Ribadeo reduce á metade as parcelas que incumpren a Lei de Incendios

O 45% dos terreos próximos ás casas están limpos de especies pirófitas, o 44% incumpre a normativa e o goberno local segue a buscar a través do BOE aos donos sen identificar doutras fincas

Plantación forestal

Un total de 408 propietarios atendeu os requerimentos do concello de Ribadeo para cortar eucaliptos e piñeiros dos terreos situados a menos de 50 metros das vivendas.

Así, os titulares do 45 por cento das fincas que incumprían a Lei de Incendios, segundo precisa o goberno local, “actuaron ou están actuando” para manter a faixa de protección mínima estipulada na normativa.

O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, concretou este mércores os avances logrados polo goberno municipal desde que, en outubro pasado, publicara un bando que instaba aos particulares a realizar as cortas necesarias para adecuar as parcelas á normativa galega, vixente desde 2007.

“ULTIMÁTUM”

Segundo os datos do concello, un 44 por cento das fincas continúan en situación irregular, a pesar dos requerimentos e notificacións realizadas nos últimos meses aos seus titulares. O pasado agosto, o goberno municipal cifraba os incumprimentos no 60 por cento.

O concello asegura que se trata do último prazo para que os propietarios que incumpren a normativa limpen as fincas

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este mércores a listaxe das parcelas con donos que seguen sen identificar, aos que se lles dá un prazo de quince días naturais para aclarar a situación. O rexedor ribadense sinalou que se trata dun “novo e último prazo” para os propietarios dos que “non tivemos nin temos noticia algunha”.

EXECUCIÓN SUBSIDIARIA

Suárez Barcia explicou que, rematado o prazo, o concello realizará cos seus medios a corta e limpeza dos terreos, e advertiu que os custos das actuacións se repercutirán aos titulares das fincas, chegando ao embargo das propiedades en caso de impagamento.

o goberno publicou de novo no boe a listaxe dos terreos con donos por identificar

Ademais, os incumprimentos trasladaranse á Xunta de Galicia para que execute os correspondentes expedientes sancionadores.

“Por respecto a todo o bo traballo que fixeron aqueles propietarios que nada máis que se lles requiriu fixeron a corta ou están en proceso de facela, non podemos agora mirar para outro lado”, concluíu o rexedor ribadense.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here