Comezan os traballos para prolongar o Paseo das Aceas ata a antiga vía do tren mineiro

O Concello está a substituír os eucaliptos por especies frondosas e aumentará o percorrido nun quilómetro, como "xermolo" do "gran sendeiro verde" ata A Pontenova

Inicio das obras no Paseo das Aceas. AXM

O Concello de Ribadeo anunciou o inicio das obras para ampliar nun quilómetro o paseo que vai da Vilavella ata As Aceas, e que “en breve” chegará ata a antiga vía do tren mineiro.

O alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, explicou que se están a eliminar os eucaliptos existentes substituíndose por especies frondosas, como xa se fixo en toda esta marxe galega da ría de Ribadeo.

As actuacións teñen un orzamento de 44.000 euros, dentro dun proxecto, Life Fluvial, que conta con financiamento europeo e no que traballan ademais do Concello as Universidades de Santiago de Compostela, de Oviedo e de Lisboa.

“CATRO ANOS” DE TRABALLO

O rexedor ribadense mostrouse “satisfeito de ver como, despois de catro anos de traballo e de trámites administrativos complexos, por fin están dando comezo estas obras que van permitir ampliar un treito máis esta ruta que temos desde a Vilavella ata o muíño de mareas das Aceas, que agora vai ser ampliado practicamente nun quilómetro máis ata o encontro coa antiga vía do tren mineiro de Ribadeo a Vilaodriz”.

Máis alá da envergadura e do orzamento das actuacións, o rexedor ribadense remarca que “houbo que expropiar toda esta masa vexetal que corresponde a unha serie de fincas de propietarios e acadar, hai pouco tempo, a declaración de urxente ocupación por parte da Xunta de Galicia. Agora por fin estase empezando a cortar toda esta madeira, achaiando o camiño para todos estes traballos que se van prolongar nos vindeiros meses”, indicou.

BANDEIRA AZUL

Con esta obra, argumenta, “o municipio segue a ser referente de protección medioambiental, de turismo de calidade, de acción tamén deportiva e de coidado do medio. Espero que sexamos exemplo para moitos máis concellos, que na outra banda do Eo se tome nota e que poidamos ter unha ruta arredor de toda a ría de Ribadeo”.

Ao tempo que se substitúen os eucaliptos por frondosas, ampliarase o Paseo das Aceas, que conta con bandeira azul, “para que sexa o xermolo do que ten que ser o gran sendeiro desde Ribadeo ata A Pontenova”.

VÍA VERDE DO EO

Referiuse así á recuperación da vía do tren mineiro, “que se vai converter nunha das mellores e máis importantes sendas verdes do Estado, cando teñamos a posibilidade de ir andando, correndo ou en bicicleta de Ribadeo á Pontenova sen tocar a estrada”, expuxo o rexedor ribadense.

O alcalde de Ribadeo salientou que “vai ser unha infraestrutura moi potente, marabillosa para facer exercicio, pero sobre todo tamén a nivel turístico vai beneficiar á Pontenova, San Tirso, Trabada e Ribadeo, que somos os catro concellos por onde pasaba a antiga vía do tren mineiro”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here