PSOE e BNG de Burela farán unha nova tentativa para un goberno de coalición

Socialistas e nacionalistas tentarán chegar a un acordo a sete días do límite para celebrar o pleno organizativo, que será "o luns ou martes" da semana que vén

Llano e Pillado. AXM

PSdeG-PSOE e BNG de Burela retomarán este mércores as conversas para un goberno de coalición no municipio, segundo confirmaron ambas formacións. Socialistas e nacionalistas tentarán de novo achegar posturas despois de que fracasasen as primeiras tentativas para conformar un bipartito. Na mañá deste día 15 celebrarase un pleno extraordinario para a toma de posesión do edil do partido socialista Ramiro Fernández Rey, ausente no pleno de investidura, e a sesión plenaria de organización adiarase “ata luns ou martes da semana que vén”.

O alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, asegura que “por iniciativa do Bloque” manterase un novo contacto, días despois de que o propio rexedor esbozara no diario El Progreso parte do reparto de áreas do goberno do PSdeG-PSOE en solitario. O encontro, perfilado a última hora deste martes, producirase presumiblemente despois do pleno extraordinario, aproveitando a presenza de todos os edís, e a sete días de que venza o prazo -o 22 de xaneiro- para celebrar a sesión plenaria de organización, na que se debe establecer a estrutura organizativa gubernamental.

Llano móstrase aberto a chegar un acordo malia que admite que, de concretarse, “haberá que mover todas as fichas”. Mario Pillado, voceiro do Bloque, sinala que “as relacións” entre ambos partidos “están abertas”.

ACORDO FRUSTRADO ANTES E DESPOIS DA INVESTIDURA

A representatividade nos órganos colexiados foi a principal fonte de discrepancia entre ambos partidos, dado que o Bloque pretendía que se reflectise na Xunta de Goberno Local a proporcionalidade que deixou o resultado das eleccións municipais -seis edís socialistas, por tres nacionalistas e catro do PP-, mentres que o PSdeG-PSOE reivindicábase como forza maioritaria. As dedicacións recoñecidas a ambos partidos poden ser outra das dificultades da negociación.

Ambos partidos iniciaron as conversas antes do pleno de investidura, no que Llano resultou elixido cos únicos votos a favor dos edís socialistas, e a abstención dos representantes de PP e BNG.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here