A presenza de Laureano Oubiña para firmar exemplares da autobiografía ‘Oubiña. Toda la verdad‘ marcou o balance da Feira do Libro de Ribadeo, que se celebrou a pasada fin de semana.
O Concello de Ribadeo desmarcouse da presenza do exnarcotraficante na caseta da libraría Vivín, onde firmou exemplares do libro durante a mañá e a tarde do domingo.
A edil de cultura Pilar Otero aclarou que a libraría convidou a Oubiña “pola súa conta e risco sen comunicalo previamente aos organizadores”.
Así, expuxo que o programa non recollía a súa participación na feira, como si fixo coas escritoras que asinaron unidades das súas últimas novelas no evento.
A concelleira lamentou que “actuasen de forma totalmente desleal tanto coa organización como co resto das librarías”.
PRESENZA POLÉMICA
A participación do capo en feiras e mercados populares de distintos puntos do territorio galego provocou as protestas de grupos políticos e de asociacións como a Fundación Galega Contra o Narcotráfico, que consideran a publicación e a súa campaña promocional unha “provocación”.
Ademais de comerciar co libro que editou en xullo de 2018, Laureano Oubiña, que pasou tres décadas en diferentes prisións españolas desde a súa detención na Operación Nécora, vende produtos de merchandising como camisetas coa súa caricatura.
ÉXITO DE VENDAS E PARTICIPACIÓN
A Feira do Libro, que se celebrou baixo o epígrafe ‘Letras no campo‘, reuniu nove librarías, que venderon as publicacións cun 10 por cento de desconto.
Pilar Otero salientou que o evento tivo “un éxito de vendas e unha notable participación na sinatura de libros e actividades que se programaron”.
Ademais das escritoras María Soliño e Elisabeth Bowman, que asinaron exemplares o sábado, os mariñaos Lourenzo Fernández Prieto, Paco Rivas, X. R. Baixeras, David Val ou Juan López Rico presentaron na feira os seus últimos traballos.