O Observatorio organiza unhas xornadas sobre a diversidade étnico-racial en Burela

O programa, do 13 de setembro ao 27 de outubro, inclúe unha exposición e charlas sobre a cousificación das mulleres negras ou sobre a Lei de Estranxeiría

Zinthia Álvarez Palomino. AXM

O Observatorio da Mariña Pola Igualdade organizará no outono unhas Xornadas sobre a Diversidade Étnico-Racial en Burela, con actividades que se prolongarán desde o 13 de setembro ao 27 de outubro.

Será, precisa o Observatorio, “a primeira cita do outono” que convoca o colectivo, co obxectivo de “analizar e debater temas de xénero, interculturalidade e historias da vida que afectan ás mulleres racializadas”.

Abrirá o evento o día 13, ás 20.00 horas na sala de cultura, unha conferencia sobre a Lei de Estranxeiría de Zinthia Álvarez Palomino, a técnica do programa de intermediación cultural do Concello de Burela.

O 21 de setembro (sábado, ás 11.00 horas) haberá unha nova charla, desta volta a cargo da educadora e sexóloga Jeane Costa, que falará da cousificación e hipersexualización étnico-racial.

Costa é unha diplomada en Maxisterio que imparte, entre outros, seminarios de educación sexual integral para alumnado e familias, e integrante tamén -ao igual que Álvarez Palomino- do colectivo Afrogalegas.

Cartel das xornadas. AXM

TAMÉN NOS CENTROS EDUCATIVOS

O 27 de setembro, a actividade trasladarase aos centros educativos, nos insitutos burelaos Monte Castelo e O Perdouro, Álvarez Palomino presentará o seu libro ‘Mulleres negras na ciencia‘. Ese mesmo día inaugurarase unha exposición relativa a este volume que poderá verse no centro de saúde durante un mes.

Pechará as xornadas outra charla de Álvarez Palomino, que disertará o 4 de outubro na casa da cultura (20.00 horas) sobre ‘Alianzas desde a perspectiva do feminismo negro‘.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here