Os obreiros da planta cervense de Alcoa e de empresas axuiliares desafiaron á chuvia da Mariña Lucense e marcharon desde a ponte da ría de San Cibrao ata a Praza do Concello de Burela. Os traballadores reivindicaron “un prezo da enerxía xusto” que garanta a estabilidade das tres fábricas da multinacional en España, despois que a empresa anunciase o peche das factorías da Coruña e Avilés.
O comité de empresa impulsou a mobilización, que rematou cun manifesto no que os traballadores espuxeron a súa visión do conflito e concretaron cinco medidas que consideran necesarias para “garantir o emprego” e a “viabilidade” da industria electrointensiva.
“MOTIVOS FALSOS”
Segundo explicou o presidente do comité de empresa da factoría sancibrense, Xosé Paleo, Alcoa xustificou o peche perante os sindicatos en tres motivos, dous dos cales os traballadores consideran “falsos“.
Paleo asegurou que unha das razóns esgrimidas pola empresa foron problemas tecnolóxicos, aludindo a unha presunta obsolescencia das factorías de Avilés e A Coruña.
“AVILÉS E SAN CIBRAO NON ESTÁN OBSOLETAS. TEÑEN A MESMA TECNOLOXÍA CA UNHA PLANTA DE NORUEGA QUE NON ESTÁ NA PICOTA”
Os traballadores non aceptan esta xustificación. “Dinnos o problema é que a tecnoloxía Soderberg, cando hai unha planta en Noruega que tamén a ten e non está na picota porque o prezo da enerxía permítelle seguir competindo“, aseguran.
Outra das causas dos ERE de extinción, segundo a multinacional, é o prezo da bauxita, materia prima do aluminio, un argumento que os traballadores desmontan. “É o mesmo para todas as empresas”, espuxo Paleo.
Finalmente, o “único motivo que está detrás do anuncio” é, para os obreiros, “o prezo enerxético, que está tres veces por riba doutros países“.
A ENERXÍA, “TRES VECES MÁIS CARA”
Os traballadores aseguraron que “en Noruega ou Islandia” estase a pagar a electricidade a “entre 20 e 30 euros o megavatio/hora” mentres que en España custa “entre 60 e 80 euros”.
“EN NORUEGA OU ISLANDIA, O MEGAVATIO/hora custa 20 euros, cun pacto a 20 anos. aquí, 60, cun acordo por seis meses”
Os obreiros consideran que a duración da tarifa contribúe á inestabilidade, posto que “noutros países europeos teñen un acordo por 20 anos, mentres aquí esperamos que unha empresa invirta cun pacto por seis meses“.
CINCO MEDIDAS
Tras explicar os motivos para rexeitar o peche das fábricas, o comité de empresa sancibrense espuxo cinco medidas para garantir a súa viabilidade.
A primeira das propostas é “cobrar a enerxía producida polas centrais hidráulicas e nucleares a un prezo aprobado a proposta da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, retirándoas do mercado maiorista“.
“o goberno debe retirar do mercado maiorista a enerxía producida polas centrais hidráulicas e nucleares”
“Actualmente, estase a cobrar o prezo do kilovatio -o máis barato- ao prezo das centrais de gas –o máis caro-, con independencia de que as primeiras xeren a maior parte da enerxía consumida”.
En segundo lugar, os obreiros pediron “modificar o sistema tarifario para que as industrias electrointensivas non soporten peaxes como primas renovables, custos extrapeninsulares, pagos por capacidade, a segunda parte do ciclo do combustible nuclear e déficit tarifario“.
Os traballadores solicitan que sexa o Estado quen asuma estas peaxes, a través dos orzamentos, “para non repercutir no resto de consumidores”.
A terceira proposición é que, “con cargo tamén aos orzamentos do Estado, se conceda á industria electrointensiva a máxima compensación permitida pola Unión Europea por CO2“.
DE FORMA PROVISIONAL, os obreiros propoñen “MANTER A POXA ANUAL COA MEDIA DOS IMPORTES DOS ÚLTIMOS ANOS”
Os traballadores consideran que o Goberno central debe “esixir ás empresas que se acollan a esta tarifa o mantemento e ampliación do emprego nos centros de traballo”, un que o Executivo debe “controlar”.
Por último, ata a consecuión desta tarifa, os obreiros solicitan, “con carácter transitorio, manter a poxa anual coa media dos importes dos últimos anos e cos bloques necesarios”.
PIDEN “VONTADE POLÍTICA”
O presidente do comité sancibrense lembrou que “isto non remata na Coruña, Avilés ou San Cibrao, posto que se non se soluciona o problema ArcelorMittal, FerroAtlántica e outras fábricas electrointensivas vanse ver en problemas. Este é un problema endémico, que parece mentira cando Galicia é exportadora de enerxía eléctrica“, asegurou Paleo.
“ESTE É UN PROBLEMA ENDÉMICO, QUE AFECTARÁ A TODA A INDUSTRIA ELECTROINTENSIVA”, advirten OS TRABALLADORES
“Se non se consegue revertir o problema da enerxía, San Cibrao poderá aguantar un tempo máis pola súa tecnoloxía, pero o futuro que temos é a curto prazo“, afirmou o presidente do comité sancibrense, que cre que a solución pasa porque “haxa vontade política“.
2.000 EMPREGOS
Paleo precisou que a actividade de Alcoa supón para A Mariña “polo menos 2.000 empregos, contando aos traballadores das empresas auxiliares”.
CONVOCATORIA AOS PARTIDOS
Os traballadores convocaron aos partidos políticos en Burela e entregáronlles por escrito as súas propostas.
Acudiron á convocatoria Luís Villares, voceiro de En Marea; Álvaro Santos Ramos, secretario xeral do PSOE en Lugo; Xosé Luís Rivas “Mini”, deputado parlamentario do BNG; o coordinador de Ciudadanos na Mariña, Manuel Vicente, ou o alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares. Tamén acudiron á cita os rexedores de Alfoz e Burela e a primeira edil de Viveiro, entre outras autoridades.
Luís Villares resaltou que “hoxe recibimos un encargo claro dos traballadores de San Cibrao, que defendamos a industria do noso país fronte aos ataques especulativos do monopolio da enerxía eléctrica, que percibimos tamén nos fogares. Temos que impedir que tres empresas controlen todo o mercado”, concluíu.
Pola súa banda, Rivas espuxo que para os nacionalistas “este problema non existiría se Galicia contara cunha tarifa eléctrica propia, que atendendo aos verdadeiros custos da produción, abaratase a luz a consumidores e empresas”.