O grosor do galeón de Ribadeo sorprende aos arqueólogos

As tracas falan "dun barco de combate" e os investigadores queren saber "cal é a extensión conservada do buque"

Un buzo, durante a excavación do galeón de Ribadeo. AXM

A dureza do galeón afundido na ría de Ribadeo sorprendeu ao equipo de arqueólogos que iniciou esta semana a excavación do pecio.

Nunha rolda de prensa no Club Náutico ribadense, o director do equipo, Miguel San Claudio, explicou que “un dos rasgos que máis chamou a atención aos expertos internacionais que participan nos traballos é o grosor das tracas que forman o costado do buque”.

LÍDER DUNHA FLOTA DE GUERRA

Estas medidas falan, segundo o especialista, “dos medios que se puxeron a disposición do fabricante” e dun barco “concebido para o combate”.

San Claudio explicou que o pecio atopado en Ribadeo foi o San Giacomo ou Santiago, líder dunha flota de buques que permitiu a Felipe II “manter o control das rutas comerciais con América” e que o monarca usou “nunha tentativa contra o Reino de Inglaterra no 1597”.

IMPORTANCIA ARQUEOLÓXICA

O arqueólogo sinalou que a embarcación ofrece unha oportunidade de estudar “un período no que a construcción naval ibérica sentou as bases da fabricación de barcos en Europa durante os seguintes dous séculos”, o que é relevante, resalta, porque nese intervalo histórico “o continente europeo baseou o seu dominio do planeta no mar e na calidade dos seus navíos”.

O BUQUE PERMITE ESTUDAR UN PERÍODO NO QUE EUROPA DOMINOU O PLANETA GRAZAS Á CONSTRUCIÓN NAVAL

Por iso, os arqueólogos buscarán no San Giacomo datos que podan ofrecer luz sobre a construcción naval na época á que corresponde o pecio. “O noso interese está focalizado en coñecer cal é a extensión da parte conservada do buque baixo a area”, asegura o xefe do equipo de excavación.

CONSERVACIÓN

Neste senso, San Claudio sinalou que o estado do buque é “aceptable. Temos indicios de que pode conservarse bastante parte da obra viva do buque”, comentou, aínda que resaltou que “será necesario establecer medidas de conservación para as partes máis sensibles do pecio que están previstas no noso proxecto”.

OS INVESTIGADORES TEÑEN “INDICIOS” DE QUE SE CONSERVA “BASTANTE PARTE DA OBRA VIVA” DO BARCO

Para estudar o galeón executaranse dúas sondaxes en puntos diferentes do xacemento que permitan coñecer tanto a entidade dos restos conservados baixo o sedimento como a presenza de cultura material englobada no mesmo. Ademais, xeorreferenciarase e caracterizarase un pecio próximo sito ao noroeste do galeón, recollido na actualidade como unha posible pía de lastre.

PEZAS

Ao longo dos traballos apareceron varias pezas, como un plato de peltre, dúas ánforas, un trozo de chumbo do casco do galeón, madeira de barrís e restos de animais porco, cordeiro– que serviron de provisión para a tripulación do navío. Con todo, indican os investigadores, a súa importancia é relativa en comparanza co que o galeón Santiago pode aprendernos sobre o xeito de facer barcos de guerra no século XVI.

FINANCIAMENTO

O Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, sinalou na presentación do proxecto que o investimento da Xunta de Galicia na excavación desta “xoia do noso patrimonio subacuático” será de 20.000 euros, un orzamento “que sería moito maior de non ser pola achega da Armada”.

EXTRACCIÓN DO  BARCO

Preguntado pola posibilidade de extraer o barco, o conselleiro sinalou que “unha vez coñezamos os resultados da investigación, veremos que se pode facer, se sacalo é interesante desde un punto de vista da conservación dos restos”.

Sobre o recoñecemento do pecio como Ben de Interese Cultural (BIC), que solicitou a Asociación El Galeón de Ribadeo, el mejor conservado del mundo, Rodríguez admitiu que “non se tramitou, o que non significa que non se vaia facer máis adiante”.

CONFERENCIAS

A asociación de amigos do pecio ribadense focaliza os seus esforzos na divulgación do pecio, e para iso organizará unhas conferencias o vindeiro día 22, no teatro ribadense, a partir das 20.00 horas.

Miguel San Claudio ofrecerá unha charla titulada ‘O Galeón de Ribadeo: unha oportunidade a partir do turismo cultural’.

Ana Crespo, especialista do Consello Superior de Investigacións Centíficas (CSIC), falará sobre ‘Los galeones de la carrera de Indias: una historia global’. Ángel Lozano, da Unidad de Buceo de Ferrol (Ubufer), pertencente á Armada, explicará o ‘Plan da Armada para a protección do patrimonio arqueolóxico sumerxido’.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here