InicioPolíticaRepresentatividade na Xunta de Goberno e dedicacións frustran o bipartito en Burela

Representatividade na Xunta de Goberno e dedicacións frustran o bipartito en Burela

O PSOE quere levar o 16 de xaneiro a súa proposta de executivo en minoría e o BNG afirma que non haberá acordo programático e que actuará "segundo a proposición" dos socialistas

Publicada o

- Advertisement -

As conversas para a formación dun bipartito en Burela logo da repetición electoral na mesa do Perdouro, celebrada o pasado 17 de novembro, remataron sen acordo e o PSdeG-PSOE gobernará o municipio en minoría. Os socialistas e mailo BNG deron este mércores por finalizadas as negociacións, a oito días do pleno de organización, previsto para o 16 de xaneiro, aínda que por agora non está convocado.

O voceiro dos nacionalistas, Mario Pillado, asegura que “o problema non son as áreas de goberno senón máis ben unha cuestión de representatividade, pois interpretamos de forma diferente a proporcionalidade dos resultados electorais, que entendemos que se debera reflectir no executivo”. O voceiro do Bloque asegura que na sesión plenaria organizativa “actuaremos segundo a proposta” dos socialistas.

Pillado sostén que o BNG reclamou sen éxito “máis peso a nivel de representación nos órganos colexiados, como a Xunta de Goberno local, e cargos que hai no Concello”. No tocante ás dedicacións e retribucións dos concelleiros con liberación parcial ou absoluta, tampouco houbo acordo.

O BNG RECLAMABA “INTERPRETAR OS RESULTADOS ELECTORAIS” E O PSOE REXEITOU “CONCESIÓNS EXCESIVAS”

Segundo se desprende do exposto pola formación frontista, esta pedía en principio contar alomenos cunha terceira parte do total de representantes na Xunta de Goberno Local, incluíndo a primeira tenencia de alcaldía, e tamén cunha parte proporcional no tocante ás dedicacións e retribucións recoñecidas. Os socialistas consideraron que aceptar supuña “unha cesión demasiado grande“, segundo indica o rexedor, Alfredo Llano.

“Non se aplicou a proporcionalidade que deixaron as urnas; o PSdeG-PSOE ten seis concelleiros, nós tres, e tentamos flexibilizar ao máximo a nosa postura pero non foi posible”, indicou Pillado.

O voceiro do Bloque burelao expón que “a nosa asemblea local pediunos que foramos esixentes” e por iso a formación “tentou ser todo o flexible que puido dentro dunhas marxes”.

Llano, pola súa banda, afirmou que “existe algún floco, hai algunha cuestión de representatividade e de proporcionalidade nas que non coincidimos. Cremos que a proposta que nos fixeron trastoca o equilibrio das forzas políticas”, indicou o alcalde.

O rexedor burelao remarcou que “hai que ter en conta tamén a decisión das diferentes asembleas realizadas polo BNG e polo PSOE”.

O PSOE REUNIRASE ESTE XOVES PARA PECHAR A PROPOSTA DE GOBERNO

Respecto á proposta de goberno que irá ao pleno organizativo, Llano recoñece que as áreas “están máis ou menos definidas“. Os socialistas reuniranse este xoves para pechar o executivo municipal.

“O retraso que padeceu, digámolo así, o Concello de Burela foi moi importante, con moitos meses de provisionalidade. O día 16 levaremos a proposta organizativa e o 30 queremos convocar o primeiro pleno ordinario“, indica Llano.

“Hai moitas cuestións que son urxentes, como os orzamentos. Estamos traballando coa intervención e queremos aprobalo o antes posible, aínda que para iso teñamos que convocar un pleno extraordinario“, subliña.

No tocante á periodicidade dos plenos ou outras cuestións, Llano afirma que quere pulsar primeiro a opinión de PP e BNG para “obter o maior consenso” de cara ao pleno organizativo.

LLANO OFRECE “UNHA FRONTE DE ESQUERDA”, PERO NON HABERÁ ACORDO PROGRAMÁTICO

O BNG descarta a posibilidade dun acordo programático dado que “cremos que o mellor para a veciñanza é que o Bloque estivese integrado no goberno para controlar o desenvolvemento dun bo programa para Burela. Para nós resulta problemático pechar un pacto sen entrar no executivo. Estamos a ver estes días que se anuncian obras en Rosalía de Castro ou dunhas pistas de atletismo na zona da Marosa de forma unilateral, así que é complicado”, sostén.

O alcalde asegurou que o PSdeG-PSOE “seguirá en conversas cos nacionalistas” cos que tentará chegar a “acordos puntuais” ao longo deste mandato.

Llano concluíu que “imos apostar por un método no que dalgunha maneira colabore o Bloque, tratar de facer un fronte da esquerda para asentar temas de programa, que pode interesar que consensuemos para Burela”.

PILLADO CRE QUE A “APRENDIZAXE” SERVIRÁ PARA A LEXISLATURA

Preguntado se ve o fracaso das negociacións como unha oportunidade perdida, Pillado considera que “non se puido concretar un acordo pero a aprendizaxe está aí; deuse unha situación nova en Burela e segundo se vaia avanzando na lexislatura, as formacións iremos aprendendo a actuar en función de que no municipio xa non hai unha maioría absoluta“.

CxG QUÉIXASE DA “FALTA DE TRANSPARENCIA”

Compromiso por Galicia (CxG) queixouse da “falta de trasparencia” de socialistas e nacionalistas á hora de negociar un goberno en coalición, asegurando que o que estaba en cuestión “é o reparto das asignacións reguladas por Lei, o que chaman cuestións técnicas”.

“Os veciños e veciñas de Burela teñen dereito a saber que se está a negociar con transparencia e con información, xa que iso é democracia”, afirman desde CxG, que cualificou a negociación de “máis propia dos pactos entre PP e Vox. Solicitamos que se fagan públicos os temas e posturas de cada partido”, demandan.

Neste sentido, Pillado subliñou que “CxG vén de felicitarse nas redes sociais e mesmo facerse partícipe polo acordo do BNG e do PSOE para o Goberno do Estado, no que non se explicou a xestión dos puntos até o final. O importante é que se hai un acordou ou non e que sexa positivo”, conclúe Pillado.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...