InicioPolíticaAlfredo Llano descarta un goberno de coalición en Burela

Alfredo Llano descarta un goberno de coalición en Burela

Mantén que "non é necesario incorporar máis xente" ao executivo pero favorecerá "un acordo programático" co BNG, que di que os votantes lle deron "máis capacidade de decisión"

Publicada o

- Advertisement -

Alfredo Llano descartou este mércores un goberno de coalición en Burela. O alcaldable socialista ratificou a súa intención de renovar o mandato coa maioría simple que lle outorgan os seis edís que o PSOE obtivo nas municipais do pasado 26 de maio.

O rexedor en funcións adiantou que “se reunirá co BNG” para “favorecer” un “acordo que recolla as propostas que melloren Burela” pero sostén que “non é necesario incorporar máis xente ao equipo de goberno”.

Llano detallou que “se puxera en contacto” co candidato nacionalista, Mario Pillado, para “buscar unha data na que sentarse e achegar posturas” pero explicou que o adiamento da sesión de investidura ata o 5 de xullo lles da “máis tempo para concretar” un acordo programático para a súa investidura.

O BNG: “ACTUAREMOS CON RESPONSABILIDADE”

Na mañá do mércores, Pillado criticara que o alcaldable socialista “non se sentara a falar formalmente” co BNG para expoñer as liñas do seu programa para os vindeiros catro anos.

“Se o PSOE pretende chegar a un acordo de goberno ou ben a acordos puntuais, teremos que saber como vai ser a configuración do futuro executivo e cales van ser as principais medidas”, argumentou.

O voceiro nacionalista enfatizou que “o BNG vai actuar con responsabilidade, poñendo o foco nos principais problemas e necesidades que presenta o concello e dando voz ás demandas da veciñanza”.

LISTA MÁIS VOTADA

Nas pasadas municipais, o PSOE perdeu a maioría absoluta coa que gobernou a última lexislatura mentrasque o BNG incrementou a súa representación pasando de dous a tres edís.

Neste senso, Pillado reitera que o feito de que o Bloque obtivera o concelleiro que perden os socialistas “é significativo”, e asegura que os burelaos decidiron “que tiveramos unha maior capacidade de decisión“.

Alfredo Llano precisaría o apoio do BNG -ou dalgún concelleiro da oposición- para ser investido alcalde en votación, na que se require a maioría absoluta. Se ningún candidato obtén respaldo suficiente, o socialista sería elixido alcalde xa que o mandato recaería na lista con maior número de votos.

A INVESTIDURA, O 5 DE XULLO

As sesións de investidura serán o vindeiro sábado 15 de xuño -vinte días despois dos comicios, como establece a lei electoral– pero en Burela a constitución da corporación atrasarase ao 5 de xullo -ata os corenta días-, á espera dunha resolución xudicial ao contencioso electoral presentado pola formación Burela Sempre.

O partido fundado polo deputado non adscrito Manuel Martínez acudiu ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para reclamar a repetición das eleccións na mesa do Perdouro.

A formación, que quedou a un só voto de obter representación, demanda unha segunda votación despois de que no escrutrinio realizado pola Xunta Electoral de Mondoñedo tras o comicios se detectara o extravio dos sete voltos nulos contabilizados na mesa.

Burela Sempre “agarda” o pronunciamento da xustiza despois de recorrer a Xunta Electoral Zonal, Provincial e Central, que desestimaron os seus recursos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...