As traballadoras do xeriátrico de Viveiro retoman este martes as protestas

O comité de empresa, que rexeitou a proposta de DomusVi asinar as carteleiras de 2019, asegura que firma non variou a súa postura malia cumprirse un mes de mobilización

Protesta das traballadoras de DomusVi. AXM

As traballadoras do xeriátrico de DomusVi en Viveiro retomarán este martes as concentracións iniciadas a mediados do pasado mes de abril para protestar contra o calendario que quere aprobar a empresa, que segundo as traballadoras valida situacións -como 15 xornadas laborais cun só día de descanso entre medias- que as privan do seu dereito ao descanso.

As protestas celebraranse os días 14, 21 e 28 de maio, de 14.15 a 15.30 horas. Segundo expón o comité de empresa, DomusVi non modificou ningunha das súas premisas malia as mobilizacións das obreiras.

“Pola contra, o único punto que entraron a tratar era que nos aviñésemos asinar as carteleiras do ano 2019, co que os acordos acadados o pasado sete de febreiro en materia de cambios de quenda irían condicionados a esa sinatura”, explica a sindicalista Susana Riveira (CIG).

CONFLITO COLECTIVO

Segundo argumenta o comité de empresa, detrás da intención da firma está “que o 20 de xuño vaise celebrar o xuízo do conflito colectivo referente a descansos e compensación de festivos. En función do resultado do mesmo as carteleiras poden variar substancialmente”, advirte.

Así, as traballadoras propuxeron a DomusVi asinar as carteleiras prorrogadas de 2018 como marco tamén para o 2019, “sempre e cando se poña no acordo unha cláusula de que estas serán revisables e se terán que adecuar ao resolto en dito conflito colectivo”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here