O feminismo protagoniza a manifestación máis multitudinaria dos últimos anos na Mariña

Miles de persoas tinguen Burela de lila na convocatoria de Galegas 8M baixo o lema 'Por todas as mulleres, por todos os dereitos'

Manifestantes na Praza do Concello. AXM

A falta de cifras oficiais de participación, a sensación é unánime. A manifestación unitaria do feminismo mariñao polo 8 de marzo foi a protesta que máis persoas convocou nos últimos anos na Mariña Lucense.

Nin a incerteza sobre a fábrica de Alcoa nin o deterioro da sanidade pública e do Hospital Público da Mariña congregaron a tanta xente como a convocatoria que tinguiu Burela de cor lila para reclamar unha igualdade real entre homes e mulleres.

Unha multitude percorreu o centro da vila desde a estación de tren e autobús ata a Praza do Concello. Unha multitude incansable, que non parou un segundo de reivindicar, de cantar, de axitar bandeiras e mostrar pancartas, de bater nas percusións, de celebrar.

EUFORIA E UNIDADE

Porque a protesta tivo algo de euforia, a de miles de mulleres que se xuntaron para tomar conciencia delas mesmas, independentemente da súa procedencia, idade, situación socioeconómica, orientación sexual ou ideoloxía, e que triunfaron sobre todas as tentativas de relativizar a súa discriminación e de desactivar a súa unidade.

“Somos diversas e a partir desa variedade queren dividirnos, pero somos todas valiosas“, subliñou unha das mulleres que leu o manifesto de peche do evento.

As reivindicacións que fixeron nas rúas de Burela son tan xustas que desarman. “Se ti traballas e eu tamén, o mesmo soldo queremos ter”. “Xa é hora de avanzar nos nosos dereitos”. “Se nós paramos, para todo”.

“O feminismo é imparable. Queremos un futuro digno para todas”, afirmou a primeira das intervintes no manifesto. “As mulleres sustentamos a vida e a cambio só recibimos violencia”, lamentou outra das lectoras do texto.

Labregas, estudantes, docentes, mulleres con diversidade funcional ou que padecen o estigma do racismo fóronse dando o relevo para demandar “un plan integral que protexa as nosas vidas da violencia machista“, unha “reforma laboral que acabe cos teitos de cristal e garanta a equiparación salarial“, un “ensino non sexista, laico e crítico” ou un pacto social “para que asuma os coidados o conxunto da sociedade”.

TRABALLO DE MESES

Un chamamento á unidade, “Por todas as mulleres, por todos os dereitos“, foi o lema da convocatoria de Galegas 8M, que resultou un éxito.

A multitude que se xuntou en Burela foi o froito dun traballo de meses, nos que as organizadoras traballaron a reo para sensibilizar a agrupacións e persoas de distintas correntes ideolóxicas, e tamén para incluír ás mulleres do rural.

A manifestación de Burela foi o colofón dunha xornada de folga laboral, estudiantil, de consumo e de coidados na que houbo concentracións matinais en Viveiro, Burela, Foz e Ribadeo, actos lúdicos e educativos, e na que tamén se celebraron concentracións de protesta no Hospital da Costa, onde a CIG queixouse da implantación duns servizos mínimos “abusivos”.

RESPALDO DO 30% NO ENSINO E SAÚDE

paro feminino na provincia superou o 30% nos sectores da saúde e o ensino, segundo subliñou a secretaria da muller da CIG, Carmen Aira. A sindicalista subliñou que a fenda salarial en Lugo sitúase no 17,4%.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here