS PANTALLA” SEN CAPACIDADE “PARA PAGAR SALARIOS NIN INVESTIR”

Relatado o proceso de venda e conclúe que, en definitiva, coas súas actuacións “os querelados levaron a que a titularidade das dúas factorías termine en mans de empresas pantalla sen capacidade nin para levar a cabo o Plan de Negocios, nin o do pago dos salarios dos traballadores, nin o do investimento, co que se frustra o obxectivo final da negociación, a salvagarda dos postos de traballo“.

Ao mesmo tempo, engade, con iso levouse ao incumprimento das cláusulas de contratación, o que determinaría a liberación de Alcoa da obriga de investir (no acordo asumía un desembolso de 95 millóns de dólares en 21 meses desde a venda, para o mantemento do persoal -custo salarial aproximado de 42,5 millóns de dólares anuais-), execución de plan de negocio e medidas de protección para evitar o destino dos fondos a fin distinto, destinándose 20 millóns por cada planta para a realización de investimentos.

Así, o primeiro que fai Alcoa, explican, é bloquear o investimento dos 40 millóns de dólares, consignándoo notarialmente, o que freou as melloras e o pago dos salarios, pagos de seguridade social e as achegas a plans de pensións dos traballadores que seguían unidos á empresa. Finalmente, engádese que os traballadores das plantas carecen de traballo efectivo e tampouco se impartiu a formación á que se comprometeron.

ALCOA GARDA SILENCIO SOBRE UN POSIBLE RECURSO ANTE O SUPREMO TRALO REXEITAMENTO DO ERE

A multinacional Alcoa gardou silencio sobre a presentación dun posible recurso de casación ante o Tribunal Supremo, logo de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarase nulo o expediente de regulación de emprego (ERE) presentado na planta de aluminio de San Cibrao. A empresa ten cinco días desde a publicación do fallo -o prazo finalizará en principio o 28 de decembro, ao coincidir festivos entre medias- para recorrer.

Fontes de Alcoa tampouco se quixeron pronunciar sobre a querela admitida a trámite anteriormente mencionada.

XUNTA E ELECTROINTENSIVAS PIDEN AO GOBERNO QUE RECUPERE A INTERROMPIBILIDADE

Por outra banda, o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro con representantes das principais industrias electrointensivas galegas no que a patroal e o Goberno autonómico demandaron ao Goberno central “medidas de apoio que xa se aplican noutros países europeos” para rebaixar o prezo da factura eléctrica e competir “así en igualdade de condicións”. Ademais, apuntou que o estatuto do consumidor electrointensivo, aprobado entre críticas o pasado 15 de decembro, achega “máis obrigas que beneficios” para as empresas, cifrando o desconto na tarifa da luz en “50 céntimos“.

Conde argumentou que “lamentablemente estamos na situación de partida, cun estatuto que non achega solucións e que tampouco achega certezas con respecto ao prezo eléctrico de cara a futuro”. O conselleiro afirmou que se está “poñendo en risco a viabilidade e a continuidade da industria electrointensiva en Galicia”, e polo tanto, pediulle ao Goberno “que reaccione e que sobre todo poida implementar medidas concretas que garantan esa estabilidade e a competitividade”.

O vicepresidente económico da Xunta sostivo que nestes momentos en España “as empresas están pagando 20 euros máis por MWh que calquera competidor a nivel europeo, como en Francia ou en Alemaña. Para equiparar o prezo da enerxía en España ao dos seus competidores europeos, Conde demandou “que se poidan aplicar o 100% das compensacións por CO2, tal e como permite a Comisión Europea, xa que só se está aplicando nestes momentos o 20%”, concretou.

En segundo lugar, pediu o establecemento “dun sistema de poxas de interrompibilidade dirixido ás empresas electrointensivas”, e que estas contemplen a figura do consumidor hiperelectrointensivo, salientando que “nestes momentos noutros países europeos estanse tamén establecendo estas subastas”.

CIFRAN EN “0,5 EUROS” A REBAIXA QUE O ESTATUTO SUPÓN NA TARIFA ELÉCTRICA

Tamén se solicita desde Galicia que se poidan eximir as peaxes de transporte, “tal e como se está aplicando en Francia ou Noruega“, e en cuarto lugar, que se reduza a fiscalidade cunha exención do imposto de xeración eléctrica sobre as empresas electrointensivas.

Segundo remarcou o vicepresidente económico da Xunta, “estamos ante un estatuto que establece máis obrigas que beneficios”, pois “o beneficio que teñen as empresas con este novo marco é de só 50 céntimos”, aseverou. Conde, que denunciou que “se está universalizando o estatuto” en lugar de “dar resposta ás empresas hiperelectrointensivas”, demandou unha reacción por parte do Goberno para que “a situación tan difícil que se está pasando en moitos sectores non se faga extensible cara a esta industria”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here