Os traballadores de Alcoa citarán á Mariña nunha manifestación en Viveiro

Os traballadores de San Cibrao farán outra mobilización entre o cruce de suministros e a entrada da fábrica e visibilizarán o conflito laboral na Deputación de Lugo

Manifestación en Viveiro polo emprego en Alcoa, en 2012. AXM

A asemblea de traballadores da planta de Alcoa en San Cibrao decidiu este mércores que continuará coas mobilizacións contra o peche das fábricas de Avilés e A Coruña anunciado pola empresa estadounidense, e a prol dunha tarifa eléctrica que garanta o emprego non só nas factorías ameazadas, senón tamén na cervense.

Os obreiros acordaron convocar unha manifestación “a nivel comarcal” en Viveiro, cunha data que aínda está por concretar, aínda que probablemente será “a mediados do mes de novembro“.

O persoal de Alcoa en San Cibrao chama á poboación da Mariña Lucense a que respalde a manifestación para apoiar aos 317 traballadores de Avilés e os 369 da Coruña que poderían perder o seu traballo.

Segundo indica o comité sancibrense, Alcoa San Cibrao dá emprego a 1.172 operarios e a outros case 1.000 traballadores que exercen en empresas auxiliares.

PROTESTA NA FÁBRICA

Ademais, os traballadores realizarán outra protesta desde o cruce de accesos -ou cruce de suministros– ata a entrada principal da fábrica.

“É a nosa forma de dicirlle a Alcoa que non estamos de acordo con esta decisión”, indica o presidente do comité de empresa, Xosé Paleo.

ENCONTROS COS PARTIDOS

O colectivo de traballadores visibilizará o conflito laboral na Deputación de Lugo e manterá encontros con distintos partidos para reivindicar “unha solución política, pois entendemos que é a saída a este problema”, indica Paleo.

O presidente do comité sancibrense insiste en que as fábricas da Coruña e Avilés son “viables” sempre e cando haxa “un prezo da enerxía xusto e duradeiro“.

“Entendemos que detrás do custo da corriente eléctrica hai unha serie de peaxes políticas e por iso instamos aos medios públicos a desbloquear esta situación”, conclúe.

“ABERTOS” A OUTRAS MEDIDAS DE PRESIÓN

A batería de mobilizacións acordada non está pechada. As datas das protestas dos obreiros, e a convocatoria doutras novas, concretaranse nos vindeiros días, segundo a marcha das negociacións do ERE de extinción entre os traballadores da Coruña e Avilés e a empresa.

Os empregados de San Cibrao non emprenderán por agora medidas de presión similares ás dos seus compañeiros da Coruña, que impiden a saída de camións con mercancía da planta.

“Non falamos disto na asemblea, pero tampouco descartamos realizar máis adiante protestas máis contundentes“, afirma Paleo.

INICIO DO PERÍODO DE CONSULTAS

O inicio período de consultas estaba previsto para a tarde deste mércores en Madrid, co anuncio dos obreiros da Coruña de que non se presentarán á mesa de negociación ao considerar “nulo” o ERE extintivo e ao esixir que se negocie cada planta por separado.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here