O Goberno central comprometeuse este xoves co Concello de Barreiros a consolidar o henge da Roda e poñelo en valor, ante a demanda do goberno local pola situación de deterioro do xacemento.
A alcaldesa de Barreiros, a nacionalista Ana Ermida, e a segunda tenente de alcalde, a socialista Carmen Veiga, mantiveron reunións en Madrid cos responsables do Goberno en funcións tanto do Ministerio de Fomento como de Transición Ecolóxica.
Aos representantes da primeira carteira, as dirixentes do executivo municipal trasladáronlles a necesidade de actuar no xacemento, un dos dous únicos henges que se coñecen no Estado xunto ao de Lavandeiras, en Xove, dado que “desde que se escavou, a raíz das obras da autovía, e despois de que se fixesen as catas por parte de Patrimonio da Xunta de Galicia, non houbo ningunha posta en valor nin para asegurar a súa protección nin para a súa promoción e divulgación”, expón Ermida.
“Temos a sorte de contar en Barreiros cun xacemento singular, dos contados da Península Ibérica, que pode darlle un pulo ao noso municipio que está degradándose aos poucos. Está situado en terreos do Ministerio de Fomento, no que ademais existe interese arqueolóxico por parte do servizo galego, polo que sería irresponsable non ter a iniciativa para xestionar actuacións que redundan en beneficio do concello”, asegura.
Así, o Executivo central comprometeuse segundo a rexedora “de forma clara” a asegurar unha intervención “baixo as directrices do servizo competente da Xunta de Galicia, polo que se iniciarán os contactos para a execución da mesma e da posta en valor coordinadamente co departamento de Patrimonio Cultural da Xunta”, con cuxos responsables o goberno local xa mantivo conversas.

O PRIMEIRO DOCUMENTADO FÓRA DAS ILLAS BRITÁNICAS
As representantes do Concello non precisan por agora unha data para as actuacións, que deberá proxectar a Xunta. “Non sabemos se será xa este ano, pero salimos contentas porque por parte do Goberno central non se nos transmitiu ningunha dúbida”, indica Ermida, que mostra a intención do bipartito de “dar outro tipo de divulgación máis específica, sempre en condicións de seguridade para o sitio arqueolóxico e para as persoas”.
A Roda ten uns 3.700 anos de antigüidade, e trátase dunha estrutura lítica con 50 metros de diámetro.
CONEXIÓNS DO POLÍGONO INDUSTRIAL
Ermida e Veiga tamén aproveitaron para solicitar que se recolla a conexión do polígono de Barreiros co enlace da A-8 e da A-74. O proxecto do treito Barreiros-Foz da Autovía da Mariña superou o trámite de información pública, sen contemplar no tocante ás alegacións esta reclamación.
A intención é que este enlace figure nas previsións do Executivo estatal, dado que a posteriori será imposible incluílo no proxecto. Veiga explica que “desde o Ministerio comunicaranse coa demarcación de estradas en Galicia para que se manteñan conversas co consistorio para tratar de solventar tecnicamente as deficiencias que poidan existir”.
DEPURADORA DE SAN MIGUEL
Na reunión mantida con responsables do Ministerio de Transición Ecolóxica, adquiriuse o compromiso de trasladar a demanda barreirense aos departamentos implicados na execución do Plan Hidrolóxico Galicia Costa, así como de “estudar a prioridade da actuación a nivel autonómico” para “valorar unha colaboración interadministrativa”, así como a posibilidade de implicación da administración estatal no financiamento das obras necesarias.
“Por competencias o Ministerio non podería actuar, pero faláronnos de alternativas e da posibilidade de pactar algún tipo de convenio ou de xestións conxuntas para turrar todas as Administracións na mesma dirección”, indica Ermida.
Desde o goberno municipal consideran “moi importante” ter mantido esta reunión, xa que “nos sitúa nunha boa posición de inicio, con todas administracións ao corrente das necesidades e co compromiso de tirar na mesma dirección para poñerlle solución a un problema que se arrastra desde hai moitos anos”.
A alcaldesa puxo en valor o feito de ser recibidas polo departamento ministerial e sinala que “na dirección xeral da auga, Barreiros estivo ao mesmo nivel que executivos autonómicos que hoxe tamén estaban sendo recibidos por responsables ministeriais”, sinala. Nese sentido, o goberno municipal asegura que seguirá “petando a todas as portas e facendo todas as xestións necesarias para acadar unha solución ao problema da depuración de augas residuais en Barreiros”.