O PP de Burela pedirá no pleno a reprobación do alcalde

Os populares presentarán o xoves unha moción para afear "os incumprimentos" do rexedor

Consistorio de Burela. AXM

O PP de Burela impulsará no pleno do vindeiro xoves a reprobación do alcalde, o socialista Alfredo Llano. Os populares presentarán a debate unha moción para que a corporación municipal burelesa dea un tirón de orellas ao rexedor, que, a xuízo dos conservadores, “incumpre o que el mesmo propón”.

O PP burelés asegura que Llano leva “tres anos e catro meses perdidos” e afirma que “nada do que anunciou ou se comprometeu se ten iniciado”. Neste senso, os populares aluden á falta de concreción en cuestións como o plan de tráfico, a ubicación e regulamentación do mercado, o plan de peonización, o adecentamento da traseira das chabolas ou a ordenanza de terrazas” para xustificar a súa proposta.

Os conservadores critican tamén que “o plan normativo municipal desde 2018 é practicamente igual ao de 2017”. Sosteñen que “non hai ningún documento para discutir” sobre “a elaboración dun regulamento que fixe o control do cobro de entradas a eventos organizados polo Concello” e pregúntanse “se o alcalde e o concelleiro de cultura teñen algo que agochar”.

PAVILLÓN

Por último, denuncian, “non hai nada feito para acadar o novo pavillón, nin a modificación orzamentaria necesaria para mercar os terreos”. Con estes motivos, os conservadores impulsarán a reprobación do alcalde porque “a vagancia e a mentira non poden ser normas de conduta de quen ostenta a representación do Concello”.

CARÁCTER SIMBÓLICO

A reprobación é unha figura política de carácter simbólico, xa que non supón a esixencia de demisión nin a proposición de substitutos, como acontece cunha moción de censura. Atópase recollida dentro do dereito a “manifestar sentimentos” a favor ou en contra da xestión dun cargo público.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here