Sixto renuncia como concelleiro de FPF e substituirao Víctor Couto

O líder da formación independente, que obtivo tres edís en 2015 e un nas pasadas eleccións municipais, admite decepción polo resultado e alega "cansazo" para deixar a acta

Luis Alfonso Sixto Legaspi. AXM

O candidato de Foz Plataforma de Futuro (FPF) nas pasadas eleccións municipais, Luis Alfonso Sixto Legaspi, presentou ante a Xunta Electoral de Mondoñedo a súa renuncia como concelleiro do partido independente, que obtivo un edil nos comicios. Substituirao como representante da formación Víctor Couto Barrientos, o número 2 da lista.

Sixto afirma que deixa a acta polo “cansazo” do traballo realizado ao longo dos últimos anos na política municipal, tanto no PSdeG-PSOE, formación na que comezou a súa traxectoria, como en FPF, partido fundado no 2014 e que con el á fronte obtivo tres concelleiros nas eleccións locais de 2015, uns meses despois.

“Son moitos anos de loita e creo que é o momento de deixar paso á xente nova e centrarse máis na familia”, expón Sixto.

O ex concelleiro de FPF admite que os resultados da formación nos comicios do pasado mes de maio foron decepcionantes. “Penso que foi un cúmulo de circunstancias. Houbo unha corrente de cambio a prol do PSOE e nós quizais non soubemos explicar á veciñanza as nosas decisións”, concede.

Con todo, Sixto remarca que está “orgulloso do traballo feito”. Salienta que grazas a FPF, que chegou a acordos co PP, “abriu a nova residencia, algo que era fundamental dada a situación que vivían os nosos maiores no asilo”, e que tamén se aprobou “unha liña de axuda a residentes”.

O “desbloqueo da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR)” é outra das iniciativas que facilitou a formación independente, subliña.

“VÍCTOR VÉN CON MOITAS GANAS”

Sixto confirma que o sucederá Couto, barista de profesión e que entrou na política municipal como número 2 dos independentes focegos. “Trátase dun rapaz que vén con moitísimas ganas e penso que posiblemente pode achegar algo máis el neste momento do que podo facelo eu. En calquera caso, terá a miña colaboración para a tarefa que vai facer na corporación”, expón.

“Creo firmemente en Foz Plataforma de Futuro”, remarca Sixto, que seguirá “onde me pidan os compañeiros” nunha formación que, asegura, “trouxo a Foz unha maneira distinta de facer política“.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here