InicioPolíticaIsabel Rodríguez: "gustaríame que a subdelegación estivera aberta ás persoas"

Isabel Rodríguez: “gustaríame que a subdelegación estivera aberta ás persoas”

Natural de Monforte e afincada en Viveiro desde hai dúas décadas, é a primeira subdelegada do Goberno da provincia de Lugo

Publicada o

- Advertisement -

Natural de Baamorto, en Monforte, aínda que afincada en Viveiro desde hai dúas décadas, Isabel Rodríguez deixou a política local -na que comezou en 2007 da man de Melchor Roel– para ser a primeira muller que ocupa a subdelegación do Goberno central na provincia de Lugo. Habituada ao contacto coa xente pola súa profesión –doutora– e pola súa experiencia no ámbito dos servizos sociais, di que lle gustaría que o seu despacho “estea aberto á xente”. 

Como foron estes primeiros meses no cargo?

Pois sempre que se empeza é complicado, pero estou moi agradecida polo apoio que tiven nesta nova tarefa. Estou ilusionada e moi contenta.

Vén dunha experiencia de once anos na política municipal, en Viveiro. Que aprendeu nesa etapa?

Aprendín moito de Melchor Roel, que foi un mestre fabuloso para min e tamén para alcaldesa, María Loureiro, que está a facer un gran traballo. Creo que foi un home desinteresado, que cambiou a maneira de gobernar en Viveiro e trouxo unha política digna, pensada para os veciños. O traballo que fago agora é diferente, máis institucional, pero gustaríame permanecer cerca das persoas.

“melchor roel foi un mestre, trouxo unha política digna, pensada para os veciños. gustaríame seguir cerca da xente”

IGUALDADE

Tres subdelegadas de Goberno (Pilar López Riobóo, A Coruña, Maica Larriba, en Pontevedra, e Rodríguez en Lugo) e un subdelegado, Emilio González, en Ourense. Que opinión lle merece este feito?

Penso que é moi importante e mostra o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez coa igualdade. É fundamental que as mulleres comecemos a desenvolver papeis políticos de relevancia. Pola miña banda, estou moi contenta de ser a primeira muller que exerce este cargo na provincia de Lugo. Oxalá axiña isto deixe de ser unha nova.

Cales son as súas principais preocupacións?

Temos un problema en Galicia coa violencia de xénero e as distintas administracións temos que atopar conxuntamente fórmulas para solucionalo. Tamén me preocupa o benestar dos cidadáns, as políticas sociais, que é un ámbito que coñezo. Gustaríame que a subdelegación estivese sempre aberta á xente. E outra das nosas prioridades que é que as persoas estean seguras, para iso contamos cos corpos e forzas de seguridade do Estado, que fan un excelente traballo.

“a violencia de xénero, os dereitos e liberdades e a seguridade das persoas son as miñas principais preocupacións”

CUARTEIS

Nese senso, publicouse que o Goberno eliminaría cuarteis da Garda Civil na provincia dentro dun proceso de axuste e concentración dos mesmos. Vostede desmentiu o publicado nesa reportaxe. Cal é o proxecto do Executivo para esta cuestión, haberá modificacións aínda que non sexan as publicadas na prensa?

Non hai nada nada axenda do Goberno neste senso. O publicado é o plan do Executivo anterior. E creo que ademais se fixo de forma interesada, xa que só se publicou o que, segundo ese medio, ía acontecer na provincia de Lugo, o que resulta estraño.

A-74

O Goberno vén de actuar de urxencia na N-642 e anunciou que a reforma estrutural da estrada comezará a finais de mes ou principios de outubro. A A-74 foi proxectada polo anterior Executivo para 2021. Hai novidades na consecución da autovía?

Por agora non temos ningunha novidade, aínda que a xente da Mariña ten que saber que a mellora das infraestruturas é unha prioridade para nós, como demostramos ao acelerar o arranxo da N-642, o que supuxo un aumento importante do investimento.

Isabel Rodríguez. ÓSCAR BERNÁRDEZ

“non hai nada na axenda do goberno sobre a eliminación de cuarteis. o publicado é un plan do executivo anterior”

O FIOUCO

Outro dos problemas da Mariña, falando de infraestruturas, é a falta de fiabilidade da A-8 á altura do Fiouco, un treito que hai que pechar constantemente. Que solucións baralla o Goberno?

Somos conscientes de que a situación no Fiouco é anormal. Fixéronse unha serie de probas e temos varias propostas sobre a mesa para solucionar este tema. Algunhas delas xa as barallaba o anterior Goberno e outras son opcións novas que por agora non podemos avanzar.

TREN

Hai uns días reuniuse co alcalde de Burela, Alfredo Llano, tamén presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, e falaron do tren, outro déficit da bisbarra.

Si, estivemos falando para ver que podemos facer porque se trata dunha infraestrutura importante. Neste senso solicitamos unha entrevista coa presidenta de Adif e espero que nos podamos reunir nos vindeiros días.

“ao goberno transmitíuselle que vestas en chavín non terá problemas. preocúpanos sargadelos e instamos á xunta a que actúe”

VESTAS

Despois do peche da fábrica de León, o cadro de persoal de Vestas en Chavín teme quedar na rúa. Que comunicou a multinacional ao Goberno?

É certo que a fábrica de León pecha, pero a este Goberno transmitíuselle que a factoría de Chavín non terá problemas nese senso. Por suposto, Vestas é parte fundamental do tecido empresarial da Mariña, xunto con Alcoa, Sargadelos ou os portos de Celeiro e Burela, que son referentes. Neste senso, estamos preocupados por Sargadelos e instamos á Xunta de Galicia a que axude á procura dunha solución, porque esta empresa recibiu incentivos e agora ameaza co peche e con botar á rúa a moitas traballadoras.

Que potencial ve na provincia e que cousas se poden mellorar?

A provincia de Lugo ten un potencial enorme. A nivel turístico ten moitos reclamos, como pode ser a Ribeira Sacra, Lugo e a súa muralla, O Camiño de Santiago ou A Mariña Lucense. A materia pendente é o envellecemento da poboación, é algo no que somos febles e que que temos que afrontar. Hai que atopar maneiras de que a xente nova a se afinque na zona.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...