O PSOE de Viveiro aspira “á maioría absoluta” tras reducir “catro millóns a débeda”

María Loureiro lidera unha candidatura que destaca pola continuidade do equipo de goberno, con oito edís entre os dez primeiros postos

Integrantes da candidatura do PSOE de Viveiro ás eleccións municipais. AXM

O PSOE de Viveiro presentou este venres a súa candidatura para as eleccións municipais do 26 de maio, encabezada pola actual rexedora María Loureiro.

Os socialistas aspiran a “acadar a maioría absoluta no concello” cunha listaxe na que tamén repiten os edís do equipo de goberno: Jesús Fernández Fernández (2), Lara Fernández Fernández-Noriega (3), Jesús Antonio Fernández Cal (4), María Soledad Rey Yáñez (5), Emilio Vilarmea Méndez (8), María del Carmen Franco Díaz (9) e Jacobo Bermúdez Guerreiro (10).

INCORPORACIÓNS

A candidatura incorpora nos dez primeiros postos dúas caras novas, a de César Iglesias Docal (6), traballador de Alcoa que se incorpora a política municipal, e Victoria Baamonde Gómez (7), psicóloga e militante socialista.

Carmen Varela Vázquez, Iber Xosé Sánchez Rey, Dulce María Cociña Neira, Óscar Canoura González, Vitorina Candeias Raposo De Matos, Jesús Chao da Silva e María Dolores Fraga Fernández  completan a listaxe de titulares que completan, como suplentes, Vicente Hermida Rodríguez, Telma Canoura Regal e Aurelio Goas Gómez.

María Loureiro subliñou que se trata dun grupo “que combina experiencia con xuventude”. “A diferenza doutros partidos, nós somos un equipo e danos igual o número no que saiamos con tal de chegar ao noso obxectivo: que en Viveiro continúe un goberno de progreso“, continuou a candidata á reelección.

BALANCE DA LEXISLATURA

A rexedora destacou como logros da lexislatura a redución da débeda “en catro millóns de euros” e mais as accións orientadas a potenciar e desestacionalizar o turismo.

“Nestes catro anos o balance do goberno é positivo, aínda que somos conscientes das necesidades que ten o noso concello”, admitiu a socialista. Neste senso, responsabilizou á Xunta de Galicia de “marxinar” ao municipio.

“APOIO” DA DEPUTACIÓN E DO ESTADO

En contraposición, subliñou o apoio recibido polo goberno do Estado que, expuxo, “axilizou as tramitacións para licitar as obras na fachada do paseo marítimo e melloras na praia de Sacido” e pola Deputación de Lugo.

A este respecto, o secretario provincial do PSOE e deputado, Álvaro Santos, presente no acto, cifrou en “tres millóns de euros os investimentos que o PSOE achegou ao concello dende o executivo provincial”.

O “LEGADO” DE ROEL

Na presentación da candidatura tamén participou a parlamentaria Concepción Burgo, que gabou a xestión de Loureiro sinalando que “conseguiu facer propio” o “enorme legado de Melchor Roel“.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here