O Sergas nega a supresión dun médico en Barreiros, onde o alcalde apoia a esixencia de pediatra

A Xunta desminte a denuncia do PSOE, mentres aumentan as voces críticas polas deficiencias na atención pediátrica que Lourenzá e Mondoñedo comparten co municipio barreirense

Centro de saúde de Barreiros. GOOGLE MAPS

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) negou este venres que pretenda “desfacerse dun médico de atención primaria” no centro de saúde de Barreiros, tal e como denunciou a agrupación municipal do PSdeG.

Os socialistas afirmaron nun comunicado que “o PP baralla recortar o persoal” no ambulatorio “e pasar de tres facultativos a dous médicos para aforrar custos, provocando o deterioro deste servizo básico”.

A voceira do PSOE barreirense, Carmen Veiga, explica que “o censo de Barreiros non chega a 3.000 persoas, polo que estaría por debaixo dos criterios da Xunta de Galicia de atender 1.500 pacientes por facultativo”.

a xunta rexeita que queira “pasar de tres médicos a dous para aforrar custos” no ambulatorio, como di o psoe

Con todo, os socialistas lembran que Barreiros “é un concello cunha poboación moi envellecida, onde máis dun terzo da poboación supera os 65 anos”.

O grupo municipal do PSdeG tamén fai fincapé en que o municipio, de gran tradición turística e de segunda residencia, “supera os 15.000 habitantes durante cinco meses ao ano”.

Os socialistas anunciaron que pedirán un “informe dos problemas estruturais do edificio do centro de saúde, para poder manter as condicións necesarias para unha correcta atención sanitaria”.

O SERGAS: “ABSOLUTAMENTE FALSO”

Fontes do Sergas afirmaron que “é absolutamente falso que se vaia suprimir a praza dun médico”.

As mesmas fontes indicaron que “un dos facultativos xubilouse recentemente e esperamos que no próximo mes de febreiro se convoque a praza para cubrilo de forma estable. Polo momento, ese médico de familia está a ser substituído”, concluíron.

o sergas afirma que convocará unha nova praza “previsiblemente en febreiro” tras xubilarse un dos facultativos

O Sergas argumenta que os “ratios de pacientes por médico son os que as sociedades científicas consideran axeitados”.

Preguntadas polo número de cartillas por facultativo, indica que os profesionais do centro de saúde barreirense atenden a “885, 820 e 884 tarxetas sanitarias”.

A denuncia do PSOE barreirense é un capítulo máis nas protestas dos últimos días polas deficiencias en atención primaria.

PEDIATRÍA

O Concello de Lourenzá, o BNG de Barreiros e Mondoñedo e as agrupacións socialistas dos tres municipios esixiron “a cobertura inmediata e permanente” da pediatra, que comparten os tres concellos.

Tamén se pronunciou ao respecto a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña e o Bloque  levou ao Parlamento galego unha iniciativa para subsanar esta carencia. 

Os distintos partidos e colectivos coincidiron en queixarse de que as crianzas “só son atendidas por especialistas en casos de gravidade”.

O REXEDOR BARREIRENSE SÚMASE ÁS VOCES QUE ESIXEN A COBERTURA DA PEDIATRA, QUE AFECTA A 731 NENOS DE TRES MUNICIPIOS

Esta situación afectaría, segundo os datos do Sergas, a 731 pícaros de cero a 14 anos; 327 en Mondoñedo, 207 en Barreiros e 197 en Lourenzá.

“NON QUEREMOS SER PERSOAS DE SEGUNDA”

Ás voces críticas sumouse este venres o alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, que causou baixa no PP no 2015.

O rexedor barreirense enviou unha carta á Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia para denunciar “retrasos nas vacinas, na atención e nos tratamentos que precisan os nenos deste municipio”, e esixir “que se cubran as prazas canto antes”.

O alcalde de Barreiros sinala que “hai pais que están a levar aos nenos aos médicos de cabeceira e autorizando estes as vacinas, que se están poñendo por parte do ATS”.

Fuente Parga matiza que “é consciente dos inconvintes que xorden para atopar pediatras”, pero asegura que en Barreiros “non queremos ser cidadáns de segunda”.

O CONCELLO DE LOURENZÁ CELEBRA UNHA XUNTANZA COS VECIÑOS PARA POÑER EN COMÚN AS QUEIXAS SOBRE O SERVIZO

REUNIÓN EN LOURENZÁ

Arestora celébrase unha xuntanza no consistorio de Lourenzá, despois de que o Concello convocase á veciñanza para redactar un escrito de queixa que as agrupacións socialistas dos tres municipios levarán a pleno.

ACTO “LÚDICO-REIVINDICATIVO” DO BNG

Por outra banda, o BNG de Barreiros convocou para o domingo 27 de xaneiro, a partir das 12.00 horas na Praza do Concello, un “acto lúdico-reivindicativo para defender o servizo de pediatría”.

Os nacionalistas consideran que “é preciso que a xente se mobilice e amosar que a reivindicación é masiva e uniforme”, polo que organizarán un “acto familiar” no que haberá “espectáculos e actuacións musicais para os pequenos”.

OS NACIONALISTAS CONVOCAN UNHA REIVINDICACIÓN “FAMILIAR” NA QUE HABERÁ ESPECTÁCULOS PARA OS PEQUENOS

O Bloque considera a falta de pediatra “un acto de inxustiza, desconsideración con respecto a outros lugares e de falta de humanidade”.

SUBSTITUCIÓN “DE TARDE, DOUS DÍAS Á SEMANA”

O Sergas explicou que a pediatra do centro de saúde barreirense se atopa “en situación de incapacidade temporal” e argumentou que “está a ser substituída na medida das posibilidades”, xustificándose na “ausencia de especialistas nas listaxes de contratación”.

O SERGAS ESCÚDASE NA “AUSENCIA DE PEDIATRAS NAS LISTAXES DE CONTRATACIÓN”

Respecto das horas nas que se está a cubrir, o Sergas sostén que “está a ser substituída en horario de tarde, dous días á semana, concentrando dita atención no centro de saúde de Mondoñedo, xa que é o que se atopa aberto na quenda vespertina”.

Malia as críticas xeneralizadas, a Xunta reivindica a figura dos médicos de familia, “que están perfectamente capacitados”, e insiste en que “a atención está garantida”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here