O Concello lamenta a presenza de Laureano Oubiña nunha “exitosa” Feira do Libro de Ribadeo

A concelleira de cultura aclara que a libraría Vivín convidou ao ex narcotraficante "pola súa conta e risco sen comunicalo previamente á organización"

Laureano Oubiña na Feria do Libro de Ribadeo. VIVIN

A presenza de Laureano Oubiña para firmar exemplares da autobiografía ‘Oubiña. Toda la verdad‘ marcou o balance da Feira do Libro de Ribadeo, que se celebrou a pasada fin de semana.

O Concello de Ribadeo desmarcouse da presenza do exnarcotraficante na caseta da libraría Vivín, onde firmou exemplares do libro durante a mañá e a tarde do domingo.

A edil de cultura Pilar Otero aclarou que a libraría convidou a Oubiña “pola súa conta e risco sen comunicalo previamente aos organizadores”.

Así, expuxo que o programa non recollía a súa participación na feira, como si fixo coas escritoras que asinaron unidades das súas últimas novelas no evento.

A concelleira lamentou que “actuasen de forma totalmente desleal tanto coa organización como co resto das librarías”.

PRESENZA POLÉMICA

A participación do capo en feiras e mercados populares de distintos puntos do territorio galego provocou as protestas de grupos políticos e de asociacións como a Fundación Galega Contra o Narcotráfico, que consideran a publicación e a súa campaña promocional unha “provocación”.

Ademais de comerciar co libro que editou en xullo de 2018, Laureano Oubiña, que pasou tres décadas en diferentes prisións españolas desde a súa detención na Operación Nécora, vende produtos de merchandising como camisetas coa súa caricatura.

ÉXITO DE VENDAS E PARTICIPACIÓN

A Feira do Libro, que se celebrou  baixo o epígrafe ‘Letras no campo‘, reuniu nove librarías, que venderon as publicacións cun 10 por cento de desconto.

Pilar Otero salientou que o evento tivo “un éxito de vendas e unha notable participación na sinatura de libros e actividades que se programaron”.

Ademais das escritoras María Soliño e Elisabeth Bowman, que asinaron exemplares o sábado, os mariñaos Lourenzo Fernández PrietoPaco RivasX. R. BaixerasDavid Val ou Juan López Rico presentaron na feira os seus últimos traballos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here