“Hai un cambio lexislativo cara a economía circular e as construtoras teranse que adaptar”

A asociación Intereo presenta un programa formativo con certificacións innovadoras na construción sustentable; o primeiro curso, de bioconstrución, comeza o 13 de xaneiro en Vegadeo

Traviesas, Mourelle e Tomasini, na presentación do programa. AXM

A asociación Intereo presentou este luns en Vegadeo o proxecto “Construíndo Economía Circular”, un programa Empleaverde iniciativa da Fundación Biodiversidade, pertencente ao Ministerio para a Transición Ecolóxica, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e no que colabora o colectivo, que agrupa a 14 municipios da Reserva da Biosfera-Oscos-Eo-Terras de Burón.

César Mourelle, presidente da agrupación e alcalde da Veiga, o bioconstrutor Guido Tomasini e de Celtia Traviesas, da empresa Gest-eco/I2 C, presentaron a iniciativa.

Os promotores desta iniciativa sinalan que a Unión Europea está a marcar o camiño cara a unha nova forma de entender o sector da construción que conlevará cambios lexislativos a curto-medio prazo e que obrigará a unha nova xeración de empresas e profesionais capaces de ter unha visión economicamente sustentable dos proxectos e das obras.

“O obxectivo é concienciar ás empresas construtoras da zona de que é inminente un cambio lexislativo que vai cara unha perspectiva máis sostible. Agora o código técnico de edificación non sempre permite reutilizar materiais, polo que os construtores vanse ter que adaptar e por agora non hai xente formada“, precisou Traviesas.

A representante da empresa consultora Gest-eco/I2 C, responsable do proxecto, sostén que “non existen moitos exemplos de construción circular en Europa e, en España, non temos unha industria da construción afeita a abordar os enfoques económicos e ambientais. Estamos ante un desafío ilusionante cuxo primeiro paso é, sen dúbida, a promoción e a capacitación”, concluíu.

Neste sentido, Mourelle sinalou que “a bioconstrucción é de sentido común e é o futuro ante desafíos como o cambio climático”.

“CUESTIÓN DE SAÚDE”

A intención do programa formativo é mellorar a empregabilidade do alumnado mediante certificacións innovadoras no ámbito dos empregos verdes. Con esta fin, tratarase de crear conciencia social entre Administracións públicas e empresas acerca da necesidade de adaptar o sector a unha nova maneira, máis respectuosa co medioambiente, de entender o deseño e construción de vivendas.

Traviesas expuxo que “non se trata só dunha cuestión medioambiental, senón tamén de saúde, pois as vivendas tradicionais tamén teñen un maior grao de toxicidade. As propias Administracións son as que deben obrigar a poñerse as pilas, esixindo este tipo de requisitos nos pregos de condicións“, indicou.

O PRIMEIRO CURSO, DE BIOCONSTRUCIÓN, DESDE O 13 DE XANEIRO NA VEIGA

O programa inaugurarase cunha acción formativa en Vegadeo, o Curso de Técnicas de Bioconstrucción, de 100 horas, que se impartirá no recinto feiral entre o 13 de xaneiro e o 7 de febreiro de 2020. O curso é gratuíto e poderán solicitalo persoas desempregadas con domicilio na comunidade autónoma de Asturias. O prazo de inscrición está aberto na web www.construyendoeconomiacircular.info.

Este primeiro curso será impartido por Guido Tomasini, un profesional da bioconstrucción con décadas de experiencia. Tomasini, de orixe alemá, dirixe unha Escola de Bioconstrucción en Vilarmide, A Pontenova.

FARASE UNHA EDIFICACIÓN DE MOSTRA

O obxectivo de curso é proporcionar coñecementos asociados a unha nova forma de construír máis respectuosa co medio ambiente, máis saudable para os seus habitantes e que recoñeza e poña en valor o traballo manual e as tradicións construtivas da Reserva da Biosfera Oscos-Eo-Terras de Burón. Mediante sesións prácticas ensinaranse diferentes técnicas de bioconstrucción –terra crúa, pedra, madeira, palla ou cal, considerando a súa integración no lugar e o uso de materiais autóctonos.

Para iso está prevista a creación dunha pequena obra construtiva nalgún dos municipios de Intereo, a fin de mostrar as posibilidades da bioconstrución.

CATRO OBRADOIROS MÁIS, TODOS DISPOÑIBLES ONLINE

Tras este obradoiro, o programa complétase na zona da Reserva da Biosfera con outros catro cursos, todos eles gratuítos e destinados a persoas desempregadas de Asturias e Galicia. Son os seguintes: Sistemas de climatización aplicados á bioconstrucción (50/100 horas, presencial e online); Construción adaptada á Economía Circular (50 horas, online); Enerxías Renovables aplicadas ao sector da construción (100 horas, online); e Deseño e xestión de proxectos de economía circular (50 horas, online).

As persoas interesadas residentes en Galicia si poderán optar á formación online; o seguinte curso, en febreiro, será Construción adaptada á Economía Circular.

PERSPECTIVA DE XÉNERO

Gest-eco/I2 C quixo aplicar a perspectiva de xénero no proxecto, garantindo un que un mínimo do 50% das prazas sexan para mulleres, dado que “o sector da construción é un sector altamente masculinizado, sobre todo nos oficios a pé de obra. Cremos que un enfoque ambiental pode facer que o sector sexa máis atractivo para a incorporación das mulleres”, sinalou Traviesas.

“Faltan mulleres arquitectas si que hai, o problema é nos traballos a pé de obra; non hai mulleres albaneis, ou encofradoras“, lamentou Traviesas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here