Desestimada a demanda por vulneración da liberdade sindical contra Sargadelos

O xuíz entende que o "dereito á liberdade de expresión" ampara as "críticas" do conselleiro delegado á ex delegada de UXT, que recorrerá a sentenza

Segismundo García. AXM

Cunha inusual rapidez, cinco días despois da celebración do xuízo, o Xulgado do Social número 2 de Lugo desestimou a demanda por vulneración do dereito á liberdade sindical interposta por UXT e a delegada revocada pola asemblea de traballadoras da planta de Cervo, Rogelia Mariña, contra a empresa de cerámica e o seu administrador, Segismundo García.

O sindicato e maila delegada presentaron unha demanda o pasado 21 de agosto, catro días despois de que García anunciase, nunha asemblea á que convocou ás traballadoras e aos medios de comunicación, que despediría a 49 empregadas da fábrica cervense “se non cesaba a presión sindical” sobre o grupo empresarial.

Na asemblea, o conselleiro delegado de Sargadelos citaba en diversas ocasións a Mariña e xustificaba o anuncio dos despedimentos na ameaza da sindicalista de impugnar os contratos das traballadoras que entraran no último ano e medio, ao entender que vulneraban o convenio laboral.

Posteriormente e neste contexto, a empresa despediu a 24 traballadoras, das que readmitiu a alomenos oito. As empregadas de Sargadelos celebraron o pasado 14 de setembro unha asemblea de operarias que decidiu a revocación de Mariña do seu cargo como sindicalista.

A UXT e Mariña solicitaban “o cese da conduta vulneradora da liberdade sindical fronte a ambos actores”, a declaración “da existencia de vulneración do dereito á liberdade sindical” e o resarcimento dos prexuízos causados, cunha indemnización de 200.000 euros.

o sindicato e a delegada destituída solicitaban unha indemnización de 200.000 euros

FALLO

O xuíz, Fernando López-Guitián, considera que “as críticas verquidas por Segismundo García contra Rogelia Mariña poden considerarse amparadas polo seu dereito á liberdade de expresión (…), e só poden entenderse como denuncias dirixidas aos traballadores sobre o funcionamento dun sindicato e unha representante do mesmo”.

O maxistrado entende que “a liberdade de expresión debe neste caso gozar de primacía sobre o dereito que os demandantes consideran vulnerado”.

“NON CONSTAN COACCIÓNS”

Respecto á asemblea de traballadoras que destituíu á sindicalista da UXT, o maxistrado sinala que “son os propios traballadores os que no exercicio dos seus dereitos proceden á revocación” da sindicalista, “sen que conste que houbo coacción algunha por parte da empresa”.

“son os obreiros os que proceden á revocación da sindicalista sen que conste coacción algunha”, argumenta o maxistrado

GRAVACIÓN

Neste senso, o xuíz desestima como proba unha gravación achegada pola UXT do pasado 12 de setembro, previa a unha fracasada mediación da Xunta de Galicia para solventar o conflito.

Na gravación, segundo a UXT, García dirixíase aos traballadores para afirmar que “as normas da empresa mándaas o patrón. Xa pode dicir a lei que son os sindicatos, péchase antes de que me impoñan a min as normas”. Tamén aseguraba que “Rogelia Mariña como delegada sindical aquí non vai volver, e se ten que volver, a empresa pecha”.

o xuíz rexeita como proba a gravación dunha asemblea entre o xerente e o persoal, ao non haber testemuña “da súa veracidade ou manipulación”

O maxistrado non considerou como proba a gravación ao non recoñecer, nin García nin outras testemuñas, tales afirmacións. “Non pode servir de proba na súa contra, cando se descoñece quen gravou e en consecuencia non pode dar testemuña da veracidade ou manipulación” da mesma, conclúe.

A UXT RECORRERÁ

Contra o fallo cabe recurso de suplicación ante a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, dentro dos cinco días seguintes á súa notificación. O avogado da UXT, Pedro Blanco, avanzou que o sindicato recorrerá a sentenza.

CONFLITO COLECTIVO

O vindeiro venres, 2 de novembro, celebrarase en Viveiro un acto de conciliación por outra demanda da UXT contra Sargadelos, neste caso por conflito colectivo.

O sindicato demandou á empresa por non respectar o convenio no caso das 49 traballadoras que entraron a traballar ao longo do último ano e medio.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here