O galeón afundido na ría de Ribadeo, identificado como o buque de guerra Santiago de Galicia que embarrancou en Mirasol en 1597, volverá ser intervido este verán.
Despois da primeira cata científica realizada en xuño pasado, un equipo internacional liderado polo arqueólogo Miguel San Claudio sumerxerase de novo para continuar o estudo do pecio. Segundo a Asociación de Amigos do Galeón de Ribadeo, a investigación retomarase do 1 ao 21 de xuño.
Na excavación do ano pasado, os expertos sinalaron que o buque ofrece a oportunidade de profundar no coñecemento da construción naval ibérica no século XVI, cando o continente europeo baseou o seu dominio do planeta no mar e na calidade dos seus navíos. As análises químicas dos restos do galeón, fabricado en Nápoles, constataron que foi construído con carballo do noroeste peninsular.
CONGRESO INTERNACIONAL
Miguel San Claudio participa desde este martes no Congreso Internacional “La Armada de 1588 y la Contra Armada inglesa de 1589”, que se está a celebrar en Cartagena e que reúne historiadores e arquélogos internacionais para analizar o conflito que mantiveron España e Inglaterra polo control das rutas marítimas.