Rego propón en Viveiro recuperar coa nacionalización “sectores estratéxicos” como o do aluminio

O deputado da formación frontista participou nun mítin na Cidade do Landro despois de meses de confinamento en Madrid

Acto do BNG en Viveiro. AXM

O deputado do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, na súa primeira intervención na Galicia despois de tres meses de confinamento en Madrid, defendeu en Viveiro a necesidade da intervención pública para “nacionalizar” a planta de aluminio de Alcoa e garantir desta maneira que continúe a actividade e que se manteña a totalidade dos postos de traballo.

O deputado nacionalista que participou nun mítin no que tamén interviron Ana Ermida, responsable comarcal da formación nacionalista e alcaldesa de Barreiros, Dani Castro, número 2 por Lugo ao Parlamento galego, e Míriam Bermúdez, concelleira en Viveiro, enfatiza que “é sorprendente que tanto o Goberno central como a Xunta de Galicia non pasen das declaracións aos feitos unha vez que xa a dirección de Alcoa anunciou a decisión de o día 25 iniciar o procedemento formal do despedimento de máis 534 traballadores de Alcoa e como consecuencia un número similar de empresas auxiliares. Máis aínda cando a dirección de Alcoa se encerra en banda á venda da planta de aluminio, o que deixa como única alternativa a nacionalización da empresa”, conclúe.

“FUNDAMENTAL PARA A ECONOMÍA E PARA A MARIÑA”

Rego destacou que a planta de aluminio xa foi pública e que no seu día foi privatizada polo Partido Popular, concretamente polo goberno de Aznar, o que “foi evidentemente un erro porque estamos falando dun sector estratéxico para a economía, especialmente para o noso país e para a comarca da Mariña Lucense”, subliñou o deputado nacionalista, “que cómpre recuperar”.

Ermida, destacou o “bo goberno” e a aposta por “políticas de mellora social” aplicadas alí onde goberna o BNG. Ermida subliñou que “os municipios que apostaron nas pasadas eleccións municipais polo cambio, volveron a repetir pola súa boa xestión”.

BERMÚDEZ RECLAMOU A VARIANTE

Bermúdez, fixo fincapé na situación que está a vivir a comarca. “Se falamos de infraestruturas, os veciños e veciñas de Viveiro sabemos ben o que é sufrir a falta de conexións, seguimos agardando por unha variante que permita desviar o tráfico pesado do casco, incluso despois de que a veciñanza chegase a un acordo de trazado e que dende a Xunta se aprobase, mais misteriosamente o señor Balseiro e compañía botaron todo por terra, paralizaron os trámites, deixaron pasar o tempo e agora aparécennos cunha megaponte sobre a ría sen ningunha previsión de prazos nin orzamentos”, destacou a concelleira nacionalista.

DESINDUSTRIALIZACIÓN

Por último, Castro preguntouse “que comarca lle espera á mocidade mariñá? A bisbarra do paro, a comarca sen saídas laborais, a comarca dos peches de Ecar, Maderas Lorenzo, ECESA, Gres Burela, IPV, Macesa, Conservas Alonso, Muebles Hermida e Alcoa. Todos e todas sabemos que esta comarca que nos deixan é sinónimo de emigración, de avellentamento e de pouca prosperidade, pero non o imos permitir”, concluíu.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here