InicioEconomíaManifestación histórica en Viveiro para respaldar aos obreiros de Alcoa

Manifestación histórica en Viveiro para respaldar aos obreiros de Alcoa

Entre 17.000 persoas, segundo a Policía, e 25.000, segundo o comité, participaron nunha marcha multitudinaria para reclamar a continuidade da produción do aluminio na Mariña

Publicada o

- Advertisement -

Milleiros de persoas, entre 17.000 e 18.000 segundo a Policía Local e 25.000 na versión dos sindicatos, participaron este domingo na manifestación máis multitudinaria da historia recente da Mariña Lucense, a fin de clamar por unha solución para a continuidade da produción de aluminio en San Cibrao, despois de que Alcoa anunciase un despedimento colectivo na planta que afectaría a 534 traballadores, máis outros alomenos 400 de empresas auxiliares.

Cos obreiros vestidos de faena e os familiares e veciños da bisbarra de loito, simbolizando o impacto que provocaría un despedimento colectivo que todos entenden como unha catástrofe para a comarca, unha multitude avanzou desde a Cruz Vermella de Viveiro ata a Praza Maior. Con lemas como ‘enerxía solución‘, ‘Madrid, escoita, A Mariña está en loita‘ ou ‘A Mariña sálvase loitando‘, e reclamacións ao Goberno central para que abarate o prezo da electricidade -un dos factores postos enriba da mesa pola compañía para xustificar a medida- a manifestación supuxo unha nova demostración de unión e de forza perante unha semana na que o comité de empresa se reunirá con políticos, Administracións e coa dirección da multinacional.

 

Antía Fernández é natural de Xove e traballa na planta de aluminio, no departamento de PCS. Sería unha das 534 persoas afectadas polo Expediente de Regulación de Emprego (ERE) anunciado por Alcoa. Entrar na fábrica permitiulle volver á súa terra, despois de emigrar con tres anos coa súa familia a Ponferrada. “Marchei polo traballo de meu pai e poder regresar foi algo que devecín toda a vida, e grazas a esta fábrica conseguino”, explica. Emociónase ao falar da resposta da comarca. “Síntome arroupada e moi orgullosa”, remarca.

“SOMOS UNHA FÁBRICA VIABLE”

David Rodríguez, natural de Ferrol, traballa desde hai tres anos en mantemento central de aluminio; sería igualmente un dos 534 afectados. “É unha fábrica enorme e nunca acabas de crer que isto poida pechar. Cheguei aquí coa idea de que era unha empresa forte, coa intención de acabar nela a miña vida laboral, e agora mira”, remarca. “Somos unha planta que non está anticuada, que é a segunda mellor do grupo sen o prezo da enerxía, e pedimos ao Goberno que solucione este problema, equiparándonos con países da nosa contorna”, salienta.

“ALCOA TENTA DIVIDIRNOS, PERO ALUMINIO, ALÚMINA E AUXILIARES IMOS TODOS UNIDOS”

Patxi Márquez, de Burela, traballa no departamento de fundición de aluminio, que en principio non estaría afectado polo recorte, pero anticípase á pregunta do xornalista: “non se vai salvar tampouco”. Reclama ao Goberno central “que se implique e dea solución ao persoal e tamén ao das empresas auxiliares. Entre as plantas de aluminio -633 obreiros-, alúmina -510- e as contratistas, o complexo industrial de San Cibrao ofrece unha saída laboral a 2.000 persoas de xeito directo.

“O que fixo Alcoa é tentar dividirnos“, asegura, expoñendo un recorte produtivo no que dentro da planta de aluminio permanecerían 99 persoas, pero este obreiro con 30 anos de antigüidade ten claro que “imos todos a unha e non hai fisuras, porque estariamos todos afectados. Agradece a resposta da Mariña Lucense, tamén do comercio de Xove que organizou o pasado sábado unha protesta multitudinaria.

OBREIROS DE AUXILIARES, COS CONTRATOS SUSPENDIDOS

Vicente é de Viveiro. Traballou 27 anos, toda a súa vida laboral, en Cyrgasa. Foi un dos 13 operarios afectados polo Expediente de Regulación de Emprego (Erte) executado na auxiliar tras renunciar Alcoa ao cambio de cubas, necesario para conservar a maquinaria de electrólise cando chega á fin da súa vida útil. “Fomos o eslabón máis feble e os primeiros en caer”, remarca. Insta á multinacional a “aclararse e dicir se quere continuar producindo aluminio, porque levamos tempo reclamando que non hai investimento na planta e se non ten intención de quedarse está a xogar coa clase obreira”, e reclama ás Administracións que actúen.

Este traballador resume o sentir xeral dos traballadores do complexo industrial de San Cibrao e tamén de milleiros de veciños, moitos deles autónomos ou rexentes de pequenas empresas, que se benefician indirectamente do consumo dun persoal que ao longo dos últimos 40 anos tivo estabilidade laboral e salarios dignos. Ante a falta de alternativas laborais, asegura que “se isto pecha, non hai futuro para os nosos fillos, de ningún tipo”.

IRIS, CON SETE MESES, REIVINDICANDO UN FUTURO PARA A FÁBRICA

As familias foron as protagonistas da protesta. Acompañaron aos obreiros parellas, pais, irmaos e fillos de todas as idades, mesmo de sete meses, como a pequena Iris, que participou nos brazos dos seus pais dunha manifestación que será lembrada.

O COMITÉ: “TODA EUROPA ESTÁ INTERVINDO EMPRESAS”

O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, pediu de novo á ministra de Industria, Reyes Maroto, que “faga o seu traballo”, apostou por unha “intervención total ou parcial” da fábrica e recordoulle que “se toda Europa está intervindo empresas“, para evitar que esta crise as leve por diante, “será por algo”.

Nese sentido, opina que o Goberno de España ten que facerlle caso ao seu vicepresidente segundo, Pablo Iglesias, ou ata fixarse nas propostas da canciller alemá, Angela Merkel, nese sentido, porque “non son parvos”.

Zan lembrou que a finais de marzo “Alcoa foi a primeira empresa” que foi considerada “esencial” por parte do Goberno, porque como produtora de aluminio primario tamén abastece aos “sectores farmacéutico e da alimentación. Somos indispensables”, dixo o sindicalista, porque a produción de aluminio primario para abastecer a outros sectores chave na economía española “non pode depender doutros países”.

“Non é nada malo que se interveña a empresa e se entre”, por parte do Estado, “no consello de administración” para “a toma de decisións estratéxicas“, engadiu.

A MAGNITUDE DO APOIO, “UNHA SORPRESA” ATA PARA OS SINDICATOS

Zan asegurou que todo o apoio recibido está a ser “unha sorpresa” ata para o comité. “A Mariña está totalmente envorcada coa supervivencia de Alcoa. Con esta forza, é seguro que imos saír disto”, resolveu.

DANI, FILLO DUN EMPREGADO, PECHOU A MANIFESTACIÓN

A manifestación concluíu cun alegato do fillo dun dos traballadores de Alcoa, Dani, tamén de Viveiro. Un pícaro de doce anos que días atrás axitou as redes sociais cun vídeo no que lle pide ao Goberno central unha solución para que a súa familia non teña que emigrar, a única alternativa que contemplan os mariñaos de clausurarse un centro de traballo que durante máis de catro décadas deu emprego ata a tres xeracións de veciños da bisbarra. “A Mariña sálvase loitando”, comezou o adolescente, e a Praza Maior de Viveiro deulle réplica. A tenor do respaldo popular, por loita non vai quedar.

PONTÓN PIDE A INTERVENCIÓN PÚBLICA

Desde Viveiro, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu que o futuro de Alcoa en San Cibrao “pasa irremediablemente por unha intervención pública entre a Xunta e o Estado”.

Pontón avogou pola nacionalización e por unha tarifa eléctrica autonómica, argumentando que “os galegos non podemos aceptar que sendo produtores de enerxía eléctrica teñamos milleiros de postos de emprego pendentes do prezo da luz”.

CABALLERO ESIXE A ALCOA QUE “CUMPRA”

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, que tamén se desprazou á Mariña, puxo o foco en Alcoa. “É hora de que cumpra”, manifestou, á vez que sinalou que “é necesario que a empresa tamén teña toda a presión política, social e económica” para que “asuma unha rectificación dunha decisión que é improcedente”.

Ao ser preguntado polo papel do Executivo de Pedro Sánchez, ao que os empregados de Alcoa reclaman aprobar un estatuto electrointensivo que garanta un prezo da luz “competitivo” e estable no tempo, Cabalkero recoñeceu que “é moi importante que o documento saia adiante, pero tamén hai que tomar decisións que permitan unha folla de ruta porque nin sequera iso garante o futuro do emprego”.

A marcha tamén contou, entre outros representantes políticos, co voceiro de En Marea, Pancho Casal, ou os alcaldes de Cervo e Xove, Alfonso Villares e Demetrio Salgueiro (PP), ademais doutros concelleiros e rexedores da Mariña, de todas as cores políticas.

FEIJÓO URXE UN PREZO ELÉCTRICO “COMPETITIVO” NAS “PRÓXIMAS SEMANAS”

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, esixiu ao Goberno central un compromiso real coa factoría de Alcoa en San Cibrao xa que non se pode “seguir mareando a perdiz” mentres están en risco máis de 900 empregos.

A xuízo do presidente autonómico, non se pode “seguir perdendo máis tempo” logo da ameaza da multinacional respecto de despedimentos polo que insistiu en que xa nas “próximas semanas” débese garantir un prezo eléctrico competitivo.

Urxe esta decisión, afirma, porque “non podemos perder postos de traballo en industrias que son viables economicamente por decisións políticas que os fan inviables” porque “non ten ningún sentido que nesta situación de pandemia económica pechemos unha fábrica”.

SÁNCHEZ DI QUE “SEGUE BUSCANDO” UNHA SOLUCIÓN

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, dixo este domingo que o Executivo “segue buscando” unha solución para Alcoa.

Na rolda de prensa posterior á reunión telemática que mantivo cos presidentes autonómicos, Sánchez explicou que o Goberno e, en especial, a ministra de Industria, Reyes Maroto, leva traballando “dous anos” para atopar unha solución para a planta de aluminio.

Para iso mantén abertas vías de diálogo co comité de empresa pero tamén, como xa adiantou esta semana no Congreso, segue buscando investidores para salvar a planta de San Cibrao.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...