IniciosociedadeTres familias cumpren os requisitos para optar ás vivendas gratuítas en Trabada

Tres familias cumpren os requisitos para optar ás vivendas gratuítas en Trabada

A comunidade educativa espera que fructifique a iniciativa que o Concello puxo en marcha a contrarreloxo para evitar a perda dunha unidade do Ceip Celso Currás

Publicada o

- Advertisement -

Dez familias interesáronse polo ofrecemento que fixo o Concello de Trabada de proporcionar vivenda gratis a familias que matriculasen dous ou máis fillas e fillos con idades entre os 3 e os 6 anos no CEIP Celso Currás.

“Tres delas cumpren os requisitos. Contactaremos con elas nos próximos días para tratar de concretar”, adiantou a alcaldesa, Mayra García, que o pasado domingo lanzou esta iniciativa contra reloxo para evitar a supresión da unidade de infantil no colexio público do municipio.

O Concello ofrécelles a posibilidade de residir nalgunha das escolas unitarias rehabilitadas como vivendas nas parroquias do municipio, aínda que polo momento non se concretou o tempo que se manterá a gratuidade.

EMPREGO

A mudanza ten un aliciente máis xa que, o pasado luns, a empresa de electricidade Blanco Villar comunicouse co concello para sumar o ofrecemento dun posto de traballo.

As persoas interesadas poden seguir poñéndose en contacto co Concello para recibir a información de primeira man.

Trabada ponlle protagonistas concretos a unha realidade que se extende a todos os municipios rurais, especialmente no interior.

DE 2.163 A 1.121 HABITANTES EN 28 ANOS

A situación do municipio -a pouco máis de dez quilómetros da praia das Catedrais e nun dos itinerarios do Camiño Norte a Santiago– cunhas privilexiadas condicións para gandeiría non conseguiu sortear o despoboamento e o avellentamento da poboación.

O municipio pasou dos 2.163 habitantes de 1990 aos 1.121 de 2018 (último dato consolidado). 0 37% dos trabadenses ten máis de 65 anos mentras so o 9,2% ten menos de 20.

Así, onde lembran “ata dúas aulas por curso” agora “pelexan” pola continuidade da unidade de infantil, que agrupa a nenas e nenos de tres a seis anos.

DOUS NENOS EN INFANTIL

“Este ano (por agora) non se matriculou ningún neno de tres anos, nin tampouco o ano pasado, co cal para o curso que ven só quedarían dous nenos de cinco anos no ciclo de infantil”, explica a directora do centro, Marta Castelao.

Segundo as directrices da Consellería de Educación, serían precisas sete alumnas e alumnos para manter a clase.

De non haber incorporacións, os dous nenos integraríanse nunha das unidades de primaria, que agrupa estudantes de primeiro, segundo e terceiro.

OS CAMBIOS NON AFECTARÍAN Á DOCENCIA

A reestruturación non tería, “polo momento”, consecuencias en canto ao número de docentes. Manteríanse as cinco profesoras e profesores -especialistas en educación infantil, lingua estranxeira, música, educación física e audición e linguaxe- do colexio que, ademais de dar clase, realizan as labores do centro e atenden o comedor.

“O especialista en educación infantil reubicaríase en primaria ao aumentar o número de nenos da unidade”, explica Castelao, que si vería como se suprime o cargo de dirección, unha tarefa que se asigna a un “encargado de dirección”.

O alumnado despide ao mestre de conversa en inglés a fin de curso. CEIP CELSO CURRÁS

“A CALIDADE EDUCATIVA É EXTRAORDINARIA”

Tanto os docentes como o resto da comunidade educativa agardan novidades. “Revertir a situación require a implicación de moita xente. Sería case un miragre pero a ilusión é o último que se perde, senon non pelexariamos”, di Marcos Cabanas, presidente da Asociación de Nais e Pais.

“Merece moito a pena polo grandísimo esforzo que están a facer no centro. A calidade educativa é extraordinaria, tanto no traballo nas aulas como en todas as saídas e actividades que se organizan para estimulalos a seguir aprendendo”, apunta con entusiasmo, convidando a visitar o blog do CEIP Celso Currás.

PREOCUPACIÓN POLO FUTURO

A preocupación vai máis aló do vindeiro curso. “Hai oito alumnos e alumnas que este ano fan o último curso de primaria. Así que, se todo vai ben, en 2020-2011 iranse do centro. Se non hai matrículas, poderiamos quedar por baixo dos 25 alumnos”, advirte o pai.

“Creo que Trabada, como outros centros, resultou moi prexudicado polo feito de centralizar a educación secundaria nos institutos. Aquí, a maioría van a Ribadeo facer a ESO e hai persoas que xa deciden levalos aos colexios alí”, argumenta Cabanas, que expón as vantaxas de estudar nun colexio pequeno.

“Non so saen totalmente preparados e cun coñecemento extraordinario, conviven dentro e fóra da aula desde os tres aos doce anos e iso fainos sentir parte dunha familia. Nun centro con vinte por clase non é posible”, conclúe.

Nenas e nenos do colexio nunha visita a recén inaugurada residencia pública do concello. CEIP CELSO CURRÁS

CATORCE NENOS DE 0 A 3 ANOS

O futuro do CEIP Celso Currás son as catorce nenas e nenos de 0 a 3 anos empadroados agora en Trabada.

Máis aló desta iniciativa puntual de vivenda e traballo, o concello ven ofrecendo nos últimos anos outros incentivos á natalidade e ao asentamento de poboación como axudas de 400 anos por nacemento e escolarización, achegas para material escolar no ciclo de infantil ou programas de conciliación durante os periodos vacacionais.

“Tratamos de poñer todos os recursos que podemos a disposición das familias, pero non podemos obrigar a ningún nai ou pai a que queden”, explica García.

A alcaldesa tamén fai tamén un chamamento a outras administracións e ás lexisladoras e lexisladores. “Se queremos que no rural viva xente, temos que favorecer que dispoñan dos recursos e servizos que precisan. Cando se lexisla, deberíase facer pensando en como se vive no rural. Ás veces parece que se fai todo o contrario”, lamenta.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...