InicioEn ProfundidadeOs arqueólogos cren que a Atalaia garda a sexta sauna castrexa de...

Os arqueólogos cren que a Atalaia garda a sexta sauna castrexa de Galicia

As catas permitiron documentar tres estancias, un tanque de auga cercano a restos de carbón e un monólito de dous metros que podería ser unha pedra formosa, o que reforza a hipótese

Publicada o

- Advertisement -

O pasado 7 de xuño, as obras de renovación de saneamento da zona do Porto de Arriba, na Atalaia de San Cibrao, deixaron ao descuberto parte da estrutura dun edificio que sorprendeu aos arqueólogos que realizaban o seguimento protocolario das actuacións. Logo dun par de días de escavacións, e á vista das evidencias atopadas, os especialistas cren que o inmoble achado é a sexta sauna castrexa documentada en Galicia.

Aínda que chama á cautela, o director da empresa Axa Arqueoloxía, Emilio Ramil, admite que a xornada de escavacións foi “frutífera” e que a nivel arqueolóxico o xacemento “é moi interesante. Polo de agora é unha posibilidade, pero si que traballamos coa hipótese principal de que se trata dunha sauna castrexa”, concede.

As catas realizadas nos últimos días revelaron unha parte do inmoble maior ca os dous muros achados inicialmente como resultado colateral das obras. “Temos documentadas tres dependencias, con habitacións de case catro metros de altura do tellado á soleira, cunha porta de acceso de arredor de 1,60 metros, e un pasillo que as conecta”.

Ramil expón que as tres estancias escavadas pertencen a un “mesmo edificio complexo” que podería ser unha sauna castrexa.

EVIDENCIAS

Que razóns teñen os arqueólogos para pensar nesta posibilidade? “En primeiro lugar, temos un tanque ou piscina a carón de restos de carbón, que nos fan pensar na existencia dun forno adosado“, expón Ramil.

A segunda evidencia é a abundancia de cantos rodados, característicos destas construcións. “Nos fornos das saunas castrexas quéntanse este tipo de pedras, que ao contacto coa auga fría, producen vapor“, explica Ramil.

Outro dos factores que fan pensar aos arqueólogos nunha sauna castrexa é que non se atopou material cerámico, que non é propio destes baños.

Por último, os especialistas constataron a existencia dun monólito de grandes dimensións -con ata dous metros de altura-, unha “peza única” que se correspondería cunha pedra formosa, que se atopa habitualmente decorada nos xacementos de Portugal.

Os usuarios metíanse a través do oco desta gran lousa de pedra, que separaría unha sala de outra, para acceder aos baños de vapor e evitar así a perda de calor.

CONSERVACIÓN E ALTURAS SINGULARES

A suposta sauna castrexa da Atalaia contaría cunha “vantaxe” a nivel patrimonial, sinala Ramil, e é a conservación do edificio, mesmo cuns restos estruturais que contan con alturas nada comúns.

Detalle doutra das estancias. MARIÑA PATRIMONIO

SERÍA A TERCEIRA EN ORTEGAL-A MARIÑA

De confirmarse a teoría, a da Atalaia sería a sexta sauna castrexa de Galicia: documentáronse estas edificacións en Borneiro (BergantiñosA Coruña), Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), A FonsagradaCedeira e en EspasanteOrtigueira.

Ramil, que escavou estas dúas últimas, sinala que “é para considerar o feito de que aparecesen dúas saunas na liña de costa de Ortegal e que haxa outra posible en San Cibrao, na Mariña Lucense. Trátase en todos os casos de castros costeiros peninsulares, todos tamén dun certo tamaño, polo que de confirmarse a nosa hipótese poderiamos supoñer que hai saunas en todos os xacementos deste tipo”, argumenta.

MARIÑA PATRIMONIO APUNTARA ESTA POSIBILIDADE

Os arqueólogos traballaron na mesma zona escavada por Eduardo Chamoso Lamas no 1974, que tapou o xacemento despois das obras. Naquel entón, o director da cata deixou apenas algunhas fotografías, polo que a ausencia de documentación ralentiza as conclusións do grupo de traballo. Con todo, as actuacións chegaron a lugares non comprobados na década dos 70.

Daquela, as informacións de prensa da escavación suxerían que o edificio da Atalaia se trataba dunha fábrica de salgadura fenicia.

Nos últimos once anos, a partir dos testemuños da veciñanza e da consulta a especialistas, a asociación Mariña Patrimonio defendeu a teoría de que elevación de San Cibrao gardaba unha sauna castrexa, unha hipótese que parece coller forza cos resultados parciais da ciencia.

Outra estancia, na que se identifican as ventás. ALEJANDRO RAMIL BLANCO

PRETO DAS CASAS

Se a nivel patrimonial o xacemento ten “interese” e “vantaxes”, como sinala Ramil, a súa ubicación é moito menos vantaxosa á hora da súa posta en valor. Está cuberto de area de praia, nunha rúa urbana na que é preciso substituír as antigas canalizacións de fibrocemento, e as casas cinguen por ambos lados a estrutura escavada.

“Veremos que se pode facer, porque neste caso os intereses arqueolóxicos topan cos lexítimos dos veciños, aos que hai que restituír o servizo canto antes e que teñen as casas moi cerca. Por agora buscarase unha solución temporal, cunha canalización alternativa, e veremos que pasará. Pola nosa banda presentaremos un informe a Patrimonio e o Concello dos restos achados”, conclúe Ramil. Os traballos arqueolóxicos continuarán previsiblemente ata o vindeiro luns.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...