Un home de 68 anos ingresado en Burela, quinta vítima mortal da pandemia na Mariña

Segundo concretou o Sergas, o falecido presentaba patoloxías previas; a cifra de mortos en Galicia ascende a 424 persoas

Parte nova do hospital trala ampliación. AXM

Un home de 68 anos diagnosticado de coronavirus faleceu no Hospital Público da Mariña, segundo informou esta tarde o Servizo Galego de Saúde (Sergas). As mesmas fontes indican que o falecido tiña patoloxías previas.

É a quinta vítima mortal por mor do coronavirus na bisbarra, despois de que falecesen un usuario da vivenda comunitaria privada Mirador del Eo, en Ribadeo, de 83 anos, un varón de 90 anos, e un residente de 87 anos do xeriátrico Betania de Viveiro, ademais dunha muller, de 89 anos, da residencia de Foz.

Segundo o último reconto oficial da Consellería de Sanidade, outras oito persoas con positivo pereceron en hospitais galegos a causa da pandemia: unha muller de 98 anos e un varón de 78 que estaban ingresados en Povisa; un varón de 86 anos e unha muller de 87 ingresados no Chus; un varón de 75 no Chuac; outro varón de 87 no Chuo; outro varón de 84 ingresado no Chuvi; e outro varón de 85 do Hospital de Valdeorras. Todos tiñan patoloxías previas, concreta o Sergas.

Deste xeito, o número de persoas falecidas en Galicia a causa da pandemia ascende a 424.

SEIS POSITIVOS NO HOSPITAL, DOUS DELES NA UCI

O número de pacientes no Hospital Público da Mariña é de sete, dous deles na Unidade de Coidados Intensivos (Uci) e outros catro en unidades de hospitalización ou plantas.

A nivel provincial, hai 591 casos activos, un menos ca onte. Outros seis doentes están en unidades de críticos da provincia, todos no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Un total de 36 persoas permanecen en hospitalización, dous menos có pasado xoves: ademais das cinco da Mariña, hai outras 14 no Hospital Virxe dos Ollos Grandes e o resto no HULA. Monforte segue sen ingresados.

No tocante aos casos activos en domicilio, o número documentado aumenta lixeiramente, con 547, tres máis.

RESIDENCIAS

No tocante á residencias, tres maiores regresaron do xeriátrico Porta do Camiño (Santiago) á residencia de Foz. Segundo concretou a dirección do centro, fano con resultado negativo nas probas, aínda que o cómputo oficial da Xunta do mediodía deste venres non recollía esta circunstancia, contabilizando catro positivos de usuarios -hai unha persoa ingresada no Virxe dos Ollos Grandes- e seis de traballadores.

Dous residentes permanecen infectados en Mirador del Eo e outros tres en Betania (Viveiro). Na residencia de Burela hai dous traballadores afectados, por un no xeriátrico San Rafael (Mondoñedo).

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here