Iniciosociedade"Despois de máis de corenta anos de convivencia, non hai persoas negras...

“Despois de máis de corenta anos de convivencia, non hai persoas negras en espazos de poder”

Zinthia Álvarez Palomino é a técnica do programa de mediación intercultural do Concello de Burela, que acolle unha importante comunidade caboverdiana desde hai máis de 40 anos

Publicada o

- Advertisement -

Na semana en que se celebrou o Día da Muller Afrodescentente, falamos con Zinthia Álvarez Palomino, activista afrodescendente e coordinadora do programa de mediación intercultural do concello de Burela, que acolle unha importante comunidade caboverdiana desde hai máis de 40 anos.

P. Podemos poñer número a comunidade de persoas africanas e afrodescentes viven en Burela?

Pois o certo é que non temos unha cifra oficial. De feito, os colectivos de afrodescentes reclaman ás administracións un censo que visibilice á comunidade. Creo que termos un número concreto sería importante para que as nosas demandas tivesen maior peso.

“QUEREMOS QUE SE FAGA UN censo oficial da comunidade AFRODESCENDENTE. se non nos contan, non contamos”

A poboación de orixe africana, fundamentalmente caboverdiana, empezou a chegar aquí nos anos setenta. Así que xa hai afrodescentes de segunda e terceira xeración. Pero, se non nos conta, non contamos.

Coordinas un programa de mediación social e intercultural desde o Concello. Cales son as liñas en que traballades?

Traballamos en dous ámbitos. Na sensibilización cara a diversidade étnico racial e na dinamización, mediación e acompañamento ás persoas migrantes que necesitan unha atención individualizada.

“A sensibilización cara a diversidade étnico racial e a mediación e acompañamento DAS PERSOAS MIGRANTES son os eixos do programa”

A comunidade caboverdiana é a máis numerosa pero o concello conta con poboación chegada de moitos países: Perú, Indonesia, Marrocos, Senegal, Brasil, Venezuela,…

A quen dirixides as accións de sensibilización?

Sobre todo ao alumnado dos centros educativos. Estivemos facendo talleres de sensibilización desde que puxemos en marcha este programa, en marzo, ata que rematou o curso. O alumnado é diverso, hai alumnos e alumnas de orixes distintas, pero se esa diversidade non se traballa, se non se recoñece, pode xenerar conflitos ou desigualdades.

Non se trata só de que compartan aula. Eso non significa que a diversidade se normalizase. De feito, un dos problemas que estamos constatando é que a maior parte das rapazas que abandonan os estudos son afrodescendentes.

“QUE ALUMNADO DE ORIXES DIFERENTES COMPARTA AULA NON SIGNIFICA QUE A DIVERSIDADE SE NORMALIZASE”

O mesmo sucede noutros ámbitos. Nestes meses reuninme con asociacións e clubs deportivos e unha das queixas que máis se repiten é que nos partidos a primeira ofensa que se lanza a unha persoa negra ten que ver coa cor da súa pel.

Nos equipos conviven persoas de etnias e razas diferentes, parece que xogan en pé de igualdade, pero hai elementos como ese tipo de agresións verbais que reflicten un problema de fondo sen resolver.

“nos partidos deportivos, a primeira ofensa que se lanza a unha persoa negra ten que ver coa cor da súa pel”

Cal é o teu diagnóstico?

Desde a miña experiencia, creo que estamos nunha sociedade estruturalmente racista, na que non se puxo en valor a diversidade. Séguese considerando que a cultura doutros pode supoñer unha ameaza. Mantéñense certas barreiras cara a quen se considera outra ou outro.

“Levamos mÁIS de corenta anos de convivencia, pero hai algunha profesora ou profesor negro?”

En Burela, levamos máis de corenta anos de convivencia pero hai algunha profesora ou profesor negro? Algunha banqueira ou banqueiro negro? Falamos dunha comunidade moi numerosa e dunha presenza moi prolongada no tempo e aínda así, en espazos de poder -non só político- ou en postos con proxección pública non hai persoas negras.

A maioría traballan na pesca ou na industria vinculada a ese sector e na hostelería. Pasa algo semellante con todos os inmigrantes ou persoas que sen selo, porque xa naceron aquí, xenotipicamente, responden á idea que no imaxinario colectivo se ten dos inmigrantes. Ao final, as nenas e nenos non teñen referentes nesas posicións.

Quizais tamén teña que ver con factores socioeconómicos.

Cando un grupo de persoas migra para mellorar a súa calidade de vida, a prioridade é o sustento de cada día. Pero esa realidade non é xeneralizada, non responden a todas as persoas migrantes nin xustifica a non visibilidade das persoas con diversidad étnico racial en espazos de poder. Esa realidade responde a un racismo estructural que empeza pola Lei de extranxeiría.

A educación debería servir para xenerar oportunidades pero a comunidade educativa está dentro do sistema, intégrana persoas que responden tamén a certos estereotipos como o resto da sociedade.

O pasado xoves celebrouse o Día da Muller Afrodescendente, unha data que remarca a dobre problemática á que se enfrontan as mulleres negras: o machismo e o racismo. Con que consecuencias?

É unha data un tanto esquecida, pasa moi desapercibida. Desde o programa de mediación quixemos darlle relevancia organizando unha charla, o pasado venres, na que participaron mulleres inmigrantes. Reunímolas co propósito de que a partir dese diálogo poidan ir contruíndo redes de apoio. Os problemas aos que se enfrontan son, en parte, bastante similares.

Con respecto ao que me dicías sobre o machismo e o racismo: xeneran uns estereotipos que fan un dano extraordinario ás potencialidades das mulleres afrodescendentes.

Explícocho a través dunha pregunta. Pódesme mencionar o nome dunha científica? Seguro que si. Dunha científica negra? Probablemente non. Se pregunto por unha atleta negra? Nese caso, hai máis referentes.

Iso é o que fan os estereotipos. Situan ás mulleres negras en certos roles, en certos papeis, obviando a diferenza que existe entre nós.

Nos últimos anos, o feminismo foi erosionando eses estereotipos. Tamén para as mulleres negras?

Creo que a realidade das mulleres negras é diferente. Cando as mulleres brancas loitaban polo dereito ao voto, as negras aínda pelexaban por seren recoñecidas como seres humanos. A diferenza é enorme e séguese arrastrando.

Aínda que esta última ondada de feminismo ten maior sensibilidade cara a diversidade, o feminismo eurocéntrico loita pola igualdade desde a realidade en que viven as mulleres brancas, que é distinta a das mulleres negras.

“cando as mulleres brancas loitaban por dereito ao voto, as negras pelexaban por serEN recoñecidas como seres humanos”

Un home veme na rúa e atrévese a ofrecerme diñeiro porque pensa que son prostituta. Iso pásame porque son muller e negra, non muller simplemente.

Cales son as problemáticas que atendedes no servizo de mediación e acompañamento?

Atendemos persoas que precisan asesoramento en trámites burocráticos. Por exemplo, procesos de regularización, indicacións para a continuidade dos estudos ou acompañamento a centros de saúde.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...