A Xunta adquire 13 inmobles no casco de Mondoñedo para rehabilitar e destinar a alugueiro social

O Goberno autonómico investirá 622.000 euros na compra, ao abeiro do programa Rexurbe, e prevé gastar máis de cinco millóns de euros na reforma dos edificios

Mondoñedo. AXM

Este venres asináronse as escrituras de sete dos 13 inmobles que se adquiren no marco da oferta pública de adquisición realizada en 2020 ao abeiro do programa Rexurbe no concello de Mondoñedo. Así o anunciou a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través dun comunicado de prensa.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo inviste preto de 622.000 euros na adquisición dun total de 13 inmobles, que serán rehabilitados, destinando as vivendas resultantes a alugueiro social. Así, hoxe asináronse as escrituras de sete inmobles, mentres que a sinatura dos edificios restantes rubricaranse o vindeiro 7 de abril.

Unha vez adquiridos os inmobles, licitarase a redacción dos 13 proxectos de rehabilitación, traballos nos que a Xunta prevé investir máis de cinco millóns de euros.

Os 13 inmobles que se rehabilitarán no conxunto histórico de Mondoñedo están emprazados en Guevara 7 e 9, Álvaro Cunqueiro 12, 34, 41, 53 e 57, Progreso 10 e 20, Imprenta 2, Leiras Pulpeiro 11, Peña de Francia 4 e Febreiro 30.

No marco do programa Rexurbe, a Administración autonómica adquire e rehabilita inmobles en conxuntos históricos, como é o caso deste concello, e tamén de Ferrol, Betanzos, Lugo, Ourense, Ribadavia ou Tui, entre outros exemplos.

En canto a Mondoñedo, xa está rematada a obra de rehabilitación do primeiro dos inmobles adquiridos no barrio dos Muíños e estase rematando a redacción do proxecto de rehabilitación do edificio contiguo, tamén adquirido pola Xunta.

A PRIMEIRA ÁREA REXURBE DE GALICIA

Ademais das actuacións directas do Instituto Galego da Vivenda e Solo a través do programa Rexurbe, Mondoñedo conta coa primeira Área Rexurbe declarada en Galicia, á que seguiron as da Coruña e Ribadavia.

A Área Rexurbe implica actuacións non só de rehabilitación de vivendas e espazos urbanos, senón tamén a dinamización económica e social do ámbito da área, que no caso de Mondoñedo comprende o conxunto histórico da vila, o barrio dos Muíños e zonas próximas á área dos Remedios.

ABERTO O PRAZO PARA A PRESENTACIÓN DAS SOLICITUDES DE ADQUISICIÓN DE VIVENDAS

Así mesmo, este concello da provincia de Lugo tamén se pode beneficiar dos incentivos do programa de cascos históricos. Ata o 1 de setembro está aberto o prazo para a presentación de solicitudes de axuda para a adquisición de vivendas no conxunto histórico de Mondoñedo e nos barrios dos Muíños e San Lázaro, con axudas que poden acadar os 15.000 euros por vivenda. Estas axudas están destinadas á adquisición de vivendas xa existentes, tanto se son vivendas novas como usadas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here