InicioPolíticaFPF condiciona os orzamentos a rebaixar o gasto en festas e crear...

FPF condiciona os orzamentos a rebaixar o gasto en festas e crear un plan de emprego

Os independentes, que negocian as contas co Concello, móstranse partidarios de reducir o superávit para blindar axuda no fogar ou as subvencións para o acceso á residencia

Publicada o

- Advertisement -

Foz Plataforma de Futuro (FPF) fixo públicas as súas solicitudes ao goberno local para aprobar os orzamentos municipais de 2019, que negocian o Concello e a formación independiente desde o pasado martes. FPF propón reducir o gasto en festas ou a creación dun plan de emprego.

Os independentes subliñan que a súa proposta para as contas deste ano está “limitada polo cumprimento da regra de gasto e o Plan económico financeiro”, malia o que queren “garantir a axuda no fogar e tamén as subvencións aos usuarios da nosa residencia, o que suporía 785.000 euros”.

FPF suxire a redución de varias partidas de gasto corrente, entre elas para as festas. Os independentes propoñen rebaixar en 48.000 euros os fondos para festexos no municipio.

Foz Plataforma de Futuro avoga pola creación dun plan de emprego público que precisaría dun orzamento de 120.000 euros, para “asegurar dez ou doce postos de traballo dende a aprobación dos orzamentos ata final de ano”. Con esta proposta, argumentan os independentes, “reduciríase o gasto en contratación de empresas externas”.

Finalmente, FPF opta por asegurar a obra da canceira municipal -o Concello achegaría 30.000 euros por 100.000 da Deputación– e por cambiar a rede de auga e renovar o firme na zona de Alemparte, na parroquia de Cangas, o que suporía un investimento de 39.000 euros.

APROBACIÓN SUSPENDIDA

Castiñeira levou ao último pleno os orzamentos, que preferiu non aprobar malia que puido facelo co voto de calidade do alcalde. Dada a difícil situación económica de Foz, o rexedor propuxo subir a partida de gastos dos orzamentos para servizos a costa de reducir o superávit do plan financieiro.

Ao non haber consenso, anunciou a súa intención de negociar os presupostos cos independentes e, de chegar a un acordo, sumar así unha maioría -cos cinco edís do goberno e os tres de FPF- suficiente. O rexedor agarda levar os orzamentos a pleno nun prazo de quince días

BNG FALA DE “INGRESOS ENGORDADOS”

O BNG de Foz fixo público días atrás o seu desacordo coas contas, que “non poden saír porque non van cadrar os supostos ingresos que aparentemente permitirían facer os supostos gastos”.

As partidas dos ingresos acostuman a figurar engordadas en preto dun 100% co obxectivo de garantir a nivelación orzamentaria, cando un e outro ano boa parte deles son de dubidoso cobro, imposibles de recadar por ter prescrito os prazos legais”, aseguran os nacionalistas.

“O que o grupo do PP considera remanente ao longo deste mandato non é máis que a incapacidade de xestión, tanto á hora de executar os orzamentos, cunha parte das partidas que non son gastadas, como na xestión do mesmo, até o punto de que a Xunta de Galicia fixo en 2018 un requerimento por valor de 548.421 euros”, concluíu o BNG.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...