InicioPolíticaFeijóo elude comparecer no Parlamento por Alcoa tras expoñerse en medios públicos...

Feijóo elude comparecer no Parlamento por Alcoa tras expoñerse en medios públicos e privados

A oposición solicitara de forma unánime a presenza do presidente da Xunta, ao que relevou o conselleiro de Industria; a situación de San Cibrao protagonizou un debate bronco

Publicada o

- Advertisement -

A Deputación Permanente do Parlamento de Galicia acolleu este xoves un debate no que a oposición solicitaba que acudise o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para abordar a situación de Alcoa e as medidas previstas polo Goberno galego ante o anuncio de despedimento de máis de 500 traballadores. A Cámara gardou un minuto de silencio polas vítimas do coronavirus.

A OPOSICIÓN REPROBA A FEIJÓO E ACÚSAO DE “ESCAPISMO”

Aínda que xa estaba prevista a comparecencia do conselleiro de Industria, Francisco Conde, para tratar esta cuestión, toda a oposición reclamou que fose o máximo mandatario autonómico, o que converteu o hemiciclo nunha pelexa entre a bancada da esquerda e a dereita con pinceladas electorais, en plena precampaña para as autonómicas do 12 de xullo.

No debate, Gonzalo Caballero (PSdeG), Luca Chao (Común da Esquerda), Ana Pontón (BNG) e Davide Rodríguez (En Marea-Grupo Mixto) acusaron a Feijóo de estar “ausente” nun tema chave para o país e de facer “escapismo” mentres que estivo “omnipresente” nos medios públicos galegos durante estes meses, facendo “campaña” electoral. O encargado de darlle a resposta foi o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, que arremeteu contra eles acusándoos de ir ao Parlamento a reclamar “minutos de televisión”, o que lle custou na réplica da oposición que lle devolvesen esas mesmas acusacións.

CABALLERO: “OMNIPRESENTE” NOS MEDIOS

Tellado acusou á oposición de levar “dous meses e medio en permanente campaña electoral”, o mesmo que o resto dos grupos sosteñen do presidente da Xunta. “Reprobamos a súa ausencia”, dixo o secretario xeral do PSdeG, Caballero, un suspenso que tamén outorgaron o resto de parlamentarios da oposición.

Na súa intervención, Caballero reclamou que “exista alguén á fronte do timón” e lamentou que Galicia teña “un omnipresente Feijóo nos medios de comunicación públicos, pero ausente á hora de dar explicacións, vir debater ao Parlamento e dar respostas aos problemas deste país”. O presidente da Xunta tamén se explicou sobre este asunto en varios medios privados, como Telecinco ou Cuatro.

Así mesmo, acusouno de “incumprir” o acordo de asistir cada dúas semanas á Cámara galega, que subscribiron todos os grupos en época de pandemia, pero que se supeditou á convocatoria de eleccións (co que de facto só se fixo efectivo nunha ocasión, xa que non houbo acordo durante dous meses).

CHAO IRONIZA: “CANDO ESPERTOU, FEIJÓO AÍNDA ESTABA NA TVG”

Chao comezou parafraseando o microrrelato de Augusto Monterroso, para dicir “cando espertou, Feijóo aínda estaba na TVG”. Así, acusou ao mandatario autonómico de “seguir na televisión pública pero acudir moi pouco ao Parlamento”.

PONTÓN: “O PAÍS NON LLE IMPORTA”

Pola súa banda, Pontón lamentou a “ausencia” de Feijóo e reprochoulle que o día en que se coñeceu a noticia “o único que fixo foi poñer un tuit” e “botar balóns fóra“, pero desde entón non se reuniu coas persoas afectadas.

“Este país impórtalle un pito, que está facendo agora mesmo?, que é máis urxente que comparecer ante o Parlamento?”, suscitou a dirixente nacionalista, quen repasou a axenda de Feijóo desde o sábado, na que houbo “homilía televisiva o venres” e “homilía televisiva o domingo“, en referencia a dúas roldas de prensa, un día sen axenda, dúas visitas -unha a hoteis e outra a unha empresa de Bergondo– e un almorzo informativo con empresarios. “O xoves, o presidente ausente”, sinalou, para propoñer “nacionalización de Alcoa e tarifa eléctrica galega“, pero para iso hai que ter “vontade política e amor por este país”.

EN MAREA: “A MARIÑA NON LLE MERECE A PENA”

Rodríguez sostivo que nesta situación “excepcional e de importancia”, fose oportuna a presenza de Feijóo. “A Mariña non lle merece a pena (ao presidente), parécenos mal que se esconda no telexornal e non dea a cara ante a cidadanía”, lamentou Rodríguez, quen insistiu en que “hoxe (por este xoves) o presidente tiña que estar aquí e non buscar desculpas”.

PP: “VOSTEDES RECLAMAN MINUTOS DE TV PENSANDO O 12-X”

Como única voz que sustenta ao Goberno galego, Tellado respondeu ao resto de portavoz, non sen antes defender o “apoio” dos populares á factoría de Alcoa. “Reclaman minutos de televisión pensando na campaña electoral, pero Galicia é moito máis que os partidos e as vaidades de determinados políticos, que cren que facer política é servir ao seu ego”, afirmou o popular.

Ademais, o dirixente da formación conservadora recordou que antes de que a oposición pedise a comparecencia de Feijóo, o propio Conde fixera a solicitude propia, unha hora antes no rexistro da Cámara. Tamén defendeu que o presidente da Xunta reuniuse co comité de Alcoa o 20 de maio, ante as críticas da oposición por non facelo na última semana, desde o anuncio do peche.

“De poñerse a camiseta de Alcoa e de defender a Pedro Sánchez non se come”, sinalou en alusión á oposición Tellado, quen se dirixiu a Caballero para reprocharlle que “defenda” ao Goberno central: “o seu problema é que non ten criterio, só un criterio partidista que o inhabilita para a defensa dos intereses xerais”.

“O problema de Alcoa é exclusivamente de prezo da enerxía. Sempre o foi. Quen queira dicir algo distinto, ou queira convencer a alguén do contrario, está intentando confundir ou enganar aos galegos e galegas”, afirmou.

PETICIÓNS DE SILENCIO

No pleno tamén tivo que intervir o presidente da Cámara, Miguel Santalices, para acougar unha discusión entre a Chao e a popular Paula Prado, enfrontamento que non é a primeira que ocorre no hemiciclo galego entre ambas.

Aínda que a orixe da discusión non chegou a ser entendible desde os micrófonos habilitados, nin polo propio Santalices, o presidente da Cámara chamou ao “silencio” en varias ocasións e pediu calma, que é o que “demanda a sociedade” nun momento como leste. A discusión, na que tamén interveu o portavoz do Grupo do PP, Pedro Puy, terminou despois de que Santalices chegase a ameazar con actuar como no “colexio”, é dicir, “separando” no espazo máis a ambas deputadas.

CONDE ESIXE SUBVENCIÓNS E O ESTATUTO

Na súa intervención, Conde incidiu en que Galicia necesita un “prezo eléctrico estable e competitivo” para que as industrias electrointensivas poidan traballar en igualdade de condicións que o resto da industria deste ámbito en Europa, rebaixando a factura ata os 35/40 euros por MWh. O custo da electricidade, afirmou, “é entre dez e oito euros superior a Francia e Alemaña“.

O conselleiro insistiu en eludir a responsabilidade da Xunta de Galicia e sinalou que o Goberno leva máis dun ano “poñendo escusas” para aprobar un estatuto que asegure a continuidade dos 5000 postos de traballo que dependen do sector, moi especialmente de Alcoa San Cibrao. Neste sentido, criticou que “as medidas” comprometidas polo Goberno central “son insuficientes, que non hai data para a súa aplicación e que non dan estabilidade“.

Finalmente, Conde avogou por que se destine “parte dos fondos de reactivación previstos pola Unión Europea a un plan de investimentos que permita impulsar o conxunto de empresas electrointensivas e salvagardar os postos de traballo”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...