IniciosociedadeA historia detrás do vídeo viral de Dani: unha familia pendente do...

A historia detrás do vídeo viral de Dani: unha familia pendente do aluminio

Emilio Villarmea é un dos 534 traballadores que Alcoa quere despedir en Lugo; tamén é o pai do neno que axitou as redes sociais pedindo un futuro para a planta

Publicada o

EFE/Ana Martínez. “O virus quedou aquí nun segundo plano”. Emilio Villarmea é un dos 534 traballadores que Alcoa quere despedir en Lugo. O 2 de xuño cumpriu 46 anos. O seu pai, Tito, e o seu sogro, Paco, traballaron na planta de San Cibrao -na que el leva trece anos-, desde a súa apertura, en xaneiro de 1979, antes da denominación actual tras a súa privatización en 1997.

OS COMEZOS

A multinacional americana asinou o 25 de febreiro dese ano o acordo de intencións para a adquisición do grupo público Inespal, a industria española do aluminio, que se materializou pouco despois. Cando a factoría de Alúmina-Aluminio, como despegou nos seus inicios, chegou á Mariña Lucense houbo balbordo, pois as súas xentes gañábanse a vida exclusivamente coa terra e co mar e non comprendían entón outros modos, pero na actualidade ninguén, independentemente de cal sexa a súa idade, concibe que o sustento do seu armazón económico peche e desapareza.

FELICITACIÓN DE ANIVERSARIO

Dani é menor. A súa idade: doce. É fillo único e, de madrugada, o seu proxenitor, Emilio, recibiu a primeira felicitación polo seu aniversario. Pensou que era un vídeo dos que o pequeno sobe habitualmente a Youtube, onde ten a súa propia canle, Danitube Wirs, que se centra nos videoxogos que están de moda, pero equivocouse. O neno só quería que escoitasen a súa historia na súa casa, e, fóra das súas catro paredes, os veciños, os españois, os donos da empresa e, sobre todo, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez. “Os meus dous avós traballaron en Alcoa e agora viven aquí felices”, relata. Fala de Paco e de Tito, que son de Viveiro, “de sempre”. “Por que o meu pai non pode facer o mesmo? Por que nos temos que ir se temos aquí a nosa casa?”, pregúntase o adolescente nunha gravación que se fixo viral. “Só no meu portal viven catro familias que traballan en Alcoa e non quero que se teñan que ir de aquí”, apunta o mozo, que desexa “non perder de vista” os seus amigos e que nin sequera quere pensar nun traslado.

OS OBREIROS, AGRADECIDOS

Os empregados agradeceron o seu xesto con outro conmovedor audiovisual no que portan a pancarta “Grazas Dani“, unha sorpresa á que el reaccionou coa súa voz clara, a súa mirada limpa e do modo máis tenro. Entre todos chegaron á conclusión de que os únicos derrotados son aqueles que deciden deixar de loitar. Emilio contén, como pode, a emoción: “Estaba na quenda de noite. Cando vin o primeiro vídeo… Pois, que dicir. É incrible”, remarca. Igual de emotivo pareceulle o impacto que esa ocorrencia, nada do corazón, tivo en redes, onde as visitas cóntanse por decenas de miles.

A HIPOTECA

Esta familia ten unha hipoteca. A Laura, parella de Emilio e nai de Dani, a pandemia afectoulle de cheo. Cobra unha prestación, á espera de que saber que ocorrerá e cando poderá volver á súa “normalidade”, na que se dedicaba á axuda a domicilio. Como eles están moitos outros compañeiros na fábrica pois o persoal é relativamente novo e, cun “traballo de calidade”. Moitos, “inclusive os que levan tres anos”, foron os que tomaron a decisión de ter descendencia e de adquirir unha vivenda. Agora, xa hai inmobiliarias que, coas últimas noticias, están a despachar pisos a prezos moi baixos. Rabia, impotencia, indignación…

“NINGUÉN FALA DOUTRA COUSA, AQUÍ O TEMA CENTRAL NON É O VIRUS”

“Ninguén fala doutra cousa. No resto do mundo o tema central é a Covid-19 e en Cervo, Xove e Viveiro, os concellos máis afectados, soamente fálase de Alcoa”. O custo de producir, o prezo do metal á baixa, o mercado paralizado… Ninguén quere escoitar iso e si, por exemplo, que haberá prezos especiais para grandes consumidores de electricidade, como é o caso; ou simplemente solucións válidas, sexan cales sexan, menos as anunciadas. Emilio fala por todos: “Cando o complexo se privatizou, Alcoa fixo aquí todo o diñeiro do mundo. Viviu as mellores épocas do aluminio. Agora que o mercado está un pouco parado, a pandemia influíu moitísimo; e o prezo da enerxía en España non é moi alcanzable, é cando decide pechar. Que o poñan á venda, seguro que hai un comprador, alguén”, remarca.

“SOMOS COMPETITIVOS, DOS MELLORES DO MUNDO”

“A última carta que temos -asume Villarmea- é que a interveña o Estado ata que se estabilice un pouco o mercado, o prezo do aluminio, e veña alguén que se dedique ao sector e a merque. Unha empresa deste calibre non pode parar un mes e logo volver empezar. Este tipo de empresas non poden parar nunca. Se paran, están perdidas”. “Somos competitivos, dos mellores do mundo“, di, e engade: “O proceso de electrólise é o mesmo desde hai corenta anos. Non hai empresas superiores á nosa. Se dixésemos, está obsoleta, a produción é baixísima, pero non, para nada. Somos produtivos ao 100%. Falar do noso non é o mesmo que tratar o de Nissan en Barcelona nin comprable ao ocorrido con Alcoa na Coruña e Avilés (Asturias). Porque aquí é o único, o único que hai. E é toda unha comarca a prexudicada. Moitas familias”, remarca.

“AQUÍ NON HAI OUTRA INDUSTRIA POTENTE”

Non hai outra industria potente, observa Villarmea; a pesca está a pasar por momentos difíciles e da agricultura as persoas desenténdense cada vez máis. “Aquí fálase máis de Alcoa, que supón máis do 30% do PIB da provincia lucense, que do virus. O único motor que temos agora mesmo é Alcoa. Chéganos e sóbranos”, recalca, e despídese.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...