Luz Pozo Garza é nomeada Filla Adoptiva de Viveiro nun repleto Pastor Díaz

A veciñanza viveirense ateigou as 400 butacas do teatro para acompañar á escritora no acto

Pozo Garza, terceira pola esquerda, na mesa das autoridades. AXM

A poeta mariñá Luz Pozo Garza foi nomeada este domingo Filla Adoptiva do Concello de Viveiro nun emotivo acto público.

A veciñanza viveirense ateigou as 400 butacas do teatro Pastor Díaz para acompañar á escritora no acto. A homenaxeada asinou no libro de ouro do Concello e recibiu unha placa e un diploma.

Participaron no acto a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; o cronista oficial, Carlos Nuevo Cal; a edil de cultura, Lara Fernández-Noriega; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; o presidente da Deputación, Darío Campos; e o delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro.

Asistiu á homenaxe Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, da que Pozo Garza é integrante desde 1996. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco, tamén acudiu á cita.

UNANIMIDADE

O nomeamento de Luz Pozo Garza como Filla Adoptiva de Viveiro foi acordado por unanimidade no pleno do pasado 11 de outubro.

A iniciativa partiu de Luis Fernández e Marisol Prieto e foi apoiada por asociacións e 160 sinaturas de veciños.

O pasado mes de marzo, o claustro da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Viveiro decidiu darlle o seu nome ao centro educativo, que se sumou así á campaña Nomearnos en feminino do Observatorio pola Igualdade da Mariña.

RELACIÓN CO CONCELLO

Nada en Ribadeo no 1922, Pozo Garza pasou en Viveiro a súa infancia.

A Guerra Civil obrigou ao exilio á súa familia, que marchou a Marrocos. A escritora volvería á Cidade do Landro anos máis tarde para adicarse á docencia.

Autora de poesía e ensaio, Luz Pozo Garza é recoñecida pola luminosidade e sensualidade da súa poesía e pola valentía demostrada ao publicar o seu primeiro poemario en galego no 1952, en plena ditadura franquista.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here