IniciosociedadeO convenio para a residencia de Aspanane segue pendente da cesión da...

O convenio para a residencia de Aspanane segue pendente da cesión da escola vella de Celeiro

O Pleno valida o informe para a declaración da Mostra Folclórica de Interese Turístico e acorda crear unha ordenanza para protexer vías públicas do sector forestal e facilitar o acceso ao pavillón para persoas con mobilidade reducida

Publicada o

- Advertisement -

Nun pleno maratoniano, que rematou preto das doce da noite, a corporación de Viveiro aprobou por unanimidade a creación dunha ordenanza para protexer as vías e camiños públicos da actividade forestal ou para facilitar un acceso ás bancadas do pavillón para persoas con mobilidade reducida.

A corporación foi igualmente unánime para dar luz verde ao informe para a declaración de Interese Turístico Galego da Mostra Folclórica Internacional de Viveiro. A alcaldía retirou a moción relativa ao convenio de cesión do peirao vello por parte de Portos de Galicia, á espera de novas reunións entre o ente hidráulico da Xunta de Galicia e mailo goberno municipal, que reclama melloras antes de asumir a xestión da área.

SANIDADE PÚBLICA

A continuación, debateuse a moción que a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña está a levar aos municipios da bisbarra, a fin de concienciar sobre a situación tanto do Hospital da Costa coma de atención primaria. Todos os grupos da corporación agás o PP, que optou por absterse ao “non ver claros” algúns dos puntos, presentaron a iniciativa e votaron ao seu favor. Os conservadores tiraron das cifras expostas polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) no tocante a reclamacións ou listas de espera, números que as restantes formacións rebatiron. “O 40% das protestas no Valedor do Pobo teñen relación cos servizos sanitarios”, expuxo o voceiro de Son Viveiro, Luis Manuel García Otero.

Ao contrario que aconteceu noutros municipios, e malia a petición do BNG, que cedía a quenda de palabra, os representantes do colectivo non poideron realizar unha exposición de motivos segundo o goberno para “non sentar precedente” ao non estar rematado o regulamento de participación cidadá nos plenos.

O ESTADO DEBERÁ TRAMITAR A CESIÓN CON XUNTA E CONCELLO

O PP presentou unha moción para retomar a tramitación do intercambio anunciado na pasada primavera por Concello, Xunta de Galicia e Deputación, a fin de que o colexio vello de Celeiro -que precisa dunha rehabilitación de 525.000 euros- poida acoller a Escola Oficial de Idiomas (EOI) e á súa vez o edificio que a alberga actualmente quede libre para a residencia da asociación de pais de persoas con discapacidade intelectual, Aspanane. Os conservadores, que xa levaran esta cuestión a pleno no pasado mes de setembro, pediron que se inclúan orzamentos por parte do Concello para a aprobación do convenio a tres bandas que cofinanciará a obra.

Case un ano despois do anuncio do acordo institucional, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, admitiu que a tramitación “vai lenta”, e concretou que a Dirección Xeral de Tesourería da Seguridade Social anunciou a través dunha carta remitida a semana pasada que para que fructifique o acordo “son necesarios dous convenios” bilaterais, un entre o Goberno central e a Consellería de Educación, responsable da EOI, e outro por parte do Estado e o Concello, en referencia aos locais da parte baixa que utilizan como almacén algunhas asociacións viveirenses; deste xeito, advertiu de que a Xunta de Galicia deberá tamén realizar unha tramitación para reclamar o inmoble.

O CONCELLO COMPROMETE UNHA PARTIDA NOS VINDEIROS ORZAMENTOS

“O Concello mandou a súa solicitude e fixo o que tiña que facer”, sostivo Loureiro, que asegurou para xustificar o voto en contra do seu grupo que “non hai nada que retomar, pois seguimos; estaremos moi pendentes para que se faga o mellor posible”. A rexedora precisou que “haberá unha partida” nos orzamentos para o proxecto nos orzamentos, que se “presentarán en breve”, “porque insistimos en que pagaremos en dúas anualidades, ao igual que a Deputación”.

O voceiro de Por Viveiro, Bernardo Fraga, preguntou se hai algún compromiso documental do convenio de financiamento a tres bandas -175.000 euros por administración- do proxecto, ao que o grupo socialista respondeu que este compromiso será “posterior á cesión” do inmoble por parte do Estado. A moción popular contou cos votos a favor de BNG e do grupo independente, que coincidiron na necesidade de “presionar” á administración de cara á execución do intercambio.

Respecto do anuncio realizado en Viveiro polo delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, de que había un convenio entre Xunta e Concello listo para ser asinado, Loureiro expuxo que carece de validez dado que polo momento o executivo municipal non é titular do edificio. Ante a pregunta de Por Viveiro de se “PP e PSOE enganaron á veciñanza” ao sinalar que había un acordo por escrito, Loureiro asegurou que por parte do Concello só se falou de “acordo” e non de “nada prescrito“.

ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS

O PP presentou outra iniciativa coa que pediron a creación dunha comisión con integrantes de todos os grupos e unha plataforma para que a veciñanza poida facer propostas a fin de obter uns orzamentos participativos. PSOE e Son Viveiro votaron en contra da proposta, ao entender que a participación cidadá está canalizada pola normativa, mentres que Por Viveiro votou si despois de propoñer que a moción se orientase de cara aos presupostos de 2021, por temor a dilatar a elaboración das contas de 2020. O BNG abstívose ao entender que a proposición estaba “pouco traballada”.

ACCESOS AO POLIDEPORTIVO

A moción do grupo conservador para dotar de acceso para persoas con mobilidade reducida ou discapacidade ao pavillón municipal colleitou a unanimidade dos grupos. O PSdeG-PSOE logrou engadir un punto para instar ás Administracións a colaborar no financiamento do proxecto, xa que, expuxo Loureiro, nas obras de reforma do pavimento do polideportivo municipal orzamentouse unha mellora das gradas que “ascendía a 200.000 euros“, e que se desbotou pola incapacidade do executivo municipal de asumir o custo.

Non saíu adiante una emenda de engádega do BNG para que os técnicos “revisen todos os edificios municipais, a fin de ver que outros inmobles necesitan adaptación”, expuxo a concelleira nacionalista, Míriam Bermúdez. A proposta está incluída na marca anunciada recentemente polo goberno socialista, ‘Viveiro inclúe’, de xeito que o PP non aceptou a petición da formación frontista.

TREN

Outra moción do PP foi relativa ao peche da venta presencial de billetes de tren en Viveiro, que unicamente recibiu os votos en contra do PSdeG-PSOE. O tenente de alcalde, Suso Fernández, xustificou a negativa dos socialistas en que a alcaldesa manterá unha reunión coa operadora a fin de solicitar que se manteña o servizo.

BONIFICACIÓNS FISCAIS PARA VEHÍCULOS “VERDES”

Finalmente, os conservadores rexistraron outra moción para que o Concello ofreza bonificacións fiscais para a adquisición de vehículos “verdes”, híbridos ou de gas comprimido, que se saldou cos votos a favor dos populares e de Por Viveiro.

SEN ACORDO PARA A REUTILIZACIÓN DO CASINO

A moción do grupo independente para crear un centro de actividades náuticas e deportivas no Casino, ante o “déficit” de instalacións neste ámbito, non colleitou respaldo. Fraga defendeu que “o edificio está abandonado e sufrindo actos vandálicos” e asegurou que “a súa ubicación é perfecta” para os fins propostos.

O debate xirou en torno á contía necesaria para a rehabilitación do edificio. Loureiro indicou que o Concello “traballa na reversión a Costas do Casino” e asegurou que Portos de Galicianon vai facer investimentos” para ceder o inmoble nunhas mellores condicións, polo que o seu grupo “non pode comprometerse claramente sen financiamento”. A concelleira do BNG amosouse de acordo cos usos, aínda que resaltou tamén a dificultade do proxecto e optou pola abstención; o edil de Son Viveiro fixo fincapé na necesidade de abrir Viveiro ao mar e considerou que o inmoble representa un capítulo pechado da historia do municipio, polo que propuxo a súa demolición e votou en contra. O PP significouse a favor.

VÍAS E CAMIÑOS PÚBLICOS

Finalmente, unha iniciativa de Son Viveiro para a creación dunha ordenanza reguladora de protección de camiños e viais públicos municipais en relación coas operacións forestais, obtivo o respaldo dos restantes tres grupos da corporación.

García Otero, asegurou que no sector forestal atópanse “auténticos piratas” e remarcou a necesidade de realizar un control e seguimento para que as empresas usuarias das pistas as deixen tal e como as atoparon.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...