InicioEconomíaOs Concellos urxen a Alcoa a facilitar a venda e piden ás...

Os Concellos urxen a Alcoa a facilitar a venda e piden ás Administracións que a “obriguen” se é necesario

Os alcaldes da Mariña reclaman á titular de Aluminio e a Liberty House que avancen na operación e a Xunta e Goberno que garantan a continuidade da fábrica en San Cibrao

Publicada o

- Advertisement -

Os alcaldes da Mariña Lucense fixeron este xoves unha rolda de prensa conxunta na que emprazaron a Alcoa a “falicitar” a venda da planta de aluminio de San Cibrao, pois ven a operación como a “única saída posible” para o conflito laboral aberto na fábrica, onde a propietaria presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) cuxa negociación suspendeuse para afrontar un proceso de compra-venda coa siderúrxica británica Liberty House. O prazo para alcanzar un acordo finaliza o vindeiro domingo, 27 de setembro, e de non frutificar a operación a titular das instalacións e os sindicatos retomarían o período de consultas do despedimento colectivo ao día seguinte.

APOIO “UNÁNIME” CON REPRESENTANTES DAS TRES FORZAS POLÍTICAS

Os rexedores, das tres cores políticas –PSdeG-PSOE, PP e BNG– que gobernan na comarca, expuxeron unha postura común despois dunha reunión co comité de empresa de Alcoa San Cibrao. “Estamos chegando á fin do prazo establecido para que Alcoa e Liberty House cheguen a un acordo para a venda da planta de aluminio, sen que teñamos avance algún ata o momento“, lamentou o popular Demetrio Salgueiro, alcalde de Xove, “polo que emprazamos ás empresas a que busquen un pacto nos poucos días que faltan”.

Salgueiro fixo fincapé tamén no papel das Administracións e afirmou no nome dos Concellos da Mariña que “solicitamos a Xunta de Galicia e Goberno do Estado que poñan todos os medios ao seu alcance para que a operación frutifique, como a única saída posible neste momento para manter os postos de traballo. O luns comezaría un novo proceso, cos empregos baixo ameaza, e cremos que as Administracións deben obrigar a Alcoa a que venda e a que Liberty House clarifique as súas demandas”, abundou.

O rexedor de Xove referiuse finalmente na propietaria das instalacións. “Os obreiros levan soportando un sufrimento continuo e todos os Concellos da Mariña estamos de acordo en que a única posibilidade é a venda da planta. Por iso, emprazamos a Alcoa a que, despois de anos e anos beneficiándose desta comarca e con moitas axudas por parte das dúas Administracións, facilite a venda como a única saída”, argumentou.

UN CONFLITO “SOCIAL, NON SÓ LABORAL”

A alcaldesa de Barreiros, a nacionalista Ana Ermida, expresou o “apoio únanime” dos gobernos da Mariña Lucense “ao cadro de persoal” de Alcoa e “tamén ao das empresas auxiliares que se verían afectadas por este proceso”. As contratistas continúan este mesmo xoves en folga indefinida para reclamar unha venda e unha voz dentro do conflito laboral en Aluminio.

“Demandamos como parte social unha actuación contundente das Administracións competentes para que isto chegue a bo porto. Teñen que poñer toda a carne no asador para que a fábrica continúe en San Cibrao e os postos de traballo se manteñan”, declarou a rexedora barreirense. “Non é só unha cuestión laboral, senón social, económica e demográfica, que afectaría a toda a comarca ata a súa morte paulatina“, engadiu.

“A mostra máis evidente da necesidade dunha solución definitiva é que hoxe estamos aquí todos os Concellos con indepedendencia do noso perfil ideolóxico“, finalizou.

O PROCESO “DEBE SER TUTELADO” DE NON HABER ACORDO O DOMINGO, SALIENTAN

Finalmente, o alcalde de Foz e presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Fran Cajoto, manifestou que “estamos aquí convocados polo comité de empresa, nun momento chave e sen coñecemento dun acordo entre Alcoa e Liberty House. Faltan minutos para que estale un problema social de primeiro nivel; todos os concellos da comarca temos traballadores aquí e non podemos prescindir dunha fábrica que dá emprego estable e de calidade“, apuntou.

Toda a presión está sobre a vendedora; no seu momento facilitouse o proceso de compra da antiga Inespal e agora é a propietaria quen ten que facilitar a venda”, aseverou.

“Pedimos ás Administracións que senten ás empresas e a Alcoa a que acepte a mediación proposta, porque ese proceso de venda ten que ser efectivo. Se se chega ao luns sen acordo débese seguir tutelando o proceso”, concluíu.

Á reunión asistiron, ademais dos tres mandatarios que exerceron como voceiros, Jesús Novo, alcalde do Vicedo; María Loureiro, alcaldesa de Viveiro; Julia Barcia, tenente de alcaldesa de Trabada; Alfonso Villares, alcalde de Cervo; José Luis Pajón, rexedor de Ourol; Jorge Val, rexedor de Alfoz; e Manolo Otero, primeiro edil de Mondoñedo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...